Coordenadas: 41°22′14″N 2°09′08″L / 41.37056, -2.15222

As Catro Columnas (en catalán: Quatre Columnes), tamén coñecidas como as Columnas de Puig i Cadafalch, son 4 columnas con capiteis xónicos que reproducen as que foron construídas no ano 1919 polo arquitecto catalán Puig i Cadafalch, onde está na actualidade a Fonte Máxica de Montjuïc, en Barcelona. Simbolizan as catro barras da Bandeira de Cataluña e, inicialmente, estaban destinadas a ser un dos símbolos do nacionalismo catalán.

As Catro Columnas en Montjuïc (Barcelona)

As orixinais foron demolidas en 1928 durante a ditadura de Primo de Rivera, un ano de celebrarse a Exposición Universal de 1929. No ano 2010, foron reconstruídas a poucos metros do lugar orixinal. No momento actual, son un símbolo de perseveranza, convición e da forza de lingua, cultura e identidade nacional catalá.

Construción editar

 
As Catro Columnas orixinais

As columnas formaban parte dun proxecto de urbanización da montaña de Montjuïc que Puig i Cadafalch presentou en 1915, coa finalidade de realizar unha exposición en 1917 centrada no tema da electricidade e a industria eléctrica. Pretendía presentar, a nivel mundial, a Barcelona como capital do Mediterráneo, e a Cataluña como un país cun goberno moderno, a Mancomunidade,[1] e este proxecto sería como o "Versalles catalán". O proxecto foi rexeitado, pero Puig i Cadafalch, volveu presentalo con vistas á Exposición Universal de 1929. Construíronse en 1919, e foron a primeira edificación do proceso de urbanización da montaña.

As columnas, situada na Praza das Belas Artes,[2] tiñan que representar a Cataluña: a columnata representaría a herdanza grega (unha referencia ao templo de Atenea Niké da acrópole de Atenas)[3] e un edificio con cúpula homenaxearía o legado romano. O proxecto global había ser o núcleo fundamental da futura futura Exposición Universal de 1929.

Foron construídas con ladrillos enlucidos que imitaban a pedra e tiñan uns 20 metros de altura e 2,5 metros de diámetro. O arquitecto tiña pensado coroar as 4 columnas con 4 vitorias aladas mais esta parte non se chegou a realizar.

Demolición editar

 
Demolición da última columna.
 
A Fonte Máxica de Montjuïc.

O paso do tempo deixou obsoleto o obxectivo de dedicar a exposición exclusivamente á industria eléctrica, e en 1925 decidiuse que sería denominada Exposición Internacional de Barcelona. O cambio de obxectivo levou á reorganiza-la exposición que se centraría en tres aspectos: a industria, o deporte e a arte. Neste novo período, Puig i Cadafalch foi relegado polas súas ideas catalanista e a súa relación coa Mancomunidade, e a organización pasou a mans do marqués de Foronda e foi nomeado como director das obras Pere Domènech i Roura.

As columnas foron demolidas no ano 1928, pouco antes dunha visita de Primo de Rivera á cidade. Este, durante a súa ditadura, ordenou a eliminación sistemática de tódolos símbolos públicos do catalanismo para que non tiveran presenza nos medios de comunicación e limtar o impacto que podería darlles a Exposición Universal de 1929, que estaba a ter lugar en Montjuïc.

A belixerancia da ditadura foi tal que chegou a modificar os nomes de moitos pobos: castelanizounos e eliminou os carteis cos nomes das rúas en catalán. Igualmente, o complexo que había chamarse Iberona, en lembranza dos iberos, os primeiros habitantes das terras catalás, pasou a deominarse como "Pueblo español", e a praza dende a que se accedía ao recinto pasou a ser Praza de España. E tamén fixo colocar dúas torres venecianas na entrada. Con posterioridade, Franco mesmo chegou a inhabilitar como arquitecto a Puig i Cadafalch.[4]

Proceso de reconstrución editar

 
Proceso de reconstrución das Catro Columnas
 
Operarios rematando o proceso de reconstrución.

Co restablecemento da democracia xurdiron varias voces que reclamaban a reconstrución das columnas, e mesmo o concello de Barcelona aprobou a restitución en 1994, pero non se puido chegar a un acordo sobre a localización máis axeitada.

No ano 2001, o arquitecto Joaquín Español presentou un proxecto para a restauración das 4 columnas, pero o proxecto foi rexeitado pola clase política.

Un ano despois, en 2002, a Rede de Entidades Cívicas e Culturais dos Países Cataláns polos Dereitos e Liberdades Nacionais, que representaba a máis de 60 asociacións, comezou a pedir adheseións, sinaturas e o apoio para a reconstrución.[5] Progresivamente, varias personalidades do mundo da política e da cultura, tales como Jordi Pujol, Pasqual Maragall, Ernest Benach, Gabriel Ferraté, Vicent Partal, Antoni Tàpies, Isabel-Clara Simó e Josep Maria Ainaud de Lasarte, entre outros, deron o seu apoio á iniciativa.

Entre 2005 e 2007, producíronse varios pronucnciamentos de diferentes institucións públicas: o 9 de novembro do 2005 o Parlamento catalán aprobou unha resolución sobre a posible recuperación do monumento, e un ano despois o Consello da cidade asegurou que en 2007, o 50º aniversario da morte de josep Puig i Cadafalch, sería un bo ano para reconstruír as columnas; e comezaron as conversas entre Ferran Mascarell, entón concelleiro de Cultura da cidade, e os responsables da Rede de Entidades Cívicas.

Durante o 2007, o Institut d'Estudis Cataláns organizou a exposición itinerante "Puig i Cadafalch arquitecto e político, e o monumento das catro columnas en Montjuïc", que se presentou, entre outros lugares, no Ateneo Barcelonés, en Mataró, Xirona, la Bisbal d'Empordà e Les Borges Blanques.

No pleno do 27 de xuño de 2008, o Parlamento de Cataluña aprobou unha proposición non de lei,[6] co apoio de tódolos partidos políticos e presentado por ERC, para promover a restauración dos Catro Columnas, en homenaxe aos patriotas cataláns. En 2009 presentouse un proxecto de construción, desenvolvido polo equipo de arquitectos Roselló-Sangenís, seguindo o proxecto orixinal do edificio de Puig i Cadafalch e algúns manuais de construción clásicos.[7] O concello de Barcelona presentou o proxecto nos medios de comunicación o 10 de novembro de 2009.

As obras de reconstrución comezaron durante o primeiro trimestre de 2010. Inicialmente estaba previsto que se inaugurara o monumento durante a Diada do 11 de setembro, ou para as Festas da Mercè, pero as obras foron prolongándose.[8] Posteriormente, informouse que cada columna tería unha altura de 18,7 metros.[8] O día 4 de novembro de 2010 soterrouse, na base das columnas, unha furna conmemorativa coa documentación xerada por varias organizacións cívicas durante o proceso de reivindicación da reconstrución das columnas. O día 7 de decembro elimináronse as estadas que se instalaran para construílas.

A reconstrución, cun orzamento de 2,5 millóns de euros, foi realizada con aneis de pedra artificial -unha mestura de cemento, granito , mármore branco, colocados mediante un guindastre e fixadas mediante unhas pezas metálicas.[9] Con todo, a súa construción foi realizada na Praça do Marquès de Foronda, entre a Fonte Máxica e o Palau Nacional de Montjuïc, un pouco máis arriba da súa localización orixinal.[10] A altura definitiva das columnas, incluíndo o pedestal, é de 20 metros.

Inauguráronse oficialmente o domingo 27 de febreiro de 2011, coa presenza de Artur Mas, presidente da Generalitat de Cataluña, de Núria de Gispert, presidenta do Parlamento de Cataluña, e de Jordi Hereu, alcalde de Barcelona.[11]

Na base dunha das columnas aparece a inscrición:

Restitució, com a acte de justícia històrica, de les quatre columnes enderrocades per la dictadura l'any 1928 pel seu caràcter de símbol de Catalunya".
"Restitución, como un acto de xustiza histórica, das Catro Columnas derruídas pola ditadura do ano 1928 polo seu carácter de símbolo de Cataluña.

Outras construcións editar

En 1999 a Universidade Autónoma de Barcelona ergueu catro columnas no campus de Bellaterra como homenaxe ás de Puig e Cadafalch. Foron realizadas polo escultor valenciano Andreu Alfaro.

Galería editar

Notas editar

  1. Institut d'Estudis Catalans. Secció Històrico-Arqueològica. Jornadas Cientifiques (2003). Puig i Cadafalch i la Catalunya contemporània. p. 176. ISBN 84-7283-702-5. 
  2. Roca, Estanislau (2000). Montjuïc, la muntanya de la ciutat. Institut d'Estudis Catalans. p. 439. ISBN 9788472834903. 
  3. Solano, Daniel (7 de febreiro de 2011). "Entrevista a Jordi Salata: 'S’ha espanyolitzat i adulterat l’esperit original del complex de Montjuïc de Puig i Cadafalch'". Art Neutra. El blog de les artes visuals (en catalán). Consultado o 10 de febreiro de 2017. 
  4. Tv3. Barcelona-4 Columnes de Puig i Cadafalch-TN-www.histocat.cat (en catalán). Consultado o 12 de xullo de 2023. 
  5. La Vanguardia, "Empiezan las movilizaciones ciudadanas para reclamar la reubicación original de las columnas de Puig i Cadafalch" Arquivado 28-05-2020 en Wayback Machine. 25 d'abril de 2007.
  6. "Proposició no de llei sobre la recuperació del monument de les Quatre Columnes, de Puig i Cadafalch, a Barcelona Tram. 250-00702/07" (PDF). laxarxa.cat (en catalán). 23 de maio de 2005. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 de marzo de 2016. Consultado o 11 de marzo de 2017. 
  7. Montañés, José ángel (6 de novembro de 2010). "Rebrotan las 'Quatre Columnes'". El País (en castelán). Consultado o 10 de marzo de 2017. 
  8. 8,0 8,1 Axencias (5 de novembro de 2010). "Les columnes es podrien inaugurar l’Onze de Setembre". ElPuntAvui (en catalán). Consultado o 10 de marzo de 2017. 
  9. Ansola, Emma (6 de novembro de 2010). "Les Quatre Columnes es comencen a albirar sobre les fonts de Montjuïc". ElPuntAvui (en catalán). Consultado o 10 de marzo de 2017. 
  10. Redacción (5 de novembro de 2010). "Montjuïc recuperarà al desembre les quatre columnes d'homenatge a la senyera". 3cat24.cat (en catalán). Consultado o 11 de marzo de 2017. 
  11. "Inauguración das Catro Columnas" (en catalán). 27 de outubro de 2011. Consultado o 10 de marzo de 2017. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar