Cavidade xeral

espazo cheo de fluído nun organismo pluricelular

En zooloxía denomínase cavidade corporal a calquera espazo ou compartimento, ou espazo potencial, do corpo dun animal.

Blastulación. Transformación da mórula maciza (1) na blástula (2), que é a primeira cavidade que se forma no embrión dos animais

No organismo pode haber varias cavidades ou espazos, que poden conteren varios órganos e outras estruturas; as cavidades como espazos potenciais conteñen fluídos que, ordinariamente, contribúen á distribución de substancias.[1]

A cavidade xeral editar

Denomínase cavidade xeral á cavidade que se forma no embrión no transcurso do seu desenvolvemento. No debe confundirse coa cavidade dixestiva embrionaria (arquéntero), que está comunicada co exterior polo blastóporo (boca embrionaria),[2] e que, polo tanto, non é unha cavidade xeral en sentido embrionario.

Tras a segmentación do cigoto fórmase unha esfera maciza de células denominada mórula; esta case sempre forma un oco para formar unha blástula, de maneira que todas as células sitúanse na periferia e deixan unha cavidade central chea de líquido, chamada blastocelo,[2] que se coñece como cavidade xeral primaria por ser a primeira que se forma no embrión. Este blastocelo embrionario persiste nos adultos dos animais chamados pseudocelomados, como os nematodos e os rotíferos.

Porén, o blastocele adoita desaparecer nas seguintes etapas do desenvolvemento embrionario. Así, nos platihelmintos, o mesoderma invade o blastocelo, que queda practicamente obliterado, orixinado unha arquitectura corporal adulta maciza, sen cavidade xeral; estes animais reciben o nome de acelomados.

Nos celomados editar

 
O celoma

Nos embrións dos animais celomados (anélidos, moluscos, artrópodos, cordados), o mesoderma fai un oco e orixina o celoma ou cavidade xeral secundaria, chamada así por ser a segunda que se forma, despois do blastocelo, durante o proceso embrionario. Ten orixe mesodérmica e, polo tanto, é exclusivo dos animais triblásticos. Está limitado polo peritoneo e cheo de líquido celomático ou fluído celómico. Os órganos internos quedan fóra do celoma.[3]

O celoma pode persistir no adulto ou pode sufrir diferentes graos de redución e modificación.[4]

Pseudocele e celoma editar

En xeral, o espazo comprendido entre a parese corporal e o tubo dixestivo pódese clasificar nun destes dous gruos, o pseudocele, que non está tapizado de células, e que se orixina máis ou menos directamente da primeira cavidade que se forma no embrión dos animais (na blástula), e o celoma, que posúe un revestimento epitelial, e que se orixina xeralmente como un crecemento especializado de certas células embrionarias, ou a partir da parede do tubo dixestivo embrionario.

Estas cavidades corporais albergan usualmente órganos distintos dos do aparello dixestivo, órganos reprodutores, órganos excretores, etc. Os animais que teñen un aparello circulatorio especializado, tales como os anélidos e os vertebrados, o celoma está cheo dun fluído chamado líquido celomático ou fluído celómico. Este non é sangue, porque non conten células sanguíneas, aínda que a súa composición se parece moito á do sangue. Nalgúns animais, como nos artrópodos, o sangue encha a súa cavidade corporal, e esta cavidade denomínase entón hemocele. [4][5]

Funcións editar

A presenza dunha cavidade xeral permite amortecer as variacións de temperatura, pH e osmolaridade, e tamén permite a filtración de residuos metabólicos. Permite que os órganos medren e se movan. Finalmente, a presión turxente permite a absorción de choques ou incluso o endurecemento do corpo (esqueleto hidrostático).[6]

Nos mamíferos editar

Os embrións dos mamíferos desenvolven dúas cavidades: o celoma intraembrionario e o celoma extraembrionario (ou cavidade coriónica). O celoma intraembrionario está revestido polo mesoderma de placa lateral somática e esplácnica, mentres que o celoma extraembrionario está revestido por mesoderma extraembrionario. O celoma intraembrionario é a única cavidade que persiste nos mamíferos a termo, polo que o seu nome a miúdo contráese simplemente como "cavidade celómica". A división da cavidade celómica en compartimentos, por exemplo, a cavidade pericárdica, onde se desenvolve o corazón, simplifica a discusión das anatomías dos animais complexos.

Nos humanos editar

 
Principais cavidades do corpo humano

As dúas maiores cavidades do corpo humano son a cavidade ventral e a cavidade dorsal. Na cavidade dorsal localízanse o cerebro e a medula espiñal.

As membranas que rodean os órganos do sistema nervioso central (o cerebro e a medula espiñal), nas cavidades cranial e espiñal son as tres meninxes.

Os espazos revestidos de forma diferente conteñen diferentes tipos de fluído. Nas meninxes, por exemplo, o fluído é o líquido cefalorraquídeo e, na cavidade abdominal, o fluído contido no peritoneo,[7] membrana serosa que recobre de forma interna a cavidade e os órganos do celoma, é un fluído seroso.

A cavidade do corpo ventral inclúe a cavidade torácica, pechada pola caixa torácica, e contén os pulmóns e o corazón, e a cavidade abdominopélvica.

Esta última pódese dividir en cavidade abdominal e cavidade pévica; a abdominal contén os riles, os uréteres, o estómago, os intestinos, o fígado, a vesícula biliar e o páncreas; e a cavidade pélvica, pechada pola pelve, contén a vexiga urinaria, o aparello reprodutor e o ano.

Notas editar

  1. Frings & Frings 1975, p. 136.
  2. 2,0 2,1 VV. AA. 2010, p. 35.
  3. VV. AA. 2010, p. 42.
  4. 4,0 4,1 Frings & Frings 1975, p. 138.
  5. hemocele en Digalego.
  6. Frings & Frings 1975, pp. 136-138.
  7. VV. AA. 2010, p. 134.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • D'Ancona, H. (1972): Tratado de zoología. Tomo I. Barcelona: Editorial Labor, S. A.
  • Frings, H. e M. Frings (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra, S. A. ISBN 84-2050-505-6.
  • Remane, A., Storch, V. e Welsch, U. (1980): Zoología sistemática. Clasificación del reino animal. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-2820-608-2.
  • VV. AA. (2010): Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. ISBN 978-84-4534-973-1.

Outros artigos editar