Sì shū wǔ jīng

Os Catro Libros e os Cinco Clásicos da China
(Redirección desde «Catro libros e cinco clásicos»)

Sì shū wǔ jīng (chinés clásico: 四書五經; chinés simplificado: 四书五经; pinyin: Sì shū wǔ jīng; Wade-Giles: Ssŭ4 Shu1 Wu3 Ching1; xaponés: 四書五経, Shisho gokyō; coreano: 사서오경, Saseoogyeong; vietnamita: Tứ thư Ngũ kinh; traducido ao galego como os Catro Libros e Cinco Clásicos) son os libros canónicos do confucianismo, escritos arredor do -300.[1] Segundo a tradición, foron escritos, editados ou comentados polo propio Confucio ou algún dos seus discípulos. A partir da dinastía Han, convertéronse no núcleo dos clásicos chineses, nos que se basearían os exames imperiais.

Sì shū wǔ jīng 四書五經
Páxina do Shujing ou Libro dos documentos
Autor/aConfucio e outros
OrixeChina
LinguaChinés clásico
editar datos en Wikidata ]

Os Catro Libros editar

Os Catro Libros son textos clásicos chineses que amosan os valores e crenzas fundamentais do confucianismo. Foran escollidos por Zhu Xi durante a dinastía Song para usarse coma unha introdución xeral ao confucianismo.[2] Nas dinastías Ming e Qing, compuxeron o tallo do currículo oficial para os exames imperiais.[3] Estes son:

  • Daxue 大學 ou A grande aprendizaxe. Orixinalmente, era un capítulo do Liji 禮記 ou Libro dos ritos.[4] Consta dun breve texto principal, atribuído a Confucio, e nove capítulos cos comentarios de Zengzi.[4] O prefacio de Zengzi sinala ao Daxue como porta cara á aprendizaxe. Foi moi influente no pensamento chinés clásico e moderno, xa que contén reflexións sobre temas fundamentais da filosofía chinesa, coma o goberno, a autorrealización ou a investigación das causas.[5] O texto vincula o bo goberno coa integridade persoal dos soberanos.[2][5]
  • Zhongyong 中庸 ou A doutrina do medio. Trátase tamén dun capítulo do Liji, atribuído ao neto de Confucio, Zisi.[6][7] É un libro breve, que consta de trinta e tres capítulos. O seu propósito é demostrar a utilidade do camiño dourado para acadar a virtude perfecta.[2] Este "camiño" ou dao é unha lei prescrita polo mandato do ceo, non só para os gobernantes, senón para tódalas cousas. Consiste en adherirse á moderación en todos os actos.[6]
  • Lunyu 論語 ou Analectas. Trátase dunha compilación de conversas entre Confucio e os seus discípulos, que tamén recolle algúns dos discursos do mestre.[2][8] Dende os tempos de Confucio, as Analectas influenciaron a filosofía e os valores morais da China e outras nacións do leste asiático. Os exames imperiais, que comezaron coa dinastía Sui e foron abolidos pola República da China, facían énfase no estudo de Confucio, polo que os candidatos tiñan que saber citar e aplicar as Analectas nos seus ensaios.
  • Mengzi 孟子 ou Libro de Mencio. Colección de conversas do erudito Mencio con varios monarcas do seu tempo.[9] En contrate coas Analectas de Confucio, que adoitan ser breves e independentes, o Mengzi está composto por extensos diálogos en prosa, que reflicten un pensamento mais elaborado a nivel teórico.[9] Unha das súas afirmacións fundamentais é que a natureza humana ou xing 性 é orixinalmente boa.[2]

Os Cinco Clásicos editar

Os Cinco Clásicos son os cinco libros, anteriores á dinastía Qin, que constitúen o canon confuciano tradicional. Moitos dos textos xa eran considerados relevantes durante o período dos Reinos Combatentes. Mencio, o principal erudito confuciano da época, consideraba que os Chunqiu 春秋 ("Anais de primaveras e outonos") eran igual de importantes que as crónicas semilendarias do período arcaico. Durante a dinastía Han do Oeste, que adoptou o confucianismo como ideoloxía oficial, estes clásicos convertéronse en parte do currículo do exames imperiais. Foi durante esta época que comezaron a considerarse coma un conxunto unificado, recibindo o nome de Wujing 五經 ou "Cinco Clásicos".[10] Existiu tamén un sexto Clásico da música ou Yuejing 樂經, hoxe perdido. Os Cinco Clásicos son os seguintes:

  • Shijing 詩經 ou Clásico da poesía. Trátase dunha escolma de 305 poemas divididos en 160 cancións populares, 105 cancións festivas que se interpretaban nas cerimonias da corte, e 40 himnos e elexías cantadas durante os sacrificios a heroes ou aos espíritos ancestrais da casa real.
  • Shujing 書經 ou Libro dos documentos. É unha colección de documentos e discursos supostamente escritos por gobernantes e altos cargos de comezos da dinastía Zhou. Son os textos narrativos máis antigos da China, datados do século -VI.
  • Liji 禮記 ou Libro dos ritos. Este libro describe os ritos, as formas sociais e as cerimonias da corte da antigüidade chinesa. A versión conservada na actualidade procede dunha recompilación feita por eruditos do século -III a partir do texto orixinal, cuxa edición se atribúe ao propio Confucio.
  • Yijing 易經 ou Libro dos cambios. Esta obra contén un sistema de adiviñación semellante á xeomancia occidental ou ao ifá do oeste africano. A día de hoxe, segue a empregarse con propósitos augurais.
  • Chunqiu 春秋 ou Anais de primaveras e outonos. Contén un rexistro histórico do reino de Lu, onde naceu Confucio, e a súa autoría atribúeselle ao propio filósofo.

Até os Han do Oeste, adoitábase clasificar os Cinco Clásicos da seguinte maneira: Poemas, Documentos, Ritos, Cambios e Primaveras e Outonos. Con todo, a partir dos Han do Leste, a orde tradicional pasou a ser: Cambios, Documentos, Poemas, Ritos e Primaveras e Outonos.

Coa chegada do budismo á China, o termo jing 經 comezou a utilizarse para traducir o termo sánscrito sutra (como pode apreciarse no célebre Xinjing 心經 ou Sutra do loto).[11] Así mesmo, autores e editores posteriores apropiáronse dos termos "Libro" e "Clásico" con propósitos irónicos ou satíricos, empregándoos en escolmas de temáticas consideradas vulgares. Por exemplo, existiu un Clásico da prostitución ou Piaojing 嫖經, así coma un Clásico das estafas ou Pianjing 騙經 (c. 1617), este último obra de Zhang Yingyu.[12][13]

Notas editar

  1. Widengren, G. (1971-06). Historia Religionum, Volume 2 Religions of the Present (en inglés). BRILL. ISBN 978-90-04-02598-1. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Sishu - Chinese Classics, Neo-Confucianism, Education - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-02-13. 
  3. Gardner, Daniel K. (2007-01-01). The Four Books: The Basic Teachings of the Later Confucian Tradition (en inglés). Hackett Publishing. ISBN 978-0-87220-826-1. 
  4. 4,0 4,1 "The Great Learning (English Only)". pages.ucsd.edu. Consultado o 2024-02-13. 
  5. 5,0 5,1 Theobald, Ulrich. "Daxue 大學 (www.chinaknowledge.de)". chinaknowledge.de (en inglés). Consultado o 2024-02-13. 
  6. 6,0 6,1 "Zhongyong - Chinese Philosophy, Virtue & Morality - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-02-13. 
  7. Theobald, Ulrich. "Zhongyong 中庸 (www.chinaknowledge.de)". chinaknowledge.de (en inglés). Consultado o 2024-02-13. 
  8. Theobald, Ulrich. "Lunyu 論語 (www.chinaknowledge.de)". chinaknowledge.de (en inglés). Consultado o 2024-02-13. 
  9. 9,0 9,1 Mencius (2008). Mengzi: With Selections from Traditional Commentaries (en inglés). Hackett Publishing Company. ISBN 978-0-87220-914-5. 
  10. Nylan, Michael (2001). "The Five "Confucian" Classics" (PDF). Internet Archive (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 29 de outubro de 2013. Consultado o 2024-02-14. 
  11. Maspero, Henri; Kaltenmark, Max (2000). El taoísmo y las religiones chinas (en castelán). Trotta. ISBN 978-84-8164-308-4. 
  12. "嫖經". National Central Library. Consultado o 14-02-2024. 
  13. Zhang, Yingyu (2017-09-05). The Book of Swindles: Selections from a Late Ming Collection (en inglés). Columbia University Press. ISBN 978-0-231-54564-8. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar