O castelo de Bran (en romanés: Castelul Bran; en alemán: Törzburg; en húngaro:Törcsvári kastély) é un castelo (fortificación) medieval localizado nun outeiro da aldea de Bran moi preto da vila de Braşov, é monumento nacional e un dos símbolos de Romanía.

Bran
historic monument
ConcelloBran, Romanía
ProvinciaCondado de Braşov
Comunidade
autónoma
Transilvania
Coordenadas45°30′54″N 25°22′02″L / 45.515, 25.3671Coordenadas: 45°30′54″N 25°22′02″L / 45.515, 25.3671
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalmestura (elementos góticos) (século XIII)
Estilo actualmestura, elementos góticos
Estado actualRestaurado. Visitábel
Véxase tamén
Castelos de Romanía
editar datos en Wikidata ]

A fortificación áchase na raia entre as rexións deTransilvania e Valaquia, na estrada secundaria romanesa DN73. O seu valor estriba na súa antigüidade e arquitectura, porén comunmente se coñece coma o "Castelo de Drácula" e é esa a súa principal atracción turística. O castelo foi unha das múltiples localizacións ligadas a Vlad Țepeș, persoeiro histórico no que se inspirou o personaxe do Conde Drácula da novela homónima do irlandés Bram Stoker do século XIX. Crese que a súa verdadeira fortaleza foi o Castelo de Poenari, hoxe parcialmente en ruínas; tamén morou no Castelo de Hunyad.

Con todo non hai evidencia de que Stoker escoitara falar deste castelo, que pouco ten que ver con Vlad III, O Empalador, voivoda de Valaquia, a suposta inspiración de Drácula. Como descubriu o autor belga Hans Corneel de Roos, a localización que Bram Stoker tiña en mente realmente do castelo de Drácula cando estaba a escribir a novela era o cumio dunha montaña illada, o Monte Izvorul Călimanului, de 2.033 m de alto, situado nos Alpes Kelemen transilvanos preto da fronteira con Moldavia.

Hoxe en día o castelo, que pouco ten que ver co estilo gótico escuro e terrorífico dos filmes baseados na novela, é un museo aberto aos turistas, cunha mostra de obras de arte e mobiliario colección da Raíña María de Saxonia. Aos pés do outeiro hai un pequeno museo ao ar libre de construción tradicional romanesa (cabanas, celeiros etc.) de todo o país.

Descrición e historia editar

A fortaleza está emprazada na raia entre Transilvania e Valaquia e a súa arquitectura é única. No lugar onde achamos o castelo foi construída unha fortaleza polos cabaleiros da Orde Teutónica arredor de 1212, cando foron acollidos no Reino de Hungría, despois de seren derrotados polos sarracenos en Terra Santa e regresaron de Palestina a Europa. Se ben esa pequena fortaleza foi arrasada co paso do tempo e recibiu as arremetidas das hordas tártaras en 1241, a estrutura actual foi ergueita por orde do rei Lois I de Hungría no 1377, para cumprir unha función comercial e defensiva contra o voivoda de Valaquia.

O castelo coñécese hoxe por ser a morada do Conde Drácula, inspirado no príncipe Vlad III O Empalador (nado Vlad Draculea) do século XV. Porén, non hai evidencias de que Vlad (famoso polo xeito cruel de dar morte aos seus inimigos) morase alí, e, segundo a maioría das versións, O Empalador pasou só dous días encerrado nos alxubes do castelo, cando a rexión estaba ocupada polos otománs.

 
Castelo de Bran. Vista dos muros.

Logo de rematar a primeira guerra mundial, en 1920, asinouse o Tratado de Trianon, onde a rexión de Transilvania será cedida ao Reino de Romanía, polo que o castelo de Bran pasou a pertencer á administración romanesa.

O castelo, que foi posesión da Princesa Ileana (Helena de Romanía), que o herdou de súa nai, a Raíña María, foi incautado polo Goberno comunista de Romanía en 1948. Durante moitos anos foi descoidado, mais trala restauración dos anos 1980 e a Revolución romanesa de 1989, pasou a ser un destino turístico.

O herdeiro legal do castelo era o fillo da Princesa Ileana, o Arquiduque Dominico (Domingos de Habsburgo), e en 2006 o goberno romanés llo devolveu. O Arquiduque Domingos é un enxeñeiro estadounidense que mora en Nova York. En 2007, Domingos de Habsburgo puxo á venda o castelo polo prezo de 50 millóns de euros e a oferta foi aceptada por Roman Abramovich, un multimillonario ruso do petróleo, mais finalmente o trato non se fechou, polo que a propiedade segue en mans dos Habsburgo.

Nunha publicación da revista Forbes dos Estados Unidos, o castelo foi valorado en 140 millóns de dólares, cantidade xustificada polos expertos por mor aos ingresos que podería fornecer este edificio histórico como foco turístico. Porén os propietarios actuais e mailas autoridades insisten en rexeitar o mito de Drácula, e prohiben explotar o castelo coma parque temático sobre este personaxe, o que lle resta moito do seu atractivo. Segundo as últimas novas, a familia Von Habsburg decidiu crear unha sociedade a medias coas autoridades, para manter o castelo aberto aos turistas.

Inspiración para a novela Drácula editar

Presuntamente, Bram Stoker moldeou partes do carácter do Conde Drácula baseándose en aspectos do persoeiro real de Vlad Draculea, e usou Bran como modelo para describir o castelo deste vampiro.

 
Patio do castelo.

A imaxe do castelo de Bran empregouse en múltiples adaptacións fílmicas de Drácula, e de xeito informal chegou se ser coñecido coma «Castelo de Drácula».

Turismo editar

O castelo áchase a uns 30 quilómetros da turística vila de Braşov (a 3 horas en tren de Bucarest). Dende Braşov pódese coller comodamente un bus dende a Estación de Autobuses (Autogara 2) por 14 lei (3,5 €). Chégase a Bran en 20 minutos.

A economía local fixo ligazón coa novela para impulsar o turismo, e nos arredores do castelo hai unha grande feira onde se poden conseguir todo tipo de obxectos relacionados co vampiro (tarxetas postais, imáns, cuncas, camisetas etc.)

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar