Certificación de vendas discográficas

A certificación de vendas discográficas é un sistema de recoñecemento aos artistas cuxas producións discográficas alcanzan as máis altas cifras de vendas.[n. 1] Nos países do noso controno, os recoñecementos máis comúns son o Disco de Ouro e o Disco de Platino, pero tamén se entregan o Disco de Prata, o Disco de Diamante e o Disco de Uranio (este último só se entregou en contadas ocasións). Nos países de influencia inglesa é moi coñecido o "Golden Record".

O número de vendas requirido para alcanzar estes premios varía de acordo coa poboación do país no que se lance a produción discográfica e co volume habitual de vendas. Pode tamén variar o baremo nun mesmo país por evolución das vendas (aumento ou baixa). Xa que logo, por exemplo, en Alemaña a cifra para conseguir o platino en sinxelos e álbums variou desde os anos 80 ata a actualidade, pasando primeiro de 800.000 copias a 500.000, logo a 300.000 e actualmente ás 200.000, debido á caída das vendas e á dificultade consecuente de premiar discos. Pola súa banda, o Reino Unido mantivo constantes as súas 300.000 copias necesarias para conseguir o Disco de Platino no país, debido a que alí as vendas de discos non sufriron cambios tan significativos. En España, as cantidades necesarias para o Disco de Ouro e de Disco de Platino eran orixinalmente de 50.000 e 100.000 copias, respectivamente; o 1 de novembro de 2005 rebaixáronse a 40.000 e 80.000, e a mediados de setembro de 2009 volvéronse a rebaixar a 30.000 e 60.000, respectivamente.[1][2] Actualmente están en 20.000 e 40.000.[3]

Normalmente entréganse estes recoñecementos de acordo coas copias distribuídas e non segundo as vendidas, xa que non en todos os países se contabilizan ao 100 % as copias vendidas, senón unha porcentaxe que rolda o 80 %, e o resto estímase. Pero as copias fabricadas si que están contabilizadas ao 100 %.

As copias requiridas para lograr un recoñecemento tamén varían segundo o formato da produción discográfica: álbum, sinxelo, DVD ou descarga. Nalgúns países tamén se distingue entre artistas nacionais ou estranxeiros, ou segundo o idioma. Así, nos Estados Unidos o platino para álbums está establecido en 1.000.000 de exemplares, entanto que se o disco contén polo menos un 51 % de temas en castelán (denominado latino) opta tamén aos premios de ouro e platino, que se entregan ao superar as 200.000 copias vendidas.

A inicios do século XXI, as certificacións concédense xeralmente de xeito acumulativo e é posible que un só álbum sexa premiado con prata, ouro e platino consecutivamente. Un álbum que obtén dúas veces disco de platino é coñecido habitualmente como un “dobre platino”.

Historia editar

O premio "Disco de Ouro" orixinal (en realidade "Gold Record"), era entregado aos artistas polas súas propias compañías discográficas, para celebraren o logro de 1.000.000 de discos de vinilo vendidos nos Estados Unidos de América. O primeiro destes premios foi entregado pola RCA ao músico Glenn Miller, en febreiro de 1942, celebrando as 1.200.000 unidades vendidas do seu sinxelo "Chattanooga Choo Choo". Outro exemplo das primeiras entregas deste premio por parte dunha compañía discográfica é o concedido a Elvis Presley en 1956, por 1.000.000 de vendas do seu single "Hound Dog".

Estes exemplos provocaron controversia con respecto ás posteriores entregas do mesmo recoñecemento, por vendas moito menores (500.000 en 2007), o cal non faría xustiza con estes artistas.

Certificación da RIAA editar

Aplicáronse diversos criterios para determinar se unha produción discográfica logra ou non algún recoñecemento especial polas súas vendas. Algúns destes criterios baseáronse nas unidades vendidas e outros no valor das vendas. Con todo, o primeiro criterio oficialmente recoñecido pola Recording Industry Association of America (Asociación Industrial Discográfica dos Estados Unidos), para obter “Gold Record” no seu país foi para a venda de sinxelos en 1958; ao mesmo tempo, a RIAA inscribiu "Gold Record" como unha marca rexistrada nos Estados Unidos. O 14 de marzo de 1958, Perry Como obtivo, co sinxelo "Catch a Falling Star", o seu primeiro "Gold Record". Máis adiante, ese mesmo ano, Elvis Presley, co seu éxito "Hard Headed Woman", converteuse no primeiro intérprete de Rock and roll en obter esta certificación.

Do mesmo xeito que outros premios na industria discográfica estadounidense, a medición das vendas dunha produción non se fai sobre as vendas reais ao consumidor, senón sobre os despachos que os produtores fan aos distribuidores comerciantes, ou sobre as transaccións financeiras respectivas. Isto quere dicir que a obtención temperá dalgún recoñecemento para un novo lanzamento discográfico posiblemente reflicta máis as expectativas dos distribuidores para o álbum e o seu potencial de mercadeo que as súas vendas reais ao consumidor final.

Certificación da IFPI editar

A Federación Internacional de Produtores Fonográficos e Videográficos (IFPI, polas siglas en inglés de "International Federation of Phonogram and Videogram Producers") concede, desde 1996, o IFPI Platinum Europe Award[4] aos álbums cuxas vendas superen o millón de unidades (1.000.000) en Europa. A continuación, séguese concedendo a mesma certificación cada vez que o mesmo produto supera outro millón adicional de vendas, o que moitas veces se denomina como Multi-platinum Europe Awards. Non se restrinxe a orixe xeográfica do artista recoñecido, nin o tempo que lle leve alcanzar o limiar de vendas requirido.

Notas editar

  1. Véxase o papel do produtor discográfico neste proceso de produción.

Referencias editar

  1. "Noticias los40.com.". Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2012. Consultado o 29 de marzo de 2016. 
  2. 20minutos.es.
  3. «¿Quién vende todavía discos en España?
  4. IFPI Platinum Europe Award (en inglés)

Ligazóns externas editar