Carrán do Caspio

Carrán do Caspio

Adulto con plumaxe estival
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Sternidae
Xénero: Hydroprogne
Kaup, 1829
Especie: H. caspia
Nome binomial
Hydroprogne caspia
(Pallas, 1770)
Sinonimia

Sterna caspia

O carrán do Caspio[2] ou carrán caspio[3] (Hydroprogne caspia, antes Sterna caspia) é unha especie de ave caradriforme da familia dos estérnidos que se encontra en todos os continentes menos o antártico. En Galicia é unha ave accidental.[3] É a única especie dentro do xénero Hydroprogne e non se recoñecen subespecies.[4] O nome do xénero vén do grego hydros, 'auga' e do latín progne, 'andoriña'.[5]

Descrición editar

 
Adulto con plumaxe de inverno.

Caracterízase polo seu gran tamaño, xa que mide entre 47 e 54 cm e ten unha envergadura alar de 130–145 cm,[6] cun peso de 574 a 782 g,[4] polo que é a mayor ave da familia dos carráns. As partes superiores do seu corpo son de cor gris clara e as inferiores brancas agás a parte inferior das primarias, que é de cor gris máis escura. O bico é robusto e vermello, coa punta manchada de negro. As patas son negras. Os adultos en verán teñen o píleo e a caluga negros e en inverno faise xaspeado frontalmente con manchiñas brancas. A súa chamada é un potente grallido similar ao das garzas.[7]

Taxonomía editar

Anteriormente estaba clasificada dentro do numeroso xénero Sterna pero na actualidade está incluída no seu propio xénero, Hydroprogne.[8]

A especie foi descrita por primeira vez arrededor de 1770 por Peter Simon Pallas e Ivan Ivanovitch Lepechin, independentemente. Pallas deulle o nome científico de Sterna caspia porque a encontrou no mar Caspio, mentres que Lepechin deulle un nome onomatopeico Hydroprogne tschegrava. Terminou adoptándose o nome binomial de Sterna caspia que se utilizou durante máis de dous séculos, ata que se determinou que debía separarse nun xénero propio, polo que desde 2005 o seu nome é Hydroprogne caspia.[4]

Malia a súa ampla área de distribución, actualmente non se recoñecen subespecies diferenciadas nesta especie,[4] aínda que no pasado as poboacións de Australia e Nova Zelandia agrupábanse na subespecie Hydroprogne caspia strenua, pero terminou desbotándose esta subdivisión ao non se atoparen diferenzas cos exemplares do resto do mundo.

Distribución e hábitat editar

 
Carrán do Caspio en voo con plumaxe de inverno.

A súa área de distribución é moi ampla, case global pero non é unha ave abundante.[1] Os seus hábitats reprodutores son os grandes lagos e as costas oceánicas de Norteamérica (incluídos os Grandes Lagos), Europa (principalmente arredor do Báltico e o mar Negro), Asia, África e Australasia (Australia e Nova Zelandia). As poboacións americanas migran cara ao sur ata as costas do Caribe e o norte de Suramérica. As poboacións europeas e asiáticas tamén migran ao remataren a tempada de cría para pasaren o inverno nas zonas tropicais de África e Asia. As poboacións africanas e de Australasia son sedentarias ou desprázanse a curtas distancias.[4]

A poboación global é dunhas 50 000 parellas, o número das poboacións da maioría das rexións é estable, mais a poboación do Báltico (con 1 400–1 475 parellas a principio da década de 1990) está en declive e a súa conservación está en risco.[4][9]

 
Carrán do caspio en busca de alimento.

O carrán do Caspio é unha das especies ás que se aplica o Acordo sobre a Cconservación das Aves Acuáticas Migratorias Africano-euroasiático (AEWA).

Comportamento editar

Alimentación editar

Aliméntase principalmente de peixe, que atrapa mergullándose na auga tras pairar estática por riba para localizar a súa presa e lanzarse en picado sobre ela. Ocasionalmente tamén come insectos grandes, ovos e polos doutras aves e algún roedor. Pode voar máis de 60 km desde a súa colonia de cría para conseguir peixe. A miúdo pesca en lagos de auga doce ademais de no mar.[4][7]

 
Adulto protexendo os seus polos.

Reprodución editar

 
Ovo de Hydroprogne caspia

Cría en primavera e verán, xeralmente entre maio e xuño. Pon dun a tres ovos de cor verde azulada clara salferidos de numerosas pintas pardas, nun niño que non é máis que un oco superficial no chan de area ou grava. Aniña en colonias que poden ser exclusivas da súa especie ou xunto a outros carráns e gaivotas. A incubación dura de 26 a 28 días. Os polos teñen un padrón de cor variable que vai desde o crema claro ao pardo cincento; esta variación pode axudar a que os adultos recoñezan os seus propios fillos cando volven á colonia das súas incursións de pesca. Os polos emplumen entre os 35 e 45 días de vida.[4]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2009). "Hydroprogne caspia". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 20 de outubro de 2010. 
  2. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  3. 3,0 3,1 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 del Hoyo J., Elliott, A., & Sargatal, J., eds. (1996). Handbook of the Birds of the World 3: 645. Lynx Edicions ISBN 84-87334-20-2.
  5. Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 93, 197. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Beaman, M. y Madge, S. (1998) Guía de identificación de las aves de Europa, norte de África y próximo oriente. P. 450. Ed. Omega ISBN 84-282-0946-4
  7. 7,0 7,1 Mullarney, K., Svensson, L., Zetterström, D., & Grant, P. J. (1999). Collins Bird Guide. Collins ISBN 0-00-219728-6.
  8. B<jörn Anderson, Erling Jirle & Lars Svensson (2007) Förändringar i listan över Holarktis fåglar - Rapport Nr 2 från SOF:s taxonomikommitté, Vår Fågelvärld, nr.1, 2007, sid 16-17.
  9. Snow, D. W., & Perrins, C. M. (1998). The Birds of the Western Palearctic Edición abreviada OUP ISBN 0-19-854099-X.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Hume, Rob (2002). Guía de campo de las aves de España y Europa. Ediciones Omega. ISBN 84-282-1317-8. 

Ligazóns externas editar