Categoría gramatical

Categoría gramatical ou clase gramatical é o termo empregado para a clasificación das palabras segundo o seu tipo. Modernamente o termo categoría gramatical refírese a unha variable lingüística que pode tomar diferentes valores que condicionan a forma morfolóxica concreta dunha palabra moito máis xeral có uso tradicional do termo.

Historia editar

A clasificación gramatical das linguas europeas deriva principalmente da gramática grega. No diálogo Crátilo, Platón discute se as palabras (lógos) son arbitrarias ou intrínsecas á natureza das cousas, e separa o discurso en dúas partes distintas: ónoma (nome) e rhema (verbo). No texto, Platón interesábase na natureza das palabras, máis alá da súa forma, e así a súa división é tanto morfolóxica (nomes vs. verbos, adxectivos, etc.) como sintática (suxeito vs. predicado).[1]

O principal discípulo de Platón, Aristóteles, escribiu tamén reflexións sobre gramática e os tipos de palabra. Consideraba as palabras como signos, sinais falados ou escritos, cos que designamos as cousas, pola nosa propia incapacidade de apreender as cousas en si mesmas, noción retomada pola lingüística moderna co concepto de signo lingüístico de Saussure.[2] E ademais de acepta-las clases platónicas de onoma e rhema, engade unha terceira: sýndesmos ("coesivos") — as palabras que ao contrario das dúas primeiras clases, non teñen significado propio, porén serven para conectar e articular entre si as diferentes partes do discurso.[2]

Os estoicos ao longo dos séculos seguiron a matinar na clasificación das palabras, con engadidos como:[3]

  • A separación entre sýndesmos propiamente dito (conxunción e preposións) e árthron ("articuladores"), as clases que articulan as partes do discurso (incluídos pronomes e artigos);
  • A distribución dos sýndesmos en once tipos: prepositivos, disxuntivos, subdisxuntivos, comparativos, causais, continuativos, subcontinuativos, ilativos, copulativos, conclusivos e expletivos;
  • A introdución da clase dos metokhé (μετοχή), ou formas nominais do verbo;
  • A introdución da clase dos epirrhema (literalmente, adverbio), que faría aos verbos o mesmo que fan aos substantivos os epitheton (adxectivo).

Todas esas clasificacións sintetizounas na obra A arte da gramática (Τέχνη Γραμματική) Dionisio o Tracio, escrita no século II a. C., cunha clasificación das palabras en oito clases, que pasaron ao latín e a boa parte das linguas modernas:[4]

  1. OnomaNōmenNome
  2. RhemaVerbumVerbo
  3. MetokhéParticipiumVerbinominal
  4. AntonymíaPronomenPronome
  5. ÁrthronArticulusArtigo
  6. EpírremaAdverbumAdverbio
  7. PróthesisPraepositioPreposición
  8. SýndesmosConjunctioConxunción

O gramático latino Prisciano, no ano 500, mantivo as oito clases, trocando os artigos polas interxeccións: palabras que servían para expressar emocións no texto. Os adxectivos só formaron unha clase distinta dos substantivos no século XVIII; considérase que a primeira gramática en facer esa distinción foi a de Nicolas Beauzée para o francés.[5]

Categorías na gramática tradicional editar

En gramática tradicional a clasificación segundo categorías é de tipo semántica e non-funcional. O concepto tal como se introduciu a gramática tradicional considérase superado e foi substituído por unha análise máis moderna, así a todo, o seu uso segue sendo común na gramática escolar e tradicional.

As categorías que recoñece e a clasificación que propón a gramática tradicional son morfolóxicas e non se deben confundir coa función sintáctica que desempeña a palabra ou grupo de palabras (locucións).

A gramática tradicional distingue nove partes da oración:

  1. Artigo
  2. Substantivo
  3. Pronome
  4. Verbo
  5. Adxectivo
  6. Adverbio
  7. Preposición
  8. Conxunción
  9. Interxección

As cinco primeiras (artigo, nome, pronome, verbo e adxectivo) son as chamadas partes variables da oración, pois as palabras que pertencen a estes tipos poden variar en xénero e número, sen deixar de se-la mesma palabra. Unha excepción constitúea o verbo, que non varía en xénero, pero si en número, persoa, tempo, modo, voz e aspecto.

Obviamente esta clasificación da gramática tradicional non é aplicable a linguas como o chinés, o turco ou moitas linguas amerindias, ben por carecer de flexión ou ben por carecer de preposicións, ou ben porque verbos e adxectivos forman unha clase única.

As categorías na gramática moderna editar

En teoría lingüística moderna, o termo categoría gramatical inclúe moitos máis aspectos có termo tradicional, que en xeral só se refire a clases semánticas de palabras. En termos xerais unha categoría gramatical é unha variable morfolóxica que pode tomar diversos valores para unha clase de palabras á que se aplica, por exemplo, a clase dos verbos presentan variacións ou realizacións diferentes segundo o seu tempo, modo, persoa etc. e cada unha destas variables pode tomar diferentes valores, por exemplo en galego a variable "tempo" pode toma-los valores de pasado, presente ou futuro. Normalmente as categorías gramaticais están suxeitas a restricións de concordancia gramatical. Algunhas das categorías gramaticais máis frecuentes entre as linguas de mundo son:

Criterios e procedementos para delimitar categorías gramaticais editar

A Gramática tradicional usou sobre todo criterios lóxicos, de aí a pouca fiabilidade das súas nas súas caracterizacións dos accidentes. Posto que a aproximación a estas unidades se encauza nunha óptica estrutural, intralingüística, os criterios empregados han de ser estritamente lingüísticos.

Así pois, mediante técnicas de segmentación e conmutación delimitaremos as categorías gramaticais como unidades formais que contrastarán sintagmaticamente e que se oporán paradigmaticamente.

Como formas lingüísticas as categorías gramaticais pertencen ó grupo dos signos e inclúense, polo tanto, no primeiro modo de articulación: son signos mínimos, ou o que é o mesmo, morfemas flexivos.

Problemas na delimitación editar

Se os mecanismos de expresión deixasen de ser variados de xeito que en tódolos casos os significantes tivesen un modo de expresión particular e único, e se cada contido se asociase cun único significante, entón non existirían problemas para a descrición das categorías gramaticais. Porén, as linguas son demasiado ricas e complexas na súa configuración interna como para que na súa presentación externa teñan un mínimo de elementos. Esta circunstancia provoca que nos achemos ante as seguintes dificultades:

  • Alomorfia: Acontece cando diferentes expresións substanciais o son dun único significante. As diferentes variacións combinatorias dun morfema denomínanse alomorfos
  • Homonimia:Cando unha única expresión substancial éo de significantes de diferentes morfemas. (andamos pode representa-lo Pres. Ind. ou o Perfecto). Morfemas homónimos
  • Amálgama:Cando nunha única e indivisible expresión substancial se encontran manifestados varios significantes de varios morfemas (-mos manifesta primeira persoa e mais número plural.

Notas editar

  1. Bagno, Marcos (2011). Gramática Pedagógica do Português Brasileiro. São Paulo: Parábola Editorial, p. 405-408
  2. 2,0 2,1 Bagno, Marcos (2011). Gramática Pedagógica do Português Brasileiro. São Paulo: Parábola Editorial, p. 410
  3. Bagno 2011, p. 415-416
  4. Bagno 2011, p. 421
  5. Beauzée, Nicolas (1767). Grammaire générale, ou exposition raisonnée des éléments nécessaires du langage. París.