Casa de Alba

casa nobiliaria española orixinaria da coroa de Castela
Casa de Alba


Escudo da Casa de Alba na actualidade.
Orixe Casa de Toledo
Materna Casa de Silva
Casa de Fitz-James Stuart
Títulos Ducado de Alba de Tormes (1472)
Ducado de Huéscar (1563)
Herdeira Cayetana Fitz-James Stuart (Duquesa de Alba)

A casa de Alba de Tormes, coñecida habitualmente como casa de Alba, é unha casa nobiliaria española, orixinaria da coroa de Castela, cuxas orixes se remontan ao século XIV.

O seu nome provén do ducado de Alba de Tormes, título con Grandeza de España, que ostenta o seu xefe ou cabeza.

Tradicionalmente o herdeiro do ducado de Alba ostenta o ducado de Huéscar. A súa actual titular é Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII duquesa de Alba de Tormes.

Historia editar

 
O escudo dos Álvarez de Toledo foi o da casa de Alba de Tormes até a morte da XIII duquesa, en 1802.
 
Fernando Álvarez de Toledo e Pimentel, III duque de Alba, por Tiziano.

A casa de Alba está na liñaxe dos Álvarez de Toledo, e nela se mantivo até que á morte sen descendencia de María do Pilar Teresa Caietana de Silva e Álvarez de Toledo, XIII duquesa, pasou á liñaxe dos Berwick, na persoa de Carlos Miguel Fitz-James Stuart, sobriño-bisneto de Fernando de Silva e Álvarez de Toledo, XII duque Alba de Tormes e avó da XIII duquesa. A casa de Berwick era unha rama ilexítima da casa de Estuardo de Escocia, que eran duques de Berwick en Inglaterra e duques de Liria e Jérica en España.

A familia dos Álvarez de Toledo (orixinaria de Alba de Tormes) xorde na historia nobiliaria española ao obteneren no século XIV os señoríos de Oropesa e Valdecorneja como recompensa polos servizos prestados ao rei Henrique II de Castela, aínda que o ascenso da familia produciuse, fundamentalmente, a partir do século XV, grazas ao apoio prestado á coroa de Castela nos seus conflitos coa nobreza.

En 1429 Gutierre Álvarez de Toledo, bispo de Palencia e arcebispo de Sevilla e de Toledo, obtén de Xoán II o señorío de Alba de Tormes, localidade próxima a Salamanca (España), herdado polo seu sobriño Fernando Álvarez de Toledo, ao que Xoán II converte en conde de Alba de Tormes en 1438, e sería co seu fillo García Álvarez de Toledo, marqués de Coria e conde de Salvaterra, cando o título se eleve a ducado, converténdose, por tanto, no primeiro duque de Alba, en 1472, por concesión de Henrique IV de Castela.

O segundo Duque Alba de Tormes, Fadrique Álvarez de Toledo y Enríquez, e o terceiro, Fernando Álvarez de Toledo, coñecido como o Gran Duque de Alba, foron os que tiveron maior notoriedade histórica.

Ao longo da súa historia, a casa entroncou coa dinastía portuguesa e con importantes casas nobiliarias españolas, tendo como antepasados ao Conde-Duque de Olivares e aos duques de Veragua e, con estes últimos, a Cristovo Colón.

Os títulos nobiliarios da casa de Alba propiamente dita son o ducado de Alba de Tormes e o ducado de Huéscar. Porén, o xefe da casa ostenta outros moitos títulos por incorporación doutras casas nobiliarias debido a casamentos e heredanzas como, por exemplo, a casa de Olivares, a de El Carpio e a de Villanueva del Río, converténdose a casa de Alba na casa nobre europea con maior cantidade de títulos no seu haber.[1]

O seu importante papel histórico e gran fortuna fan á casa de Alba propietaria dunha das mellores coleccións privadas de arte de España, conservada en máis de vinte palacios e castelos repartidos por todo o país, algúns dos cales están cedidos a institucións públicas para a súa mellor conservación e uso.

O seu importante patrimonio cultural levou á familia a establecer a Fundación Casa de Alba, dedicada á súa administración e xestión, con sede no Palacio de Liria, en Madrid.

Notas editar

  1. Para coñecer estes títulos véxase o artigo referido a Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII duquesa de Alba.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Calderón Ortega, José Manuel (2005): El Ducado de Alba: la evolución histórica, el gobierno y la hacienda de un Estado señorial (siglos XIV-XVI). Madrid: Dykinson. ISBN 9788497727617.
  • Kamen, Henry (2004): El Gran Duque de Alba: soldado en la España imperial. Madrid: La Esfera de los libros. ISBN 9788497342209.
  • Maltby, William (2007): El Gran Duque de Alba. Editorial Atalanta. Vilaür, Girona: ISBN 9788493531386.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar