O caso Gürtel (Gürtel en alemán é o termo para "cinto" ou "correa") é o nome que lle deu o xuíz instrutor Baltasar Garzón á investigación que en 2009 tratou de investigar unha presunta trama delitiva na que estaban implicados diversos empresarios e varios políticos do Partido Popular en España.

Francisco Camps, expresidente do País Valenciano, un dos principais implicados no caso Gürtel

Trama e ramificacións editar

 
Pablo Crespo, home de confianza do Francisco Correa.

O centro da trama sería supostamente o empresario madrileño Francisco Correa e tres dos seus socios e homes de confianza, o galego Pablo Crespo, Álvaro Pérez (alias El Bigotes) e Antoine Sánchez. O seu obxectivo sería supostamente desenvolver un conglomerado de negocios para aproveitar fondos de entidades públicas, en particular dalgúns concellos e comunidades autónomas, como Madrid e Valencia.

As empresas nas que que basearían este conglomerado denomínanse Special Events e Orange Market, e operaban no sector da organización de eventos e na arquitectura efémera. Os contratos coas administracións públicas conseguiríanse supostamente mediante doazóns e agasallos, comisións ilegais[1] e subornos a funcionarios e autoridades públicas. A partir deste núcleo inicial a trama tería tres ramificacións principais, en función das instancias xudiciais que poden responsabilizarse do caso.

A póla valenciana editar

A existencia de imputados ou posibles imputados con cargos nas administracións públicas valencianas obrigou o xuíz instrutor inicial, Baltasar Garzón, a trasladar a causa ao Tribunal Superior de Xustiza de Valencia. Neste caso, os empresarios recibiron distintos contratos das administracións públicas valencianas (que o xuíz instrutor valorara en cinco millóns de euros) ao mesmo tempo que facían agasallos en roupa e complementos téxtiles a determinados políticos, fundamentalmente o presidente da Generalitat Valenciana Francisco Camps, o secretario xeral do PP Ricardo Costa e o secretario de organización José Víctor Campos[2], pero tamén outras figuras como a alcaldesa de Valencia Rita Barberá[3]. A fiscalía tentou probar a relación de causalidade entre estes dous feitos, para o que contou coa testemuña do xastre encargado de confeccionar eses traxes.

Ambos os políticos foron chamados a declarar como imputados. Porén, o Tribunal Superior de Xustiza de Valencia, presidido polo xuíz Juan Luis de la Rúa, amigo íntimo do acusado Francisco Camps[4], sobreseu o caso[5] ao entender que non se podía probar esa relación de causalidade entre os agasallos e a concesión de contratos. O presidente do Partido Popular, Mariano Rajoy, apoiou publicamente a Camps e diversos cargos políticos do PP acusaron ao goberno socialista de conspirar para perseguir xudicialmente ao Partido Popular[6]. A fiscalía anticorrupción[7] presentou un recurso, polo que o caso está pendente de resolución no Tribunal Supremo.

Paralelamente, a policía investigou unha trama que vencellaba esas mesmas empresas coa tesourería do Partido Popular de Valencia, e onde se sinalaba a posibilidade de que esas empresas financiasen ilegalmente o PP. Nesa trama estarían implicados presuntamente o vicepresidente valenciano Vicente Rambla, o secretario xeral do PP valenciano, Ricardo Costa, o vicesecretario, David Serra, e a tesoureira do partido, Yolanda García Santos[8]. O Tribunal Superior de Xustiza de Valencia non admitiu o informe policial porque non lle fora requirido nin había ningunha denuncia presentada pola fiscalía a ese respecto.

A póla do Supremo editar

O 15 de xuño, o xuíz instrutor do caso no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid remitiuno ao Tribunal Supremo do Estado Español, ao apreciar indicios de delito na actuación dos parlamentarios populares Jesús Merino e Luis Bárcenas, este último tesoureiro do partido[9], e que ao tempo ameaza con revelar información confidencial dos propios populares cando algunhas voces reclaman o seu cesamento[10].

O 28 de xullo, Luis Bárcenas foi o primeiro dos imputados en presentar a súa dimisión, malia que afirmou que se trataba dunha saída temporal e consensuada co seu partido. Con todo, mantivo o seu escano de deputado. O 8 de abril de 2010 pediu a baixa como militante do Partido Popular.

A póla de Castela e León editar

Segundo informacións do diario El País, un novo informe policial foi remitido ao Tribunal Superior de Xustiza de Madrid implicando a José Manuel Fernández Santiago, presidente do parlamento de Castela e León e ex conselleiro de Fomento, nunha adxudicación amañada con repartición de comisións ilegais, que ascenderían a 72.000 euros, repartidos entre diversos cargos do Partido Popular[11].

Caso Gürtel en Galiza editar

O caso Gürtel tamén botou raíces en Galiza, pois proporcionou cartos para a campaña electoral galega de 2005. O exsecretario xeral de organización do PPdeG, Pablo Crespo[12], é un dos imputados[13]. Amais, no auto de Garzón figuran unha empresa con sede en Vigo e mais un alto cargo do PP da Deputación de Pontevedra, o exalcalde de Cangas José Enrique Sotelo[14].

A Xunta de Manuel Fraga autorizou en abril de 2005 a construción da cementeira de Coirós, denominada Gallega de Molienda de Clinker e presidida por Ramón Blanco, citado a declarar por Baltasar Garzón e antigo socio de Pablo Crespo[15]. Catro responsables da cementeira foron detidos en 2011 acusados de fraude fiscal pola Axencia Tributaria[16].

Unha rede de arredor de vinte compañías con sede en Galiza, lideradas por Ramón Cerdá Sanjuan, acabadas de crear ou sen actividade, foi empregada por altos cargos do Partido Popular implicados no caso para lograren adxudicacións[17].

Juan Casares, ex deputado do PPdeG no parlamento galego, e José Enrique Sotelo, deputado provincial por Pontevedra e líder dos populares en Cangas, forman parte tamén da trama ao asinaren e seren responsábeis da teren certificado uns parquímetros inexistentes na vila de Cangas[18]. Por outra banda, as empresas da familia de Casares recibiron un total de 19 millóns de euros en contratos da Xunta entre 2000 e 2005[19].

Segundo un informe policial do que se fixeron eco os medios no mes de setembro de 2009, máis do 52% dos gastos derivados do PPdeG nas contas das empresas relacionadas co caso Gürtel foi pactado en diñeiro negro entre os anos 1996 e 1999, sendo daquela Pablo Crespo o secretario de organización do partido[20].

Principais imputados ou relacionados editar

Empresarios editar

  • Francisco Correa, presidente da empresa Special Events.
  • Álvaro Pérez Alonso (El Bigotes), presidente da empresa Orange Market. Acusado de suborno.
  • Pablo Crespo, exsecretario de organización do PPdeG.
  • Antoine Sánchez, curmán de Correa.
  • José Luis Ulibarri, presidente do grupo Begar.

Políticos editar

Notas editar

  1. 1,2 millóns de euros en comisións ilegais Arquivado 04 de maio de 2009 en Wayback Machine., Cadena Ser, 24.04.2009, consultado o 25.09.2009.
  2. Garzón destapa sobornos a Camps y una red de corrupción masiva en Madrid, El País, 6.03.2009 consultado o 25.09.2009
  3. El Bigotes afirma que hizo regalos a Barberá, El País, 19.07.2009, consultado o 25.09.2009
  4. Camps es íntimo amigo del presidente del tribunal que lo juzgará, Público, 7.03.2009, consultado o 25.09.2009
  5. Camps sobrevive al 'caso Gürtel'... de momento, Público, 3.08.2009, consultado o 25.09.2009
  6. Sáenz de Santamaría defiende presunción de inocencia de Camps y niega doble vara de medir con otros imputados, Europa Press, 14.05.2009, consultado o 25.09.2009
  7. La Fiscalía recurre la causa archivada contra Camps, El Economista.es, 3.08.2009, consultado o 25.09.2009
  8. El vicepresidente de Camps y la cúpula del PP valenciano dirigían la financiación ilegal, El País, 24.09.2009, consultado o 25.09.2009
  9. O Caso Gürtel ao Tribunal Supremo[Ligazón morta]
  10. Bárcenas di posuír documentos comprometedores do partido.
  11. Implicación do goberno de Castela a Mancha[Ligazón morta] Nova aparecida en Xornal de Galicia o 6 de outubro de 2009. (en castelán)
  12. "Pablo Crespo, man dereita de Cuiña no PPdeG, detido por corrupción". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2009. Consultado o 04 de maio de 2009. 
  13. "Aportacións á campaña galega do PP". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2009. Consultado o 04 de maio de 2009. 
  14. O auto do caso Gürtel implica a outra firma galega e mais a un alto cargo do PPdeG.[Ligazón morta]
  15. "A cementeira de Coirós presidida por un imputado do Gürtel". Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2009. Consultado o 08 de xullo de 2009. 
  16. Detenidos por fraude fiscal cuatro responsables de una cementera de Coirós. La Opinion, A Coruña
  17. "A rede de Ramón Cerdá, en Galiza dende 2006". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2009. Consultado o 08 de xullo de 2009. 
  18. "Xoán Casres, Xosé Henrique Soutelo e o caso Gürtel". Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2010. Consultado o 09 de xullo de 2009. 
  19. A familia de Casares obtén unha polémicas contratas públicas
  20. 'El Bigotes' exigió dinero negro a Mariano Rajoy Arquivado 12 de decembro de 2010 en Wayback Machine. Nova aparecida en Xornal.com o 27 de setembro de 2009

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar