Casa das Campás

casa gótica en Pontevedra

A Casa das Campás é unha das tres construcións máis antigas que se conservan da cidade de Pontevedra, e posiblemente a máis vella das civís. Localízase na rúa Don Filiberto, 11, no centro histórico.

Casa das Campás
Fachada da Casa das Campás na rúa Don Filiberto
Edificio
EstiloGótico, Renacentista
EnderezoRúa Don Filiberto, 11
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′56″N 8°38′46″O / 42.4323, -8.6462Coordenadas: 42°25′56″N 8°38′46″O / 42.4323, -8.6462
PropietarioConcello de Pontevedra
Uso(s)Vicerreitorado do Campus de Pontevedra, sede cultural
Construción
Inicioséculo XV
Remodelación2003
Dimensións
Plantas3 (planta baixa, 2 andares)
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Debida á falta de documentación, as súas orixes non están claras, pero suponse que pertence á Época Baixomedieval polos escudos que se atopan na fachada e o estilo das portas. Estes escudos relaciónana coa liñaxe dos García Camba ou máis probabelmente coa dos Puga, señores de Regodeigón en Ribadavia.[1]

A primeira referencia existente das Casa das Campás é do ano 1587. Daquela, a edificación estaba preto da igrexa de San Bartolomeu o Vello, que por razóns que se descoñecen non tiña campá. Por esta razón, para chamar ós fregueses usábase o carillón da casa dos Puga,[2] que por aquel entón xa pasara a mans dos monxes beneditinos do mosteiro de San Salvador de Lérez. Os monxes tamén empregaron a Casa das Campás como adega de viño, na que podían chegar a almacenar uns 12.000 litros.

No século XX, nos anos da posguerra, o edificio acolleu o bar Pitillo, que recibía ese nome porque nel obsequiaba ós clientes con tabaco.[2] Na década de 1980 a edificación ficou en estado de abandono ata que a adquiriu o concello no ano 2000 coa finalidade de restaurala. Tras unha coidadosa reforma, a casa reabriu as súas portas en 2003.[3]

Desde 2006 a Casa das Campás é a sede do vicerectorado do Campus Universitario de Pontevedra.[4] A casa tamén acolle conferencias, exposicións, cursos, obradoiros e presentacións de libros.[5][6] En 2017 celebráronse alí uns 380 eventos. Especialmente no verán, a Casa das Campás convértese nun lugar de visita para os turistas.

Descrición editar

É un edificio do gótico tardío cuxa autoría pode atribuírse a un mestre que traballou na construción da basílica de Santa María a Maior.[1]

No exterior, a casa conserva a fachada do século XV con dous arcos conopiais sobre as portas. As dúas fiestras da primeira planta teñen impostas superiores e inferiores para aloxar contraventás corredeiras, característica típica da arquitectura do século XVI, así como as bólas de pedra que decoran a cornixa. Entre as xanelas do primeiro piso hai dous escudos de armas esculpidos en pedra, o máis pequeno coas armas dos Puga (esporas e caldeiros) e o máis grande cunha garza, típica das armas dos García-Camba.[7][1]

No interior do edificio, de 1.400 m2, conviven a pedra, a madeira case negra que lembra os galeóns e o cristal, nunha coidada reforma que lle dá un toque de modernidade. Esta sede universitaria conta cun vestíbulo ou sala de exposicións na planta baixa, unha sala de despachos, unha sala de tecnoloxía, unha sala de conferencias e despachos para o vicereitor, os directores de área e dos Novos Cinemas nas dúas plantas superiores.[8]

Lenda editar

Durante os séculos XIX e XX corría o rumor de que na casa estaba escondido o tesouro de Benito Soto, o pirata pontevedrés.[2]

Galería editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar