Castelo de Monterrei

fortificación medieval en Monterrei

O castelo de Monterrei é unha fortificación medieval, situada no concello de Monterrei, nun outeiro sobre o val do río Támega, na confluencia entre os camiños de Pobra de Seabra e Ourense. É unha das fortalezas mellor conservadas de Galiza. Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931, e na actualidade é un Ben de Interese Cultural.

Castelo de Monterrei
ben de interese cultural
ConcelloMonterrei
ProvinciaOurense
Comunidade
autónoma
Galicia
Coordenadas41°56′49″N 7°26′58″O / 41.946814, -7.449401Coordenadas: 41°56′49″N 7°26′58″O / 41.946814, -7.449401
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(século X)
Estado actualVisitable
Véxase tamén
Castelos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

A fortaleza aséntase sobre os restos do castro de Baronceli, e estivo ao longo do tempo en posesión dalgunhas das máis poderosas liñaxes de Galiza: os Ulloa, os Zúñiga, os Viedma, os Fonseca, os Acevedo e finalmente a Casa de Alba.

O lugar foi vila do conde Gutiérrez Menéndez, pai de Rosendo de Celanova, a principios do século X, sendo a primeira noticia documental sobre o castelo de 950. A comarca formaba parte do señorío do mosteiro de Celanova. Os seus abades consideraban o castelo unha ameaza á súa autoridade, polo que procuraron a protección da Coroa, chegando a obter, en 1213, do rei Afonso VIII de León e Galicia o privilexio que ordenaba a demolición das defensas do castelo.

No século XII, o primeiro rei de Portugal, Afonso Henriques, neto de Afonso VI, reedificou o castelo. En 1366 o castelo serviu de refuxio a Pedro I o Cruel no transcurso da guerra civil que o enfrontou a Henrique de Trastámara. Anos máis tarde, o rei Xoán I de Castela concedeu os dereitos sobre o castelo a Diego López de Zúñiga. Seu fillo levou o título de Vizconde de Monterrei, e tralo nomeamento dos Reis Católicos foille concedido o título de 1º Conde de Monterrei a Sancho Sánchez de Ulloa e Monterroso, que herdara o patrimonio en 1461 logo de preitear nos tribunais durante case vinte anos con Francisco de Zúñiga.

Neste lugar entrevistáronse en 1506 Filipe I de Castela e o Cardeal Cisneros.

Na Idade Moderna construíronse so dirección dos enxeñeiros da Coroa Juan de Villaroel e Carlos de Grunemberg dous recintos abaluartados auxiliares que pechaban e defendían o convento dos franciscanos e o dos xesuítas.

En marzo de 1809, durante a Guerra da Independencia española, a fortaleza foi protagonista durante a Batalla do Val de Monterrei, na que as tropas do Marqués de La Romana foron derrotadas polas tropas imperiais francesas do mariscal Soult.

Neste lugar foi impreso o primeiro incunable galego, coa primeira imprenta de tipos móbiles: o 3 de febreiro de 1494 foi estampado o Missale Auriense, o primeiro libro editado en Galiza. A vida cultural desta pequena corte nobiliaria tivo a súa importancia, chegando a impartir docencia en gramática, artes e teoloxía.

Características editar

Está considerada por moitos autores como a maior acrópole galega, sendo durante o final da idade media un enclave estratéxico para a defensa da fronteira con Portugal. Os elementos máis antigos conservados corresponden aos anos do reinado de Afonso VIII de León e Galicia, correspondendo a maior parte dos elementos ao mandato do 1º conde de Monterrei Sancho Sánchez de Ulloa.

Recintos murados editar

 
Castelo de Monterrei desde o sur.

Estrutúrase en tres recintos murados levantados sobre unha alongada lomba. No primeiro recinto levántase o actual Parador Nacional, e próximo a este consérvase un cruceiro do século XVII. Ao segundo recinto accédese por medio dunha porta ladeada por dous corpos de garda con frestas, reforzando o restante do recinto con diversos baluartes. Ao último recinto accédese por medio dunha porta con arco apuntado formado por grandes doelas, sendo a porta mellor conservada do complexo. Sobre ela encóntrase o escudo de Monterrei, formado por catro cuarteis coas armas dos Acevedo, os Ulloa, os Viedma e os Zúñiga, e, sobre eles, o escudo dos Fonseca.

 
Hospital de Peregrinos.

Hospital de Peregrinos editar

Outra das construcións destacadas do conxunto é o Hospital de Peregrinos fundado por Gaspar de Zúñiga, construído en 1391, segundo a data inscrita no friso que vai ao longo da cornixa. Estaba dedicado á Santísima Trindade, e ten a súa orixe nun albergue dependente do Mosteiro de Montederramo levantado en 1327.

Trátase dun pequeno edificio de dous pavimentos, que foi obxecto de recentes obras de restauración. Na portada gótica de arco oxival afunilado con catro arquivoltas e na chave do arco adórnase cun anxo cabeza abaixo. Conserva no tímpano esculpido un tetramorfo, e ás beiras as figuras da Anunciación so doseis oxivais.

O castelo editar

Situado no último recinto, a súa porta de acceso sitúase na Praza de Monterrei. Esta porta remata nun arco de volta perfecta e presenta os escudos dos condes. É ladeado por dúas torres cilíndricas, parcialmente conservadas, abertas con seteiras.

A través desta porta accédese ao patio de armas, no que se conserva un pozo e un túnel que servía de alxibe, se ben a lenda conta que comunicaba o patio coa Atalaia. Durante as obras de restauración levadas a cabo nos últimos anos a entrada ao túnel foi tapiada. Porén, consérvase o próximo pozo de 14 metros de profundidade. No lado oeste da muralla consérvanse uns grandes fornos de pedra.

Torre da homenaxe editar

Como elemento máis destacable consérvanse a torre da homenaxe, construída no século XV, tamén coñecida como Torre de Don Sancho, levantada polo Conde na época dos Reis Católicos. Ten planta cadrada de cantería granítica de boa labra, perfectamente encadrada. Ten 22 metros de altura, e nos seus perpiaños conserva gran cantidade de marcas de canteiro.

Sobre a porta de acceso, situada á altura do primeiro andar e á que se accede por unha ponte levadiza, está o escudo dos Ulloa e os Zúñiga, ladeado por grifóns, e a seguinte inscrición no lintel:

(...) Esta /

torre ma(n)daron faser Don Sa(n)cho de Ulloa /
e don(n)a Teresa de Zúñiga su muger co(n)de /
e co(n)desa de Mo(n)terrey. acabose an(n)o de /

mil e CCCC e LXXX e II an(n)os”

Consérvase en bo estado, tendo sufrido poucas alteracións na Idade Moderna, como as aberturas que permitían a saída dos canóns. No interior unha ampla escaleira permite o acceso aos diferentes andares, nos que se poden ver frestas, unha cheminea, e vitrais con parlatorios. No último piso unha escaleira estreita de pedra serve de acceso ao terrazo.

O terrazo é aberto, rematado cunha barbacana composta por oito cubos redondos nos seus extremos e na metade dos lados apéndices semicirculares.

Pazo dos Condes e Torre das Damas editar

 
Igrexa de Santa María Gracia e Torre das Damas.

O Pazo dos Condes foi restaurado recentemente,[cando?] e conserva en bo estado galerías e os seus patios. Foi levantado entre os séculos XV e XVII en estilo renacentista.

Sitúase no lado dereito do patio de armas, e forma un conxunto harmónico coa Torre das Damas, de finais do século XIII ou comezos do XIV, sendo o elemento máis antigo do conxunto. Posiblemente fose a anterior torre da homenaxe, sendo de dimensións máis reducidas cás da actual.

O pazo ábrese cara ao patio dividido en dous andares, o inferior cunha arcada de arcos rebaixados cos penachos (enxoitas) decorados cos escudos das diferentes liñaxes que posuíron a praza-forte. O andar superior presenta o mesmo número de columnas, e sobre estas apóiase directamente a cuberta.

Na fachada sur presenta o mesmo esquema construtivo, mais cun andar máis debido ás diferenzas do nivel do terreo. No andar inferior os arcos son lixeiramente apuntados.

A fachada oeste intégrase na muralla defensiva.

Igrexa de Santa María Gracia editar

 
Igrexa de Santa María Gracia.

A igrexa de Santa María Gracia foi erguida a finais do século XIII ou na primeira metade do século XIV en estilo románico oxival. Está unida ao complexo por medio do muro lateral sur da nave. Esta ten cuberta de madeira, e a ábsida rectangular cuberta con bóveda de crucería. A ábsida non está aliñada coa nave pola irregularidade do terreo sobre o que se asenta. No século XVII, durante as obras de ampliación das defensas, a ábsida foi reforzada por medio de potentes esteos. A fachada é de feitura máis moderna.

A torre do campanario, situada na esquina noroeste, foi erguida entre 1660 e 1661, segundo consta nunha inscrición conservada na base. A porta lateral da fachada norte presenta un arco e arquivoltas apuntadas en xambas sobre columnas, bo expoñente da transición do románico ao gótico. No interior consérvanse arcos sepulcrais e a capela dos Condes aberta no muro sur, na que se conservan pinturas de finais do século XIV e un retablo gótico.

A atalaia editar

No extremo oeste do conxunto encóntranse as ruínas dunha construción cuadrangular erguida no século XVII co obxecto de defender a acrópole desde este flanco. Conserva parte dos altos muros e algunhas garitas. Próxima a ela encóntrase unha fonte.

O museo da Acrópole editar

Localizado no interior do Pazo dos Condes, estrutúrase en sete salas cos seguintes contidos:

  1. A comarca e os seus monumentos.
  2. Camiños Xacobeos en Galiza.
  3. Restos epigráficos de Monterrei.
  4. Elementos da Semana Santa e libros da parroquia xunto co Missal Auriense.
  5. Esculturas dos séculos XVII e XVIII.
  6. Esculturas dos séculos XVII e XVIII.
  7. Calcografías do Via Crucis.

Galería de imaxes editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar