Carreira espacial

competencia entre os Estados Unidos de América e a Unión Soviética para chegar ao espazo exterior

A carreira espacial foi a competencia entre os Estados Unidos de América e a Unión Soviética durante a guerra fría por desenvolver a tecnoloxía precisa para chegar ao espazo exterior e dominalo.

Orixes editar

En 1945, un grupo de científicos alemáns que traballaban no programa balístico do III Reich, encabezados por Wernher von Braun, rendéronse ás tropas americanas e foron trasladados a Huntsville (Alabama), onde se lles ofreceu continuar as súas investigacións. Despois da Vitoria en Europa, científicos rusos chegaron a Alemaña para avaliar a situación do programa alemán de foguetes. En setembro, Helmut Gröttrup e outros científicos alemáns, foron trasladados á URSS para retomar o programa alemán de míseis.

O 14 de outubro de 1947, Charles Yeager, piloto do X-1, rompeu a barreira do son. O 17 de setembro de 1948, os soviéticos lanzaron o R-1, versión do V-1 alemán. 24 de febreiro de 1949, o Bamper-5 americano alcanzou os 393 quilómetros de altitude. O 26 de abril de 1950 Serguei Korolev foi nomeado director do programa espacial soviético. O 18 de febreiro de 1953 a Academia de Ciencias da Unión Soviética fundou a Comisión Estatal para a Exploración do Espazo. Os americanos, co X-1A, estableceron un novo récord de velocidade (2.655 km/h) e altitude (27 km) en 1953.

En 1955, os EUA comezaron a desenvolver o proxecto Viking co obxectivo da posta en órbita dun satélite artificial. No verán de 1956, o X-2 estableceu unha nova marca nos 38 quilómetros de altura e 3.540 km/h. Comezou o programa Vanguard da Mariña dos Estados Unidos. No verán de 1957, o R-7 soviético (ICBM) completou con éxito as probas de lanzamento. Non obstante, o americano Atlas durou tan só 22 segundos no aire antes de estourar.

 
A cadela Laika.

Lanzamento de foguetes editar

O 4 de outubro de 1957, a Unión Soviética puxo en órbita o primeiro satélite artificial, o Sputnik 1. O 23 de outubro de 1957, a mariña americana volveu a fallar co foguete Vanguard. O 3 de novembro, o Sputnik 2, coa cadela Laika, foi satelizado con éxito. O instrumental a bordo constata que o animal sobreviviu á aceleración do lanzamento. O 6 de decembro un novo lanzamento do Vanguard americano durou tan só 2 segundos no aire.

O 31 de xaneiro de 1958, o Explorer-1 americano alcanzou a órbita. En febreiro a mariña volveu a fracasar co Vanguard. O 15 de maio, o Sputnik 3], primeiro satélite científico, foi satelizado sen novidade. O 1 de outubro, o congreso dos EUA creou a NASA. No aninovo de 1959, o Lunik-1 soviético foi o primeiro obxecto en abandonar a órbita terrestre. No mesmo ano, o Lunik-2 estrelouse contra a Lúa e o Lunik-3 transmitiu as primeiras fotografías da cara escura da Lúa á Terra. En abril de 1960, o Tiros-1 americano converteuse no primeiro satélite meteorolóxico. O primeiro satélite de posicionamento foi o Transit-1B americano. A mediados de maio, comezaron as probas do Vostok soviético. Belka e Strelka, dúas cadelas a bordo da primeira nave Vostok (Sputnik 5), aterraron e foron recuperadas con vida tralo voo espacial. O 31 de xaneiro de 1961, o programa Mercury foi estreado por un chimpancé chamado Ham. A URSS comezou a exploración de Venus co Venera-1.

 
Von Braun co Saturn V

O 12 de abril de 1961, Iuri Gagarin completou con éxito o primeiro voo orbital dun ser humano na cápsula Vostok. O 5 de maio, Alan Shepard na cápsula Mercury completou un voo suborbital, feito que foi promocionado pola NASA, como "o primeiro home libre no espazo". O 21 de xullo, Gus Grissom completa outro voo suborbital no Mercury. En agosto, o comandante Gherman Titov, pasou máis dun día na órbita terrestre a bordo do Vostok.

O 20 de febreiro de 1962, John Glenn foi o primeiro americano en completar un voo espacial, 10 meses despois da satelización de Gagarin. En agosto, produciuse o primeiro encontro espacial entre o Vostok-3 e o Vostok-4. Do 16 ó 19 de xuño de 1963, Valentina Tereshkova a bordo do Vostok-6 converteuse na primeira muller no espazo. En 1964, a URSS logrou o récord de tripulación dunha nave espacial, con tres persoas a bordo da nave Voskhod.

O 18 de marzo de 1965, o soviético Alexei Leonov foi o primeiro home en dar un paseo espacial. O 3 de febreiro de 1966, o Lunik-9 pousouse suavemente na superficie lunar. O foguete soviético Proton, o 10 de marzo de 1967, puxo en órbita ao redor da Lúa o Cosmos-146. Nese mesmo ano, o Saturno-V americano puxo en órbita o Apolo-IV (baleiro). Na noiteboa de 1968, o Apolo VII, con tres astronautas a bordo, rodeou a Lúa e volveu sen novidade.

Chegada á Lúa editar

 
Buzz Aldrin na superficie lunar.

O 20 de xullo de 1969, o Apolo-XI pousou a dous americanos na Lúa. O 11 de outubro, a Soyuz-6, Soyuz-7 e a Soyuz-8 protagonizaron a primeira manobra de tres naves xuntas, todas tripuladas. O 24 de abril de 1970, a China entrou na carreira espacial pondo en órbita o seu primeiro satélite artificial. O 22 de xullo a Venera-7 transmitiu información dende a superficie venusiana. O 17 de abril de 1971, a soviética Saliut-1 foi a primeira estación espacial. En 1972, Richard Nixon aprobou o orzamento para o desenvolvemento do transbordador espacial. En decembro, o Apolo-XVII, foi o sexto e último enxeño tripulado a aterrar na lúa. O 14 de maio de 1973, os EUA satelizaron a estación espacial Skylab, de tres tripulantes. En decembro, a Pioneer 10 americana chegou a Xúpiter.

En 1975 a Soyuz e o Apolo, xúntanse no espazo. A partir deste momento, darase por rematada a carreira espacial. A soviética Venera-9 transmitiu as primeiras imaxes da superficie venusiana. Un ano despois, as americanas sondas Viking transmitiron imaxes de Marte. En 1976, a URSS comezou a desenvolver o seu programa de transbordador espacial (o Buran). En 1977, o transbordador Enterprise comezou os seus primeiros voos. En 1979 o Pioneer 11 orbita Saturno. En 1981, o Columbia converteuse na primeira nave reutilizable. En 1988 o transbordador espacial Buran completou dúas órbitas en voo automático. O programa foi abandonado por falta de diñeiro.

A partir de mediados dos 80, moitos programas espaciais soviéticos foron apoiados pola NASA ou a ESA debido á escaseza económica. Mención especial merece a estación espacial MIR (paz), que ostenta o récord de permanencia en activo no espazo.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar