Casa da Moeda de Denver

ceca estadounidense

Coordenadas: 39°44′23″N 104°59′30″O / 39.73972, -104.99167

A Casa da Moeda de Denver (en inglés: Denver Mint) é unha fábrica de moeda estadounidense de titularidade pública, sita en Denver, Colorado, que se constitúe como unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Esta ceca cuñou as súas primeiras moedas o 1 de febreiro de 1906 e continúa vixente no século XXI, producindo moedas tanto conmemorativas e de investimento como para a súa circulación regular.[1][2][3][4] As moedas producidas na Casa da Moeda de Denver amosan como marca de ceca a letra «D» (comparte a marca coa da ceca de Dahlonega, aínda que non se dá lugar a confusión, xa que estas cecas funcionaron en épocas diferentes). A ceca de Denver é o maior produtor individual de moedas do mundo.[3]

Casa da Moeda de Denver
US Mint


Edificio da
Casa da Moeda de Denver

TipoEstablecemento público de carácter industrial e comercial
Fundación1 de febreiro de 1906
MatrizCasa da Moeda dos Estados Unidos
Localización Denver
Estados Unidos de América Estados Unidos.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Notas
}Marca de ceca: D.
Na rede
http://www.usmint.gov e https://www.usmint.gov/about/mint-tours-facilities/denver
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

Clark, Gruber & Co. editar

 
10 dólares. Clark, Gruber & Co. 1860. Anverso. National Museum of American History, Washington.
 
Anverso dos 10 dólares de Clark, Gruber & Co. de 1861

Os antecedentes da Casa de Moeda de Denver están na compañía Clark, Gruber & Co. Durante a febre do ouro do pico Pikes cuñáranse moedas co ouro proveniente daquelas veas mineiras.[4][5] En 1858, Austin M. Clark, Milton E. Clark e Henry Emanuel Gruber fundaron unha empresa de corretaxe en Kansas e logo estableceron unha oficina en Denver, durante o inicio da febre do ouro de Colorado. Coa intención de aforrar nos custos de traslado do mineral extraído cara ao leste e nos seguros vinculados a estas operacións, a compañía abriu unha ceca privada, que comezou a funcionar o 25 de xullo de 1860, cuñando moedas de ouro con valor facial de 10 dólares.[3] Nos anversos destas moedas representouse o pico Pikes en medio dunha fraga e na súa base o topónimo DENVER; rodeando o cumio amósase a lenda PIKES PEAK GOLD e, no exergo, TEN D. Os reversos locen unha aguia americana rodeada pola lenda CLARK, GRUBER & CO. e debaixo a data: 1860.[6] A tecnoloxía desta primeira ceca privada permitía a cuñaxe de entre 15 o 20 moedas por minuto.[7]

A estas primeiras moedas sumóuselle outra de 20 dólares, cun peso superior á que xa se usaba nos Estados Unidos, aínda que co seu mesmo valor. Cuñáronse tamén outras moedas, tamén de ouro, con valores de 2'5 e de 5, ata lograr converter en moeda uns 18.000 dólares cada semana. Estas moedas levaban no seu anverso a cabeza dunha representación alegórica da Liberdade coa inscrición CLARK & COMPANY no diadema e rodeada por trece estrelas. A lenda do reverso é PIKE'S PEAK GOLD, DENVER.[7][8]

Nos case tres anos en que esta compañía mantivo a súa operatividade cuñou moedas por valor de 594.305 dólares co ouro que extraeu. Ademais adquiriu 77.000 onzas troy de ouro bruto que foi enviado para a súa refinaxe á Casa da Moeda de Filadelfia. O edificio e a maquinaria de cuñaxe foron adquiridos polo Departamento do Tesouro dos Estados Unidos en abril de 1863. Pola súa banda, o banco que era propiedade da compañía Clark, Gruber & Co. pasou ao First National Bank, de Denver, en 1865.[7][8]

Lei do Congreso de 1862 editar

Establecida ao abeiro da Lei do Congreso do 21 de abril de 1862, a Casa da Moeda de Denver, concibida como unha das ramas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, empezou a operar en 1863 como Oficina de Ensaios dos Estados Unidos» (United States Assay Office) nas mesmas instalacións da compañía Clark, Gruber & Co., situadas no número 16 da rúa Market, que foran adquiridas polo Goberno por 25.000 dólares. Durante a súa existencia como Oficina de Ensaios, o edificio foi o máis importante da cidade de Denver.[3][5][9]

Porén, de xeito diferente á súa etapa anterior como ceca privada, nos primeiros tempos da nova institución pública, dependente da Casa da Moeda dos Estados Unidos, non se chegou a realizar cuñaxe ningunha, como se pretendía inicialmente.[10] Esta foi unha das razóns dadas polo entón director da institución para explicar a escaseza da produción da naqueles primeiros momentos:[9]

[...] A hostilidade das tribos indias ao longo das rutas, indubidablemente instigados por emisarios rebeldes (xa que aí hai unha guerra civil) e homes brancos malos. [...]

A Oficina de Ensaios de Denver aceptaba o ouro e as pebidas dese metal levadas alí polos mineiros da contorna para o seu ensaio, a súa estampaxe e a súa conversión en barras e lingotes certificados. A maior parte daquel ouro proviña dos ricos depósitos dos leitos dos regatos, que se descubriran en 1858, o mesmo ano da fundación da cidade. Cando a subministración de ouro desta procedencia se esgotou, o centro de interese dos mineiros pasou a ser a procura de veas de ouro, que aparecían tamén acompañadas de importantes cantidades de prata. En 1859, o valor anual do ouro e a prata depositados na Oficina de Ensaios superaba os 5,6 millóns de dólares.[3][9]

O Tesouro dos Estados Unidos non acrecentou as súas operacións de refinaxe e de fundición de ouro ao mesmo ritmo en que se producían descubertas de nova veas que facían que aumentase a produción. En 1872, un grupo de empresarios encabezado polo xuíz Hiram Bond (que antes fora un dos maiores corredores na bolsa de ouro de Nova York), Joseph Miner e o alcalde da cidade, Joseph E. Bates, creou unha compañía chamada Denver Smelting and Refining Works, que se constituíu como unha planta de refinaxe e fundición independente e complementaria, xa que os lingotes e as barras que esta producía eran posteriormente analizados, pesados e estampados pola Oficina de Ensaios de Denver.[3][9]

Nesta conxuntura, o Congreso dispuxo en 1895 o establecemento en Denver dunha nova rama da Casa de Moeda dos Estados Unidos, para a produción de moedas de ouro e de prata.[4][5] O 22 de abril de 1896 adquiríronse os terreos para a construción da nova planta, nas rúas West Colfax e Delaware, por uns 60.000 euros, e a construción comezou en 1897.[3][5][9]

As asignacións económicas para completar e equipar a nova planta resultaban insuficientes, o que motivou o atraso da súa entrada en funcionamento. O traslado das operacións de ensaio e fundición ao novo edificio produciuse finalmente o 1 de setembro de 1904 e as operacións de cuñaxe comezaron o 1 de febreiro de 1906, logo de que as máquinas de cuñaxe regresasen da Exposición de San Luís de 1904, onde estiveran en exposición. Nesa data pódese xa considerar que a antiga Oficina de Ensaios se constituíu como Casa da Moeda de Denver, unha das ramas da United States Mint.[3][9]

 
Marca de ceca "D" nun centavo de 2005

En febreiro de 1906 cuñáronse as primeiras moedas de prata na Casa da Moeda de Denver.[4] Durante o primeiro ano producíronse 2.132.250 millóns de moedas, incluíndo as de ouro con valor de 20 dólares, 10 dólares e 5 dólares, así como diversos valores en prata, por un valor total de 17.9 millóns de dólares.[3][5][9]

 
Obras de remodelación e ampliación da Casa da Moeda de Denver en 1935.

O 18 de decembro de 1922, uns gánsters roubaron 200.000 dólares en billetes de 5 dólares nun camión estacionado ao pé da Casa da Moeda de Denver, feito que se coñece como "o gran roubo da ceca". Naqueles momentos, a casa da moeda almacenaba papel moeda para a Reserva Federal dos Estados Unidos.[5]

No ano 2000, a ceca de Denver acadou un récord mundial na produción de moeda, coa cuñaxe de 15.400 millóns de pezas. En 2006 a Casa da Moeda de Denver celebrou o seu centenario en actividade nas mesmas instalacións, o que supón que é a planta máis antiga con produción ininterrompida das que hoxe constitúen a Casa da Moeda dos Estados Unidos.[5]

Notas editar

  1. "The Denver Mint Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.". The Highlands Ranch Historical Society.
  2. "United States Mint at Denver Celebrates 100 Years of Change". United States Mint.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 "Denver US Coin Mint". USA Coin Book.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "The Denver Mint 1906 to Present Day Arquivado 26 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". US-Mint.info
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 "U.S. Mint Denver Facility. History of the Denver Mint". United States Mint.
  6. Voynick, S. M. (1992). Páxinas 26-27.
  7. 7,0 7,1 7,2 Mumey, N. (2012).
  8. 8,0 8,1 Voynick, S. M. (1992). Páxina 27.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 "History of the Denver Mint. Excerpt from Annual Report of the Director of the Mint to the Secretary of the Treasury Fiscal Year Ended June 30, 1906". United States Mint.
  10. Voynick, S. M. (1992). Páxina 77.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Mumey, N. (2012). Clark, Gruber And Company, A Pioneer Denver Mint: History Of Their Operation And Coinage, 1860-1865. Literary Licensing. ISBN 978-1258520014
  • Voynick, S. M. (1992). Colorado Gold. From the Pike's Peak Rush to the Present. Missoula. Mountain Press Publishing Company. ISBN 0878424555

Ligazóns externas editar