Carla Del Ponte, nada en Lugano (Suíza) o 9 de febreiro de 1947, é unha xurista suíza actualmenta xa xubilada. Despois de ser fiscal do cantón de Ticino, e máis tarde fiscal xeral da Confederación Helvética, foi nomeada, en agosto de 1999, fiscal xefa do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII) e do Tribunal Penal Internacional para Ruanda (ICTR), en substitución de Louise Arbour. En 2003, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas substituíuna como fiscal do TPIR por Hassan Bubacar Jallow nun esforzo, segundo se declarou, para axilizar os procedementos nese Tribunal. Seguiu, porén, sendo fiscal do TPII até o 1 de xaneiro de 2008, ano en que foi sucedida por Serge Brammertz, e nomeada Embaixadora de Suíza na Arxentina e Paraguai, con sede en Buenos Aires, cargo no que cesou en 2011.[1]

Infotaula de personaCarla Del Ponte

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento9 de febreiro de 1947 Editar o valor em Wikidata (77 anos)
Lugano, Suíza Editar o valor em Wikidata
Ambassador of Switzerland to Argentina (en) Traducir
1 de xaneiro de 2008 – febreiro de 2011
Fiscal
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeSuíza Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Berna
Universidade de Xenebra Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxurista , política , xuíza , avogada , embaixador Editar o valor em Wikidata
EmpregadorONU Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua italiana Editar o valor em Wikidata
Premios

WikiTree: Dal_Ponte-1

Fala con fluidez os italiano, francés alemán, inglés e español.

Dúas veces casada e divorciada, ten un fillo.

Traxectoria editar

Infancia e educación editar

Carla Del Ponte naceu en 1947 no seo dunha familia suíza italófona en Lugano. Pasou a súa infancia en Bignasco, no Val Maggia, no que seu pai tiña un negocio de hostalaría. Na súa primeira xuventude quería ser médica, coma dúas das súas irmás. Anhelaba ser cirurxiá, e en 2007 dixo nunha entrevista: "A miña irmá levábame frecuentemente, ás noits, a ver operacións, cando ela era médica interna"[2]

Pero o seu pai desexaba para ela unha vida tradicional de muller casada e nai de familia, e non que perdera o tempo con longos estudos universitarios. Pero xa daquela o seu temperamento ben temperado levouna a negociar co pai, acordando que seguría estudos de dereito, menos longos cós de medicina, pero estudos universitarios, ao cabo.

Estudos editar

Realizou estudos de dereito na universidade de Berna, e despois na de Xenebra. Despois, interesada polo dereito penal e na criminoloxía, fixo cursos destas materias que a marcaron profundamente e lle fixeron ver o papel fundamental do dereito na sociedade, e o lugar eminente que nela ocupa a xustiza. Estes cursos déronlle unha vocación pola maxistratura e, especialmente, pola función de fiscal.

Fixo tamén estudos de dereito internacional en Gran Bretaña e en Irlanda do Norte onde obtivo o seu Master of Laws en 1972.

Resumo da súas actividades profesionais editar

Actividades en Suíza editar

Para cumprir os seus desexos, Carla Del Ponte debeu esperar dez anos antes de ser nomeada maxistrada, a pesar do seu curriculum e dos brillantes resultados acadados nas probas de acceso á maxistratura.

Así, despois de acabar os seus estudos en 1972, exerceu de avogada nun bufete en Lugano e, en 1975 abre o seu propio. A función de avogada permitiulle comprender as particularidades da defensa, pero iso non se correspondía coas súas aspiracións.

En 1981 foi nomeada xuíza de instrución, función que exercería tres anos antes de ser nomeada fiscal do cantón de Tesino, en Lugano.

Alí ocupouse especialmente dos casos de branqueo de diñero, fraude, narcotráfico, contrabando de armas, terrorismo crime organizado e espionaxe, adquirindo nestas materias unha considerábel experiencia. A súa tenacidade, a súa carraxe, a súa capacidade de traballo, unidas ao seu coñecemento do dereito, fixeron dela unha fiscal reputada e temíbel. A súa actividade contra o branqueo de diñeiro valeulle o primeiro dos varios sobrenomes que se lle adxudiucarían: Carlita la pesta.

Convencida de que a persecución deste tipo de delicuencia implicaba unha colaboración transfronteiriza, desenvolveu paralelamente unha intensa actividade en materia de asistencia mutua xudicial internacional.

Así, colaborou co xuíz italiano Giovanni Falcone. Eles demostraron a ligazón entre os branqueadores de diñeiro suízos e a mafia siciliana, no cadro da célebre rede de tráfico de drogas coñecida como a Pizza connection.

No verán de 1988, no curso das súas investigacións, escapou a un atentado en Sicilia, cando visitaba ao xuíz italiano na súa casa de vacancións de Palermo. A policía descubriu a tempo media tonelada de explosivos escondidos no edificio. O xuíz Falcone non puido escapar, porén, unha vez máis ás ameazas que pesaban sobre el, e foi asasinado o 23 de maio de 1992 pola mafia, que accionou unha carga explosiva ao paso do seu automóbil. A morte de Falcone non fixo máis que reforzar a determinación de Carla Del Ponte na súa teima contra o crime organizado, e a súa reputación non tardou en traspasar as frontieiras. Os seus inimigos da "Cosa Nostra" aplicáronlle o alcume de La Puttana.[3] Aínda escaparía posteriormente a dúas novas tentativas de asasinato.

O 1 de abril de 1994, Carla Del Ponte foi nomeada fiscal xeral da Confederación Helvética e membro da Comisión Federal de delitos económicos. Desde a súa toma de posesión fixou como prioridade dirixir unha guerra sen cuartel contra o crime organizado e contra as mafias de todas as orixes que encontraban en Suíza un refuxio compracente.

Este programa provocou, naturalmente, a resistencia do "medio", pero tamén dos bancos helvéticos. No mundo das finanzas suízas, a acción da nova fiscal xeral suscitou inquietudes, desconfianza e unha certa hostilidade. Por outro lado, esquivou, unha vez máis, a morte cando, en 1996, o helicóptero no que sobrevoaba plantacións de coca en Colombia foi cribado a balazos.

É certo que o medio bancario suízo tiña daquela unha lexislación excesivamente protectora, e Del Ponte implicouse de forma enérxica co fin de cambiar a mentalidade dos banqueiros. E tamén co fin de procurar máis transparencia na investigación e na persecución do branqueo de diñeiro, insistindo ante os parlamentarios que debían modificar a lexislación ao respecto.

Despois de anos de esforzos, as súas accións foron coroadas polo éxito. Suíza dotouse dun novo dispositivo legal que implicaba aos bancos na colaboración coa xustiza. Desde aquela, Suíza xa non figura nas listas negras das instancias policiais internacionais.

Actividades internacionais editar

O 11 de agosto de 1999 o Consello de Seguridade das Nacións Unidas nomeou a Carla Del Ponte fiscal xeral do Tribunal Penal Internacional para Ruanda (TPIR) e do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPIY), cuxas sedes están, respectivamente, en Arusha (Tanzania) e na Haia (Países Baixos).

Nesta nova función, instruiu e promoveu a acusación contra os presuntos autores de delitos tan odiosos como os crimes de guerra, os xenocidios e os crimes contra a humanidade. Entre os asuntos tratados están as foxas de Ruanda e os masacres perpetrados na ex Iugoslavia durante os anos 1990 (Bosnia e Hercegovina, Croacia, Kosovo).

Actividade como fiscal do TPIR editar

As súas acusacións dirixíronse contra antigos señores da guerra, como Anatole Nsegiyumya (hutu ruandés) e Théoneste Bagosora (hutu ruandés), e tamén contra personalidades políticas tales como o primeiro ministro (hutu) Jean Kambanda e o alcalde da cidade ruandesa de Taba, Jean-Paul Akayesu.

A partir de decembro de 1999, Carla del Ponte anunciou por primeira vez a súa intención de perseguir personalidades ds Frone Patriótica Ruandesa (FPR) (de etnia tutsi), e abre unha investigación oficial. Del Ponte foi, desde entón, obxecto de presións por parte de Paul Kagame,[4] que tratou por todos os medios de impedir os procedementos.

O 4 de setembro de 2003, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas non renovou o mandato de Carla Del Ponte como fiscal xeral do TPIR. Por iso, debeu abandonar o Tribunal, sen que ninguha inculpación de calquera responsábel do FPR proseguira. Foi substituída por un maxistrado gambiano, Hassan Bubacar Jallow, que fora Ministro de Xustiza de Gambia desde 1984 a 1994. Algúns viron no descarte de Carla del Ponte unha proba da orientación política pro FPR do Tribunal.

Actividade como fiscal do TPII editar

As súas acusacións foron dirixidas contra antigos xefes de guerra tales como Ratko Mladić (serbobosníaco), Radislav Krstić (serbobosníaco), Ante Gotovina (croata), Tihomir Blaškić (croata de Bosnia e Hercegovina). E tamén contra antigos dirixentes políticos como o expresidente da República Federal de Iugoslavia Slobodan Milošević, o dirixente serbobosníaco Radovan Karadžić, ou o presidente da República Serbia de Krajina, Milan Babić. En vista da súa tenacidade e obstinación, Milošević e os seus compañeiros alcumárona da Nova Gestapo.

No curso da súa actividade, escapou unha vez máis da morte en Belgrado (Serbia), cando dispararon contra as vrentás do seu coche blindado. O seu posto, tan exposto, fixo dela unha das persoas máis ameazadas do planeta. Estaba vixiada as 24 horas do día, e os seus desprazamentos preparábanse minuciosamente con dez días de antelación. Foi mantida polo Consello Xeral da ONU á fronte do Tribunal que xulgaba os crimes cometidos nas guerras iugoslavas até decembro de 2007.

Fin do mandato e banlance das súas funcións no TPII editar

Despois de 8 anos de leais e dedicados servizos destinados a deter e xulgar aos criminais de guerra, o seu mandato de fiscal do TPII rematou o 31 de decembro de 2007, sedo sucedida por Serge Brammertz o 1 de xaneiro de 2008.

Xa o 30 de xaneiro de 2007 Del Ponte anunciara a súa intención de dimitir como fiscal xefe do Tribunal a finais do ano, dicindo que "xa eran horas de volver a unha vida normal."[5]

O Ministerio de Asuntlos Exteriores Federal suízo nomeouna para novas función, e así, ocupou, desde o 1 de xaneiro de 2008 o posto de embaixadora da Confederación Helvética na Arxentina e Paraguai, con residencia en Buenos Aires, até a súa retirada, en marzo de 2011.[6]

O seu mandato de maxistrada suíza na Haia debería terminar en setembro, pero o Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon, pregaría á xuíza que permanecera tres meses máis. Nunha carta feita pública o 13 de novembro de 2007, o Secretario Xeral anunciolu a fin do mandato de Del Ponte e nomeou como novo fiscal ao maxistrado belga Serge Brammertz, antigo xefe da Comisión de investigación internacional para o Líbano.

Entre a creación do TPII e o momento da saída de Carla del Ponte, acusáronse 161 persoas e 94 dos acusados foron finalmente xulgados. Outros procesos seguen en curso.

Durante os seus dous mandatos, 91 acusados foron transferidos á Haia. O 18 de xuño de 2007, 4 acusados (entre eles particularmente Radovan Karadžić e Ratko Mladić) estaban en paradoiro descoñecido, e 59 foron declarados cupábeis en primeira instancia. O Tribunal de apelación aínda se enfronta cun certo número de recursos interpostos polos acusados, e confirmou a condena contra 37 deles. 25 acusados foron xulgados en 6 procesos en primeira instancia. Outros tres esperan o pronunciamento dos fallos dos seus xuízos. Só 11 acusados esperaban para seren xulgados. Finalmente, 11 acusados interpuxeron recurso en cinco casos.

No último discurso ante o Consello de Seguridade das Nacións Unidas, a ex fiscal do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia, denunciou o luns 10 de decembro de 2007, "a obstrución deliberada" de Serbia para a detención dos políticos e militares serbios de Bosnia, Radovan Karaždić e Ratko Mladić, acusados de xenocidio.

A maxistrada suíza criticou a inacción das autoridades serbias, que "elixiran non deter" a Ratko Mladić cando se encontraba, e se semprre se encontrou, en Serbia. En 2004, Radovan Karadždić tamén pasara un tempo en Belgrado, baixo o seu verdadeiro nome.[7]

Carla Del Ponte reprochou ás forzas internacionais presentes en Bosnia e Hercegovina, despois da guerra de Bosnia (1992-1995), que non intentaran arrestar aos criminais de guerra pretextando o "interese dunha paz fráxil". O inmobilismo das institucións e a fuxida, segundo Carla Del Ponte, dos autores dos peores crimes cometidos en Europa desde a Segunda Guerra Mundial pon en causa, segundo ela, a idea mesma dunha xustiza internacional.

Carla Del Ponte pediu ao Consello de Seguridade da ONU que non pechara as portas do TPII, cuxa data límite de actividade estaba prevista para 2010, mentres que os dous fuxitivos non foran xulgados.

Unha das súas grandes mágoas foi a morte de Milošević, dun infarto (sic) na súa cela, o 11 de marzo de 2006. Quedábanlle á fiscal dez días, a razón de catro hores de audiencia cada día, ou sexa corenta horas, antes de pedir para o antigo xefe de Estado a sentenza final que sería, segundo ela, o recoñecemento da súa culpabilidade e a reclusión a perpetuidade. Ela xa tiña preparada a argumentación final. Declarou: "Foi unha decepción profesional porque iso debería ser un requisitorio histórico, pero sobre todo para as vítimas que esperaban unha xustiza que nunca poderán ter".

Despois de oito anos no cargo, Carla Del Ponte declarou partir "cun sentimento de decepción". Nunha entrevista a finais de 2001 sobre os crimes de guerra cometidos durante as guerras iugoslavas da década de 1990, Del Ponte dixo: "A xustiza para as vítimas e os superviventes require un esforzo a nivel internacional e nacional". E noutra, en Berlín, en outubro de 2010, a xa ex fiscal xeral rexeitou terminantemente as acusacións de testemuñas serbios que dicían que foran presionados nos xuízos polos crimes de guerra na ex Iugoslavia, reafirmando que os fiscais do Tribunal Penal Internacional da Haia "non imos ceder nunca" (sic) no esclaremento "deses horrorosos feitos e no castigo dos culpábeis.[8]

Algúns outros asuntos célebres editar

Malversadores e narcotraficantes editar

A mediados dos anos 1990, conduciu unha investigación no caso do escándalo financeiro internacional que implicou ao ex predidente ruso Boris Eltsin, a súa familia e a varios dos seus colaboradores, acusados de teren participado no desvío e lavado de decenas de miles de millóns de dólares. Boris Eltsin desviaría, no affaire político-mafioso (o caso Mabetex), diñeiro destinado a sacar a Rusia do marasmo económico e que proviñan en gran parte do Fondo Monetario Internacional (FMI).

Bloqueou as contas bancarias suízas da primeira ministra paquistaní Benazir Bhutto, sospeitosa de corrupción e lavado de diñero co seu marido Asif Ali Zardari. Supostamente malversarían centos de millóns ou incluso miles de millóns de dólares.

No caso do affaire Mikháilov levou un procedemento en contra do ruso Serguéi Mikháilov, chamado "Mikhas", sospeitoso de ser un dos padriños da principal organización criminal da ex Unión Soviética, a Solntsevskaia. Foi detido preventivamente baixo a sospeita de violar as leis suízas que reprimían o branqueamento de diñeiro e a pertenza a unha organización criminal.

En 1995 bloqueou 130 millóns de dólares depositados por Raúl Salinas, o irmán máis vello do presidente mexicano Carlos Salinas de Gortari, en diversos bancos suízos, entre eles a banca Pictet, a banca Julius Baer e a filial suíza do Citibank de Nova York. O diñeiro proviña da corrupción, do desvío de diñeiro público e do tráfico de estupefacientes (especialmente de cocaína), que confirmaría as ligazóns entre o clan familiar Salinas e os cárteles da droga.

Outras acusacións sobre o asunto da ex Iugoalavia editar

En xaneiro de 2002 acusou ao presidente serbio en funcións Vojislav Koštunica de ser cómplice do presunto criminal de guerra Slobodan Milošević e de ser responsábel naquela época de refugar a súa extradición.

Acusou ao Vaticano de protexer ao xeneral croata Ante Gotovina, antigo lexionario francés e acusado de crimes de guerra, afirmando que estivera agochado nun mosteiro croata. Detido en España en 2005, o 12 de outubro dese ano os franciscáns de Croacia e de Bosnia exixíronlle escusas ao TPII.

A polémica das acusacións de tráfico de órganos humanos editar

En 2008 denunciou no seu libro La caccia, Io e i criminali di guerra (A Caza, eu e os criminais de guerra), escrito en colaboración co reporteiro norteamericano de orixe croata Chuck Sudetic, que os albaneses de Kosovo realizaron contrabando de órganos humanos de serbios capturados pola UÇK na guerra de Kosovo, finalizada en 1999. O seu libro creou unha gran controversia internacional.[9] As vítimas serían asasinadas, sufrirían operacións de ablación de órganos que serían vendidos a traficantes internacionais.[10] Acusou especialmente ao que se convertería en primeiro ministro de Kosovo, o antigo dirixente do UÇK, Hashim Thaçi de estar implicado neste tráfico.[11] Del Ponte expón así os detalles da atrocidade: 300 prisoneiros (adolescentes de boa saúde, mulleres, serbios e doutras nacionalidades eslavas) serían deportados durante o verán de 1999 de Kosovo a unha cidade do norte de Albania e internados nunha casa [12] co fin de conseguir órganos destinados a clínicas estranxeiras para transplantes; os prisoneiros serían, segundo os casos, operados unha segunda vez, antes de seren asasinados.

En 2003 investigadores do TPII visitaron o lugar onde se presuntamente se levaron a cabo estes crimes e encontraron restos de sangue, pero non puideron confirmar se era sangue humana. Tamén encontraron unha xiringa e botellas, baleiras, de medicamentos que se utilizan en procedementos crúrxicos.[13]. Aínda persisten zonas de sombras: para exportar estes órganos, deberían transportarse a través de montañas até os aeroportos cando, nese momento, a menos que se utilizaran helicópteros, serían necesarias moitas horas de viaxe, o cal é incompatíbel cun transplante en boas condicións.

Ademais, o silenzo de Carla Del Ponte durante todos eses anos parece inxustificábel. Xa intentara un proceso por "encubrimento de crime". Segundo a súa antiga portavoz no TPII, Florence Hartmann,[14] Carla del Ponte "non ten evidencias para apoiar estas acusacións". No xornal suízo Le Temps denunciou como "irresponsábel" e "indigno" por parte da xuíza de presentar "como feitos certos o que, en realidade, foi imposíbel de probar". A ex fiscal, no seu libro, apunta a súa decepción despois de oito anos de batalla e expectativa", e precisa ela mesma que as probas eran "infelizmente insuficientes para levar a cabo unha investigación". Pero, desde entón, non manifestou ningunha reacción contra esta controversia.

En Suíza, a vergonza foi grande, e o Ministerio de Asuntos Exteriores [15] ordeoulle a embaixadora que volvera o máis rapidamente posíbel ao seu posto na Arxentina, pregándolle ademais que renunciara a calquera promoción do seu libro. A organización Human Rights Watch, pola súa parte, afirmou que estas acusacións eran "críbeis".[16].

O Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia admitiu a gravidade das denuncias de Del Ponte, pero manifestou que a falta de probas sobre estes feitos impedía que fora levado perante os maxistrados do Tribunal.[17]

Premios e distincións editar

  • O 13 de xaneiro de 2001 recibiu da Comuna (concello) de Dogliani (provincia de Cuneo, Piemonte, Italia), o premio Zolfanello d'oro "en consideración do papel activo que xogara na afirmación dos dereitos fundamentais da persoa humana no mundo enteiro" e por "saber despertar a esperanza na xustiza".
  • No mesmo ano foi galardoada co Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, que se outorga a aquelas persoas ou institucións destacadas debido ao seu traballo en favor da difusión de proxectos ou ideas de alcance internacional, especialmente aquelas relacionadas coa promoción do ideal común europeo, a educación e a preservación da nosa herdanza cultural.
  • En 2002 a Universidade Católica de Lovaina concedeulle o título de Doutora honoris causa polo seu compromiso coa defensa dos dereitos do home.
  • En 2002 recibiu o Premio da Paz de Westfalia pola súa carraxe exemplar na posta en evidencia dos delitos cometidos na ex Iugoslavia.
  • O 23 de marzo de 2006, recibiu polas mesmas razóns anteriores o Premio da fundación Wartburg de Eisenach reservado ás personalidades que se distinguiran en favor da unidade europea.
  • O 20 de setembro de 2007, a Hochschule für Wirtschaft HSW Luzern (Alta Escola Universitaria de Economía de Lucerna), conferiulle o premio "Corporate Women Award Switzerland 2007" parar destacar o seu percorrido profesional.
  • O 21 de setembro de 2007 (o día seguinte ao anterior), recibiu o Premio da Paz da asociación Soroptimist International para recompensala, unha vez máis, polo seu grande empeño persoal en favor dos dereitos humanos, da paz e da xustiza social.
  • O 12 de xaneiro de 2008, con ocasión da sexta gala Swiss Award, un xurado de cen personalidades designouna personalidade suíza do ano no ámbito político polo seu traballo á cabeza do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia.
  • O 16 de marzo de 2009 a Universidade Lumière Lión 2 concedeulle o nomeamento de Doutora honoris causa.
  • A mesma distinción recibiu, o 28 de setembro de 2011, da Universdade de Limoges.

Filme editar

En outubro de 2008 estreouse Le Liste de Carla ("A lista de Carla"), película documental do director suízo Marcel Schüpbach, que afonda nas actuacións de Del Ponte como fiscal xefe do TPII e explica como funciona realmente a xustiza internacional.[18][19]

Predecesor:
Louise Arbour
Fiscal Xefe do
Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia
 

1999 - 2008
Sucesor:
Serge Brammertz

Notas editar

  1. Véxase "nota 5".
  2. Karen Lajon, "Les confidences de Carla Del Ponte", Le Journal du Dimanche, 6 de maio de 2007.
  3. "La Puta".
  4. Presidente de Uganda.
  5. Del Ponte anuncia a súa dimisión en setembro Volkskrant.nl (en neerlandés) Consultada o 1/2/2012.
  6. "¿A nadie se le ocurrió pensar en Carla Del Ponte?" Carla del Ponte se retira de la diplomacia feliz de su experiencia en Argentina y con ganas de cerrar el capítulo judicial que rigió parte de su vida mientras fue fiscal de la TPIY. Arquivado 11 de marzo de 2012 en Wayback Machine. SwissInfo. 4 de marzo de 2011. (en castelán) Consultada o 1/1/2012.
  7. Philippe Bolopion. "Carla Del Ponte quitte le TPIY déçue", Le Monde, 12 de decembro de 2007.
  8. Carla Del Ponte: "¡No vamos a ceder nunca!" Arquivado 11 de marzo de 2012 en Wayback Machine. SwissInfo, 4 de outubro de 2010. (en castelán) Consultada o 1/1/2012.
  9. The Wall Street Journal
  10. Carla Del Ponte dixo demasiado Arquivado 12 de outubro de 2008 en Wayback Machine. Courrier International, 9 de abril de 2008
  11. A ex fiscal Carla del Ponte amola á dipolomacia suíza Gemma Durso, Rue89, 13 de abril de 2008.(en francés) Consultada o /1/2012.
  12. Victor Fingal e Bruno Pellandini, "O DFAE (Ministerio Federal de Asuntos Exteriores de Suíza) reprende a Carla Del Ponte", Le Matin, 7 de abril de 2008.
  13. "Carla Del Ponte acusa a dirixentes kosovares de estaren implicados en tráfico de órganos", Axencia France-Presse, 14 de abril de 2008.
  14. "Tráfico de órganos: polémica Carla del Ponte" Arquivado 29 de decembro de 2009 en Wayback Machine. Marie Simon, "Express", 17 de abril de 2008. (en francés) Consultada o 1/1/2012.
  15. "Carla Del Ponte acusa" Arquivado 27 de marzo de 2010 en Wayback Machine. Laurent Mossu, Radio France internationale, 13 de abril de 2008. (en francés) Consultada o 1/1/2012.
  16. Kosovo/Albania: Investigate Postwar Abductions, Transfers to Albania (Kosovo/Albania: Investigados os secuestros e as transferencias [de poboación] despois da guerra) (en francés), (en inglés) Consultada o 1/172012.
  17. TPII: Semanario de Prensa
  18. 20 minutos.es: Cine, La lista de Carla (en castelán) Consultada o 1/1/2012.
  19. allocine.fr La Liste de Carla (en francés) Consultada o 1/1/2012.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Barluet, Alain (2007): "La longue traque de Carla Del Ponte". Le Figaro, 15 de outubro de 2007.
  • Bolopion, Philippe (2007): "Carla Del Ponte quitte le TPIY déçue". Le Monde, 12 de decembro de 2007.
  • Del Ponte, Carla e Chuck Sudetic (2008): La caccia. Io e i criminali di guerra. Milán: Feltrinelli. ISBN 88-07-17144-9
  • Del Ponte, Carla (2009): La Traque, les criminels de guerre et moi (Autobiografía de Carla del Ponte).[1]
  • Sémo, Marc (2007): "De guerre jamais lasse". Libération, 26 de abril de 2007.
  • La Liste de Carla, filme documental de Marcel Schüpbach, con Carla Del Ponte. Duración: 1 h 35 min.

Nota editar

  1. A señora fiscal pasa ás confesións Arquivado 01 de novembro de 2009 en Wayback Machine. Arnaud Bécaud, L'Illustré on line, 27 de outubro de 2009. (en francés) Consultada o 1/1/2012.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar