Casa Grande de Lentille

casa grande en Lentille, A Pena, Cenlle

A Casa Grande de Lentille é un pazo situado na parroquia da Pena no concello de Cenlle. O pazo aséntase sobre zona moi rochosa, sendo os propios penedos parte da cimentación da casa e no ángulo leste da construción, baixo a solaina, aséntanse grandes penedos confundíndose co deseño do edificio.

Casa Grande de Lentille
ConcelloCenlle
ProvinciaOurense
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°20′33″N 8°06′32″O / 42.3424, -8.1088Coordenadas: 42°20′33″N 8°06′32″O / 42.3424, -8.1088
Estilo arquitectónico
editar datos en Wikidata ]

Descrición editar

Na actualidade ten planta en forma de U, coas coxías laterais de distinta lonxitude. A planta actual é froito de modificacións feitas en distintas épocas, malia iso aínda se pode ver o uso de material nobre e ben labrado indicativo das primeiras construcións en contraposición coas mais modernas engadidas ou enxertadas nos corpos máis antigos. Exemplo disto son as ventás con montante, en correspondencia co ancho daquelas.

A fachada principal actual é a que mira ao sueste, cun murallón de peche de reducida lonxitude, con portada e ameas. Sobre da portada de entrada vese o escudo de armas.

O piso máis alto ten tres xanelas, con cadanseus montantes, e un balcón de cemento e de feitura moderna.

  • A fachada nordeste comeza cunha solaina que se apoia nun só piar de sección cadrada, feito de bos perpiaños e continúa cun lenzo de parede construído en perpiaño basto, con catro vans no seu piso superior.
  • A fachada noroeste ten vans e unha porta que comunica a cociña coa leira.

Traspasado a portada atopámonos no patio exterior. As tres ás percórreas interiormente unha solaina interior, en forma de U, que dá ao patio seguindo a disposición das coxías. Apóiase sobre arquerías sostidas por piares, canzorros e pequenas ménsulas que sobresaen nos sobrazos dos arcos. Toda a solaina cóbrese con tellado, prolongación do da casa, sobre un gran beirado de madeira que se apoia en esveltas columnas de pedra pseudodóricas ou capiteis-zapata.

Na planta baixa, dende os arcos accédese aos habitáculos dedicados ao servizo e usos agrícolas, e a través da propia solaina accédese á planta alta dedicada a habitación e uso señorial, cunha serie de salóns intercomunicados entre si, como é habitual na maioría dos pazos.

A cuberta do edificio é a catro augas en tella que se une ao propio edificio mediante cornixa moldurada. Tres chemineas de distinta tipoloxía levántanse sobre o tellado. A da cociña con seis remates piramidais, a central de sección circular rematada cunha pequena cúpula con respiradoiros e artístico pináculo de peaña, pirámide e bóla.

No interior destaca pola súa conservación a cociña, con lareira e campá pequena de pedra que descansa sobre unha grosa columna con capitel e plinto moldurados, e colocada en ángulo. A cociña conserva o forno e o pavimento enlousado.

O oratorio estivo situado nun dos salóns, que segue existindo nunha parede enclaustrado baixo arco de medio punto peraltado un pequeno e artístico de madeira.

Como edificios secundarios sinalar a adega e unha fonte en construción abovedada de pedra.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar