Categorización

proceso cognitivo no cal as ideas e obxectos son recoñecidos, diferenciados, e comprendidos

A categorización é a habilidade de clasificar os elementos da realidade externa e interna. Tendo en conta que presupón que a lingua non está separada do individuo, da súa capacidade de cognición e das súas actividades, reflicte e participa do funcionamento destes.

Características editar

Na semántica tradicional aceptouse que os esquemas categorizadores se establecen en función de condicións necesarias e suficientes, pero a semántica cognitiva defende outros parámetros: o criterio fundamental é a prototipicidade. Segundo a teoría dos prototipos, a inclusión dun concepto nunha categoría responde á semellanza que garda con boa parte dos elementos deste grupo. Non é imprescindible que sexa con todos e que todos cumpran unhas determinadas características para a inclusión, e isto permite distinguir uns membros máis prominentes e representativos da categoría (en oposición á representatividade igualitaria de tódolos elementos nas categorías consideradas tradicionalmente). Estes mellores representantes chámanse prototipos e defínense consonte modelos cognitivos idealizados (Lakoff 1987), que son modelos mentais constituídos por un conxunto de supostos que son causa e/ou efecto dunha representación parcial da realidade (cosmovisión). Mesmo tendo carácter parcial, son os modelos considerados para caracterizar as categorías e establecer a representatividade.

Para definir un concepto (por exemplo, nai), débese situar no contexto conceptual dunha sociedade, onde existen certas expectativas (CASADA, EMBARAZADA, CUN FILLO E QUE O COIDA). Pero isto non se corresponde exactamente coa realidade senón só co exemplo prototípico. Inda así existen casos que non se axustan totalmente ós presupostos e tamén se inclúen no modelo cognitivo, podéndose analizar o seu grao de axeitamento á categoría. Os criterios condicionantes dunha categoría coinciden exactamente coa realidade en casos puntuais e o resto dos elementos serán considerados "non prototípicos" e máis "periféricos", máis afastados dos significados "centrais" ou prototípicos (MEDIAS NAIS, NAIS ADOPTIVAS OU DE ALUGUER). A estrutura do modelo non é máis que un produto do modelo cognitivo e os seus elementos defínense e organízanse en diferentes niveis de prototipicidade en función da afinidade ó modelo de coñecemento:

  • as MEDIAS NAIS non son as NAIS BIOLÓXICAS pero adoitan estar CASADAS co pai biolóxico e COIDAN ó neno;
  • as NAIS ADOPTIVAS tampouco son as NAIS BIOLÓXICAS pero COIDAN ó neno: son máis periféricas por que é menos frecuente estaren CASADAS co pai biolóxico;
  • as NAIS DE ALUGUER son NAIS BIOLÓXICAS peron non COIDAN ó neno nin están CASADAS CO PAI;

Isto pode resumirse con este cadro:

MODELO CASADA CO PAI NAI BIOLÓXICA DO FILLO COIDA DO FILLO
NAI PROTOTÍPICA + + +
MEDIA NAI + - +
NAI ADOPTIVA - - +
NAI DE ALUGUER - + -

Disto dedúcese que non hai unha serie de requisitos mínimos para definir todos os elementos constituíntes dunha categoría, o que evidencia a imposibilidade de definir unha categoría en base a condicións necesarias e suficientes.

Véxase tamén editar