Carlos XII de Suecia

Carlos XII, nado en Estocolmo o 17 de xuño de 1682 e finado en Fredrikshald (Noruega) o 30 de novembro de 1718, chamado Carolus Rex e o Alexandre do Norte, foi un Rei de Suecia (1697-1718), Duque de Bremen e Príncipe de Verden (1697-1718) e conde do Palatinado-Zweibrücken (1697-1718) como Carlos II. Fillo de Carlos XI de Suecia e Ulrica Leonor de Dinamarca. Está considerado o último rei guerreiro de Suecia, e probablemente fose un dos mellores tácticos de guerra da historia.

Infotaula de personaCarlos XII de Suecia

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(sv) Karl XII Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento27 de xuño de 1682 Editar o valor em Wikidata
The Royal Court Parish, Suecia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte11 de decembro de 1718 Editar o valor em Wikidata (36 anos)
Halden Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte en combate Editar o valor em Wikidata (Morto en combate Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaQ28379916 Traducir Editar o valor em Wikidata
Rei de Suecia
5 de abril de 1697 (Xuliano) – 29 de novembro de 1718 (Xuliano)
← Carlos XI de SueciaUlrica Leonor de Suecia → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSuecia Editar o valor em Wikidata
RelixiónLuteranismo Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Uppsala Editar o valor em Wikidata
Altura176 cm Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónlíder militar , monarca Editar o valor em Wikidata
ProfesoresAndreas Nordenhielm (pt) Traducir e Erik Lindschöld (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua sueca Editar o valor em Wikidata
Outro
TítuloConde palatino (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
FamiliaCasa de Palatinado-Zweibrücken (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Cónxuxesen valor Editar o valor em Wikidata
PaisCarlos XI de Suecia Editar o valor em Wikidata  e Ulrica Leonor da Dinamarca (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsUlrica Leonor de Suecia e Hedvig Sofia da Suécia (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Cronoloxía
14 de decembro de 1697coroación (Catedral de São Nicolau de Estocolmo (pt) Traducir) Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Pfalz-Zweibrücken-2 Find a Grave: 8509033 Editar o valor em Wikidata

Participou durante case todo o seu reinado na Gran Guerra do Norte, combatendo as forzas unidas de Dinamarca, Saxonia, Polonia e o Imperio Ruso. A súa vitoria máis coñecida foi a batalla de Narva, en 1700, cando venceu un exército ruso varias veces maior.

Historicamente, foi desculpado da derrota da batalla de Poltava por atoparse ferido nun pé, e non atoparse en condicións de dirixir as súas tropas en persoa. Sobre a súa vida privada sábese moi pouco, só que era unha persoa reservada. A súa vida política reflectiuse, a grandes liñas, nas súas campañas e nas súas decisións durante a Gran Guerra do Norte.

Traxectoria editar

Infancia editar

Naceu no castelo Tre Kronor en Estocolmo. O segundo dos sete fillos de Carlos XI, dos cales só sobreviviron tres: Eduvixes Sofía, Carlos e Ulrica Leonor. A primeira infancia pasouna en compaña da súa nai e das súas irmás. Cumpridos o seis anos, o seu pai decidiu que xa era hora de iniciar unha vida independente, e asignoulle unha sección do palacio como vivenda, coa súa propia corte e serventes.

 
Carlos XI de Suecia, obra de David Klöcker Ehrenstrahl

A súa educación foi esmerada, demostrando o seu talento sobre todo en matemáticas e nos temas militares, aprendeu tamén historia, filosofía, tecnoloxía militar, xeografía e literatura, ademais de francés, alemán, inglés, latín e grego. A medida que creceu demostrou un carácter autoritario mesturado con certa tozudez e un enorme orgullo non sen mostras de humildade e autosacrificio. Carlos XI decidiu que había que preparar o futuro rei, así que comezou a introducilo nos seus deberes reais acompañando o seu pai en visitas polo reino, cacerías e paradas militares. Carlos XII destacou nos seus dotes militares, demostrando ser un bo espadachín, tirador e un consumado xinete, tanto así que aos nove anos matou o seu primeiro cervo e aos 13 matou un xabaril con máis nada que un coitelo.

 
Carlos XII de Suecia e a súa irmá Eduvixes Sofía na súa nenez.

En 1690 enfermou a súa nai e a súa saúde foi empeorando. O 26 de xullo de 1693 morrería u a nova raíña aos 36 anos, deixando orfo a Carlos cumpridos os 11 anos. A súa morte afectou profundamente o rei Carlos XI, afectando tamén á súa saúde.

En 1696 o rei comezou a sufrir de dor no ventre que foi empeorando a pesar de todos os coidados. O 2 de abril de 1697 xacendo o rei no seu leito de morte, despediuse dos membros do Consello do reino e da súa corte. Ao día seguinte fixo chamar os seus fillos para despedirse deles.

Carlos despediuse do seu pai a soas, nunha reunión que durou dúas horas. Transcendeu que Carlos XI aconsellou o seu fillo a non deixarse arrastrar a guerra ningunha, mais se non tiña opción, debería asumila con todo vigor e resolución. Tamén lle aconsellou non casar con alguén doutra relixión, e coidar e velar polas súas irmás. O 5 de abril faleceu o rei Carlos XI aos 41 anos de idade.

Carlos perdera aos 14 anos de idade, o seu pai e a súa nai.

Rexencia e coroación editar

Carlos XI estableceu no seu testamento que un goberno de rexencia debería asumir o poder real ata a maioría de idade do príncipe Carlos. O consello de rexencia quedou conformado pola raíña nai Ulrica Leonor e cinco conselleiros reais. Á morte do seu pai, Carlos contaba con 14 anos, e segundo o costume, a maioría de idade alcanzábase aos 18 anos. Con todo, os seus antecesores máis próximos, mesmo o seu pai, asumiran a coroa antes desa idade.

O consello de rexencia estimou que o príncipe mostraba xa a madurez necesaria para asumir o poder real e comezou a sondar a opinión entre os representantes dos súbditos do reino, para declaralo maior de idade, e desta forma ser coroado rei.

A nobreza aceptou a posibilidade e o pobo tamén. Só entre o clero houbo algunha resistencia, xa que o consideraban demasiado novo aínda. Decidiuse convocar o Parlamento para o 3 de novembro de 1697. A aceptación da nobreza e a plebe tiña motivos políticos, xa que a nobreza mediante o apoio á petición da coroa, aspiraba a unha posibilidade de restitución de terras, terras requisadas por Carlos XI para afianzar economicamente o seu reinado; e para a plebe, a coroación de Carlos significaba o establecemento dun poder neutralizador das aspiracións da nobreza.

O príncipe comezou a asistir ás reunións do consello de rexencia, mantendo unha actitude atenta, pero distante. Cando se lle consultaba o seu parecer e el estaba de acordo, expresábao terminantemente e en caso contrario prefería gardar un pechado silencio, neutralizando desta maneira a consulta, xa que ao non saber o seu parecer, o resto dos membros de consello non se atrevían a decidir.

 
Incendio do Castelo de Tre Kronor Obra de Johan Fredrik Höckert

O núcleo familiar mantíñase unido e Ulrica Leonor ocupábase do benestar do fogar. Con todo, un grave incidente turbou a paza cando o 7 de maio de 1697, por un descoido do persoal do palacio, se declarou un incendio no castelo Tre Kronor, e a familia tivo que abandonar o palacio apresuradamente e refuxiarse na residencia do conselleiro Bengt Oxenstierna. O pobo de Estocolmo pronto se agrupou para socorrer, ou simplemente observar a catástrofe. Uns meses despois a familia trasladouse a unha nova e moderna residencia, o palacio Wrangel, que cambiou o seu nome a Kunghuset.

Para resolver a situación política, a nobreza tomou a iniciativa, e o 8 de novembro enviou un par de representantes a palacio, a solicitarlle ao príncipe que aceptase a coroa de Suecia. Informados de antemán, alí esperábanos a raíña nai, Carlos e os cinco conselleiros. Unha vez expresada a solicitude, o príncipe respondeu que agradecía a confianza posta na súa persoa e aceptaba. O seguinte paso foi reunirse con representantes dos outros tres estamentos político-sociais de Suecia: clero, cidadán e agrario, xa que se consideraba importante entregarlle ao novo soberano un amplo apoio político. Os respectivos representantes fixeron acto de presenza no palacio e reiteráronlle á súa vez a petición. Carlos aceptou novamente e logo retirouse a rezar. Todo o procedemento tomara só doce horas.

O extinto rei Carlos XI foi enterrado o 24 de novembro e tres días máis tarde o Consello de rexencia rematou oficialmente as súas funcións, asumindo o novo príncipe o trono de Suecia. O 29 de novembro o novo soberano disolveu o Parlamento. A coroación realizouse o 14 de decembro de 1697 na catedral de San Nicolao de Estocolmo.

Carlos rompeu dúas importantes tradicións ese día. A primeira foi obviar o xuramento de fidelidade mutua entre o rei e os seus vasalos (konungaförsäkran), e a segunda foi coroarse a si mesmo, sen a intervención doutros. Estas dúas manifestacións deixaron claro ante todos, que el se consideraba un monarca absoluto, pasando a ser o único rei de Suecia que reinou como tal.

O adolescente rei Carlos XII manifestou tamén que non habería lugar para conselleiros ao seu lado, e que non restituiría terras á nobreza. A oposición do clero resolveuna arrestando o pastor da cidade de Mora, Jacob Boëthius, que enviara cartas a algunhas autoridades, nas quemanifestaba a súa desconformidade coa monarquía absoluta do rei, para logo xulgalo por traizón e condenalo á morte. A pena foi conmutada posteriormente e o relixioso pasou os seguintes dez anos en arresto, na fortaleza de Nöteberg, en Carelia. Non houbo máis críticas ao rei de ningunha parte.

 
Catedral de San Nicolao de Estocolmo

O seu reino editar

Na súa coroación, Carlos XII asumiu como Rei dos Suecos, os Godos e os Vendos. Gran Duque de Finlandia. Duque de Escania, Estonia, Livonia, Carelia, Bremen, Stettin, Pomerania, Kassuben e Verden. Príncipe de Roxen. Señor de Ingria e Wismar. Conde de Zweibrucken, Conde Palatino do Rin en Baviera, Duque de Jülich, Kleve e Berg. Conde de Wälden, Sponheim e Ravensberg, e Señor de Ravenstein.

Todos estes títulos reflectían o enorme imperio que herdara do seu pai. Imperio construído principalmente a través de conquistas militares iniciadas por Gustavo II Adolfo na Guerra dos Trinta Anos e confirmadas no Tratado de paz de Westfalia; seguidas das logradas polo seu avó Carlos X Gustavo, no tratado de Roskilde e polo seu pai Carlos XI na Guerra Escanesa.

No mar Báltico, só Polonia, o ducado de Curlandia, o ducado de Lituania (ambos dominados por Polonia) e o ducado de Prusia tiñan acceso ás vías marítimas.

Poder militar editar

Os Carolinos editar

Despois da batalla de Lund, o 4 de decembro de 1676, unha das máis sanguentas da época, o rei Carlos XI, pai de Carlos XII, comprendeu a importancia de contar cun exército ben organizado, e puxo moito empeño en desenvolvelo, pasando gran parte do seu tempo organizándoo, e participando en revistas e manobras.

A reorganización comezou coa aplicación dun novo sistema chamado de alistamento (indelning), que a diferenza do sistema de recrutamento, permitía contar con rexementos permanentes, adestrados regularmente, moi disciplinados, organizados para responder rapidamente ante un ataque ou emerxencia, e moi homoxéneos en canto ao idioma e á orixe local –a diferenza do resto de Europa. Cada rexemento contaba con batallóns de cabalaría e artillaría.

 
Batalla de Lund. Obra de Johan Philip Lemke

A construción da base naval de Karlskrona en 1680, dotou o reino dun recurso moi importante para manter o control do mar Báltico. Con todo, os poderes navais de Dinamarca, Holanda e Gran Bretaña superábano amplamente, tanto pola tonelaxe das súas naves de guerra, como pola súa cantidade.

A oficialidade estaba composta por militares profesionais que estudaran ou perfeccionaran a súa carreira militar noutros países, principalmente Francia. Outros oficiais proviñan das posesións suecas en Alemaña.

Tamén existía unha cantidade de oficiais de distintas nacionalidades (franceses, británicos e outros) que serviran en exércitos doutros países, e participaran en distintas guerras europeas, que actuaban baixo contrato. Suecia contaba tamén con destacados enxeñeiros militares, especializados en fortificacións.

Por ser creados por Carlos XI e participar na Gran Guerra do Norte baixo o mando de Carlos XII, os alistados recibiron o nome de carolinos.

A guerra editar

A Gran Guerra do Norte comezou en febreiro de 1700, cando un exército composto por tropas polacas e saxoas tentaron apoderarse da cidade de Riga en Livonia, sen logralo a pesar da súa superioridade numérica. O 20 de marzo do mesmo ano, Frederico IV de Dinamarca ordenou a invasión por tropas do reino de Dinamarca-Noruega, do ducado de Holstein-Gottorp, gobernado por Frederico IV de Holstein-Gottorp, cuñado do rei Carlos XII, casado coa súa irmá Eduvixes Sofía. O principado, situado na fronteira sur de Dinamarca, era un aliado de Suecia e considerado como unha ameaza polos daneses.

Bautizo de lume

Carlos XII decidiu entón reaccionar militarmente e planificou un ataque contra Dinamarca. Concentrou tropas suecas na fronteira sur de Dinamarca, en Escania e na fronteira con Noruega. Embarcándose persoalmente en Landskrona con catro batallóns de infantaría, cruzou o Öresund nun convoi e logo de facer unha manobra táctica evasiva, virou cara ao norte onde ancorou fronte á localidade de Humlebaeck, situado a uns 40 km ao norte de Copenhague, ás seis da tarde do 25 de xullo. Inmediatamente realizouse un desembarco anfibio.

 
Tropas suecas realizando un desembarco. Obra de Johan Philip Lemke

O desembarco non estivo exento de dramatismo, xa que o impaciente rei sueco saltou á auga espada en man antes de chegar á praia, na primeira vaga xunto aos seus oficiais; facéndoo no medio dunha escaramuza proveniente duns 700 soldados e campesiños armados que os esperaban, caendo ferido o comandante en xefe Carl Magnus Stuart, o seu ex-profesor e nese momento xeneral de loxística militar, que ía ao seu lado; caendo ademais ferido un oficial que ía ao seu outro costado.

Prontamente os seus soldados reduciron as débiles defensas, retirándose os daneses en dirección a Copenhague. As baixas suecas foron un morto e varios feridos, as danesas alcanzaron a cincuentena. Máis tarde o mesmo día, desembarcou unha nova vaga de tropas suecas, quedando a forza expedicionaria conformada por uns 4900 soldados. Posteriormente desembarcaron rexementos de cabalaría, e para dúas semanas máis tarde, o exército sueco en chan danés chegaba aos 10 000 soldados.

Frederico IV, xa decatado da invasión sueca con anterioridade e do seu posible ataque a Copenhague, decidiu detela entrando en rápidas negociacións, logrando un tratado de paz o 8 de agosto, coñecido como o tratado de Traventhal, recoñecendo a Holstein-Gottorp e compensándoo economicamente ademais. Carlos XII, aínda que un tanto frustrado, xa que nos seus plans estaba a destrución da frota danesa ancorada en Copenhague, aceptou a nova situación e regresou a Suecia.

O 20 de agosto, Pedro I invadiu Ingria, declarando a guerra a Suecia, tendo como obxectivo o lograr establecer un porto no mar Báltico, pondo pouco despois sitio á fortaleza sueca en Narva.

Últimos anos editar

 
Traslado do cadáver de Carlos XII de Suecia. Obra de Gustaf Cederström

Trala derrota na batalla de Poltava, refuxiouse no Imperio Otomán baixo a protección do sultán Ahmed III e viviu na cidade de Bender (actual Tighina, en Moldavia) ata 1714. A súa intromisión na política exterior do Imperio Otomán logrou facer estalar un conflito militar contra o Imperio ruso. A pesar da súa vitoria, a campaña militar provocou descontento entre os otománs, o que fixo a Carlos decidirse a abandonar a zona. O 11 de novembro do mesmo ano, tras cruzar Europa durante 14 días, chegou a Pomerania, posesión territorial sueca nese entón. Alí foi recibido polo barón Georg Heinrich von Görtz, a quen Carlos XII converteu en primeiro ministro de Suecia en 1716, mentres continuaba coa súa política militar. O rei reorganizou o seu exército e iniciou unha campaña militar contra Frederico IV de Dinamarca, rei de Dinamarca e Noruega.

En outubro de 1718, Carlos XII invadiu Noruega e comezou o asedio da fortaleza de Fredriksten, en Halden, Noruega.

Alí atopou a morte, ao recibir o 30 de novembro de 1718, un disparo na cabeza durante unha inspección nocturna das trincheiras. Non se sabe con claridade a orixe do disparo, o que orixinou moitas investigacións e teorías.

Coa morte do rei, o exército sueco regresou ao seu país, e o 25 de decembro de 1718 a súa irmá Ulrica Leonor foi proclamada raíña de Suecia.

Aparencia en 1716 editar

O historiador Bengt Liljegren no seu libro Karl XII i Lund ("Carlos XII en Lund"), descríbeo da seguinte forma durante a permanencia do rei en Lund:

Tiña 34 anos, a súa cabeleira comezaba a ralear sobre a súa fronte e non tiña a axilidade de antes. Coxeaba levemente debido á súa antiga fractura do fémur, pero aínda se mantiña erguido como na súa mocidade. Era delgado, de ombreiros anchos, e alto para a súa época, 1,75 de altura. O seu rostro estaba marcado polo xarampón que sufriu na súa nenez, o nariz afiado e grande, o seu característico beizo inferior saínte. Os seus ollos eran azuis, co dereito un pouco máis aberto que o esquerdo, o que lle daba á súa mirada un ton inquisitivo persistente. O seu cabelo era castaño escuro e levábao curto, peiteado cara a arriba. As súas tempas comezaban a encanecer.
As súas roupas eran simples, en relación á súa posición social. Unha casaca militar azul con botóns de bronce dourado, chaleco e pantalóns de coiro amarelo, bufanda negra, tricornio negro cun botón dourado, luvas de esgrima feitas de coiro de cervo, coa parte superior de coiro de alce, e sólidas botas negras altas de cabalaría, con esporas de ferro. Unha tira de coiro de cervo á cintura, cunha espada longa de empuñadura de bronce dourado.
 
Carlos XII de Suecia. Obra de Acel Sparre

O historiador noruegués Alf E. Bjerke no seu libro Karl XII i Norge 1716 – Det glömda fältåget ("Carlos XII en Noruega 1716: A campaña militar esquecida"), cita o pastor parroquial noruegués, Søren Hagerup, en cuxa casa durmiu o rei, que describiu así as súas impresións:

É realmente a mesma persoa que vin no ano 1700 en Halland, aínda que moi cambiado, a súa cara é máis grosa e as súas mans completamente morenas. O cabelo é máis escaso que entón. No curucho desapareceu, e á beira das orellas comeza a ser gris. É indulxente cando fala con todos, pero difícil de entender, aínda que a súa fala é común. Sorrí sempre, sexa quen sexa o que se fale. A súa devoción e espírito demostrounos cando, axeonllado, cumpre coas súas oracións na mañá e na noite. Polo demais compórtase como un soberano. As súas roupas non se poden diferenciar das do seu máis simple xinete, xa que os seus pantalóns, casaca e capa, os primeiros de coiro e a última de tea azul ordinaria, están furados. Ten unha rotura na súa casaca, a cal segundo o mesmo contou, recibíraa de Kruse,[1] do que eloxiou grandemente a súa valentía. A súa servidume componse de dous cociñeiros e un camareiro, chamado Mandelstjerna. O seu comportamento é sinxelo e sen afectación. É inquieto e parece voar máis que camiñar, e non se quita nunca a capa e ten unha ferida molesta no fémur. O nariz moquéalle permanentemente,[2] e non se lle pode dirixir a palabra cando come, porque se lanza sobre a comida máis como un exasperado que como un rei. Exactamente ás once da noite comeu co xeneral maior Delwick[3] e o coronel Löwen,[4] ambos os seus favoritos. Exactamente á unha da madrugada deitouse, con botas e esporas, espada e capa, sobre unha chea de feo. Así cóntase que sempre o fai, e Delwick con el. A súa bebida na miña casa non foi outra cousa que auga fría e sen ferver, pero non houbo problema coa comida. Exactamente ás catro da mañá estaba en pé novamente. Isto conforme á verdade, asegura Søren Hagerup.

Política editar

Sobre a súa política, que case na súa totalidade era exterior, sábese pouco. Como rei absolutista a política do seu reino dependía directamente del, e a súa personalidade. Os seus biógrafos adóitanlle atribuír un carácter testudo, nacionalista, reservado, ousado, valente, relixioso e de costumes sinxelos (habitualmente vestía uniforme).

Crese que vía o futuro de Suecia na conquista do leste. Para iso requiríase manter o gran rival, Dinamarca, en xaque cos reinos alemáns e facer de Polonia un vasalo. O soberano menosprezaba o máis perigoso dos seus inimigos, o Imperio Ruso, e é por iso que o deixou para o final da súa campaña militar expansionista.

Era visto por algúns como o salvador do Imperio Sueco; dise que tiña unha gran capacidade para convencer os seus súbditos para facer sacrificios. Pero, para outros, foi o que levou a Suecia aos límites das súas capacidades a unha guerra imposible de gañar. Isto era obvio, xa que polos seus recursos, o Imperio Ruso chegaría finalmente a ocupar o lugar de potencia que Suecia posuía. A fin do conflito asinouse no Tratado de Nystad en 1721, tres anos despois da súa morte.

Legado editar

 
Estatua de Carlos XII na Praza de Carlos XII, Estocolmo.
  • Coa súa morte rematou o período imperial de Suecia, e comezou o Imperio Ruso a elevarse como potencia en Europa. Suecia cedeu a este último, as provincias de: Carelia, Livonia, Estonia e Ingria (Ingermanland), onde os rusos fundaran San Petersburgo en 1703.
  • Carlos XII, deixou as arcas de Suecia baleiras e o país desgastado despois de 18 anos de guerra. Así mesmo abriu paso á chamada "época da liberdade" en Suecia, que reducía o poder do monarca e desenvolvía o parlamentarismo. Nesta época, que durou ata 1772, Suecia foi considerada por Voltaire como o Estado máis libre do mundo.
  • Deu inicio aos anhelos de anexión sobre Noruega, que se concretaron en 1814 e terminarían en 1905.
  • Converteuse en obxecto de admiración de varios reis posteriores, entre eles Gustavo III. Durante a época do nacionalismo pasou a ser un símbolo da forza da nación. Hoxe en día é visto con nostalxia e admiración por grupos nacionalistas.

Contribucións científicas editar

Ademais do goberno, os intereses do rei incluían as matemáticas e calquera outra cousa que puidese beneficiar os seus propósitos na guerra. Está acreditado como o inventor dun sistema de numeración octal que consideraba máis adecuado na guerra, xa que as caixas que se empregaban para os materiais como a pólvora eran cúbicas. Segundo un informe do científico Emanuel Swedenborg, contemporáneo seu, o rei deseñara un modelo nunha folla de papel e entregárallo nunha encontro en Lund en 1716. Ata cen anos despois aínda se conservaba o papel, mais finalmente perdeuse.

Literatura editar

Carlos XII fascinou a moitos no seu tempo. En 1731, Voltaire escribiu unha biografía del na que o retrata cunha imaxe positiva, contraria á natureza brutal de Pedro o Grande.[5]

Devanceiros editar

Notas editar

  1. O coronel noruegués Ulrich Christian Kruse era o responsable da liña defensiva de Christiania, e comandaba unha compañía de 200 dragóns que entrou en combate o 27 de febreiro de 1716 coas forzas de Carlos XII, tres veces superiores, caendo ferido e feito prisioneiro. O rei recibiu un golpe de sabre no seu ombreiro esquerdo, ao parecer do coronel Kruse, que non o feriu, xa que estaba protexido pola súa capa dobrada; con todo alcanzou a rirscarlle a casaca.
  2. O rei atopábase arrefriado. Igualmente parece ser causa da súa dificultade para falar, mencionada ao comezo.
  3. O xeneral maior Johan Wimmerich von Delwig.
  4. O coronel Axel Löwen, próximo ao rei dende a súa estadía en Bendery.
  5. Voltaire (1740). The History of Charles XII. King of Sweden ... Seventh edition... p. 1. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Liljegren, Bengt. Karl XII. En Biografi. 2000 Historiska Media, Lund. ISBN 01-88930-99-8.
  • Liljegren, Bengt. Karl XII i Lund. ISBN 918 8930 513
  • Nordisk familjebok. Uggleupplagan (1910), band 13. sid.967-986.
  • Åberg, Alf e Göransson, Göte. Karoliner. 1976, Bokförlaget Trevi. ISBN 19-7160-208-9.
  • Bjerke , Alf E. . Karl XII i Norge 1716 – Det glömda fältåget. Alf E. Bjerke & Carlsson Bokförlag 2003. ISBN 91-7203-553-6

Ligazóns externas editar

Rei de Suecia

Segue a:
Carlos XI
Carlos XII de Suecia
Precede a:
Ulrica Leonora
Pfalz-Zweibrücken