Casa Cornide

construción civil da Coruña

A casa Cornide é un edificio de estilo rococó situado na Cidade Vella da Coruña, en Galiza. Foi mandado construír como residencia familiar por Diego Cornide sobre o ano 1760.

Casa Cornide
Fachada do edificio.
Edificio
LocalizaciónRúa das Donas 25
15001, A Coruña, Galiza
Coordenadas43°22′14″N 8°23′35″O / 43.370555555556, -8.3930555555556Coordenadas: 43°22′14″N 8°23′35″O / 43.370555555556, -8.3930555555556
Dimensións
Plantas3
Equipo
Arquitecto(s)Francico Llobet
editar datos en Wikidata ]

O pazo é propiedade da familia Franco desde os anos sesenta. Diversos colectivos e partidos políticos levan anos reclamando que sexa restituído ao patrimonio público, tal e como sucedeu co Pazo de Meirás.

Historia editar

Foi Diego Cornide Saavedra Becerra, avogado da Real Audiencia da Coruña, quen mandou construír o pazo para residencia da súa familia. Aínda que se descoñece a data exacta da súa construción, sábese que non se iniciara aínda en 1760 e que estaba rematada en 1776, á morte do promotor.[1] Neste soar, aínda que nun edificio anterior, naceu o seu fillo José Cornide en 1734.[2] En 1792 José Andrés Cornide recorreu a demolición dos soportais, obrigada para o aliñamento das rúas. Esta demolición finalmente realizouse en 1810.[3] A principios do século XIX instalouse no pazo o concello.[3]

No século XX estaba establecido no edificio o Centro Cultural de Santo Tomás de Aquino,[3] no que había unha sala de cinema.[2][4]

En 1957 foi comprado polo Ministerio de Educación para a instalación do Conservatorio, mais o concello non o considerou idóneo e permutou a parcela por outra, pasando entón o pazo a propiedade do concello. O 3 de xullo de 1962, vendeuno nunha poxa pública na que resultou gañador Pedro Barrié de la Maza, que llo cedeu a Carmen Polo, esposa do ditador Francisco Franco.[3] Desta forma, como ela relatou, podía pasar días na cidade sen ter que abrir o pazo de Meirás.[5]

Aínda que sempre existiron sospeitas e rumores sobre as condicións desta adquisición, non foi até o ano 2017 que se puxeron en marcha de maneira sistemática iniciativas expresamente destinadas a recuperar o edificio para o patrimonio público.[6] Así, en xaneiro de 2018, o concello da Coruña encargou ao Consello da Memoria Democrática analizar a situación do edificio para que puidese volver ao patrimonio público.[7] Trala recuperación do Pazo de Meirás, o 15 de decembro de 2020 o concello da Coruña[8] anunciou que reclamaría nos tribunais a propiedade do edificio. Igual que no caso de Meirás, os informes técnicos apuntan a unha venda simulada, polo que esta debería ser invalidada.[9]

O 24 de maio de 2021 incoouse o procedemento para declarala Ben de Interese Cultural.[10]

Descrición editar

A casa Cornide foi deseñada polo enxeñeiro militar Francisco Llobet nun estilo que se cualificou de barroco, pero que corresponde mellor ao rococó.[11] Descoñécese a data exacta do proxecto orixinal, pero suponse que se realizaría entre 1757 e 1760, anos en que Llobet estivo destinado en Galicia. A elección do arquitecto parece perfectamente lóxica se se ten en conta que era habitual que os enxeñeiros militares planificasen a mor parte dos edificios de relevo da Coruña do XVIII e as estreitas relacións entre Cornide e o marqués de la Croix, Capitán Xeneral de Galicia e, por tanto, superior último de Llobet.

A planta do edificio é rectangular, se ben destaca a plasticidade das esquinas redondeadas, que potencian a relación co espazo urbano circundante. Desde o punto de vista artístico o exterior destaca pola fachada principal, de 20,60 metros lineares e construída en perpiaño de granito rosa.[3] O elemento máis singular da fachada é a rocalla co escudo dos Cornide que interrompe a cornixa.[12] Esta fachada mira á portada occidental da igrexa románica de Santa María do Campo, nun dos espazos máis relevantes da Cidade Vella coruñesa.

Mentres a fachada principal do edificio conserva practicamente o aspecto orixinal, o conxunto resultou en boa medida alterado a principios do século XIX, cando se retiraron os soportais que daban ás rúas laterais. Aínda máis relevante foi a reforma dos anos sesenta do século XX, cando se construíron novas dependencias no soar traseiro que fixeron que o edificio practicamente duplicase a súa anchura. Até entón a anchura do edificio non daba para moito máis que para un cuarto de fondo por planta.

Tralas sucesivas reformas, o edificio consta dunha planta baixa e dous andares.[13] A superficie total edificada suma algo máis de 1400 m2. Desde o punto de vista patrimonial os elementos máis destacados do interior son a escaleira de acceso ao primeiro andar e a biblioteca e o salón dese andar. Ambas son deseños orixinais do edificio, con madeiras nobres e grandes xanelas de apertura á rúa, así como o acceso ao balcón. No segundo piso sitúase a parte privada da casa.

Notas editar

  1. "Alfredo Vigo: «Hay motivos de sobra para declarar BIC la casa Cornide»". 2/11/2019. Consultado o 5/1/2021. 
  2. 2,0 2,1 Ruta Cidade Vella
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 El palacio que pasó de los Cornide a los Franco
  4. Los 37 veranos de Franco. Diario Vasco.
  5. La Casa Cornide en el objetivo
  6. "Militantes do BNG ocupan simbolicamente a Casa Cornide na Coruña, propiedade dos Franco". Praza Pública. 26/9/2017. Consultado o 1/1/2021. 
  7. O alcalde constitúe o Consello da Memoria Democrática
  8. "A Coruña reclamará nos tribunais a Casa Cornide por irregularidades e "simulación" na venda aos Franco". Praza Pública. 15/12/2020. Consultado o 1/01/2021. 
  9. "Unha carta do secretario de Franco acredita a artimaña do ditador para quedar coa Casa Cornide da Coruña". Praza Pública. 22/7/2019. Consultado o 1/1/2021. 
  10. "O inicio da declaración BIC protexe a Casa Cornide e reduce a marxe de manobra dos Franco". Praza Pública. 2021-05-24. Consultado o 2021-05-25. 
  11. "Pazo de Cornide". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2018. Consultado o 12 de febreiro de 2018. 
  12. Vigo Trasancos, Alfredo (2007). A Coruña y el siglo de las luces: la construcción de una ciudad de comercio (en castelán). Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña. 
  13. "La Casa Cornide, por dentro: así es el palacete que venden los Franco". Economía Digital Galicia. 7/7/2020. Consultado o 1/01/2021. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar