Cantus firmus

melodía base dunha composición polifónica

En música, o cantus firmus (expresión latina que significa"canto fixo") é unha melodía previa que serve de base para unha composición polifónica que, en ocasións, se escribe á parte para ser tocada en notas de longa duración. O plural desta expresión latina é cantus firmi.[1]

Principio de L'homme armé de Ockeghem, co cantus firmus sinalado en vermello

Historia editar

Missa cantus firmus, de Guillaume Dufai, derivada de Se la face ay pale.

As melodías polifónicas máis temperás presentaban un cantus firmus proveniente dun canto plano como o canto gregoriano, aínda que o termo non se empregou ata o século XIV.[2] As composicións polifónicas máis antigas que se conservan, como a Musica enchiriadis (no século IX), conteñen a melodía principal na voz superior e a parte arranxada escrita debaixo. Arredor do século XI o cantus firmus comeza a aparecer na parte inferior. Máis tarde o cantus firmus aparecerá disposto para a voz tenor en notas de duración longa, voz arredor da cal se desenvolven liñas melódicas máis floridas, vocais ou instrumentais.[3]

A composición usando o cantus firmus continúa a ser a norma a través do século XIII: mesmo o emprega a música da escola de San Marcial e de Notre Dame, do mesmo xeito que a maioría dos motetes do século XIII. Moitos deses motetes foron escritos en varios idiomas, co cantus firmus na voz máis baixa. As letras dos poemas de temática amorosa podían ser cantadas en lingua vernácula sobre o texto sacro en latín, en forma de tropo, ou ben o texto sacro podía ser cantado sobre unha melodía profana.

Durante o século XIV a técnica do cantus firmus continúa a empregarse con frecuencia para a maior parte da música sacra vocal, aínda que aparecen novas elaboracións: entanto que a maior parte dos compositores continentais utilizan métodos isorrítmicos, en Inglaterra outros compositores experimentan cun cantus firmus "migrante", no que a melodía pasa dunha voz a outra sen ulteriores modificacións. Unha innovación posterior, coñecida como paráfrase terá unha especial importancia na composición de misas cara a finais do século XV.

A misa cíclica, que se converteu no estándar da forma musical a mediados do século XV, usaba a técnica do cantus firmus como principio organizativo. Nun principio en cantus firmus perfilábase como un canto plano, pero o abano de fontes foi crecendo gradualmente ata incluír outras fontes sacras, e mesmo cancións populares. Tamén ao principio restrinxiuse á voz tenor, pero cara ao final dese século moitos compositores experimentaron con outras formas de emprego, introducindo, por exemplo, un tema en contrapunto entre cada voz, ou usando diferentes ritmos. Durante o século XVI a técnica do cantus firmus comezou a ser abandonada, en substitución da técnica da parodia, na que múltiples voces se incorporan a unha melodía sacra previa, como no caso da misa. Entanto que os compositores de Italia, Francia ou os Países Baixos utilizaron a parodia e a paráfrase, os creadores de España, Portugal e Alemaña continuaron usando o método do cantus firmus segundo a súa particular idiosincrasia.[4]

O conxunto de obras seculares máis extenso no que se utilizou o cantus firmus foi L'homme armé (expresión francesa que signifgica "O home armado"). Coñécense máis de corenta arranxos, entre eles dous de Josquin des Prés e seis dun ou varios compositores anónimos de Nápoles. Moitos compositores de mediados e de fins do Renacemento escribiron misas baseándose nesa melodía, e a práctica perdurou ata o século XVII, como é o caso do arranxo de Carissimi. Hai varias teorías que intentan explicar o título de L'homme armé. Algunhas suxiren que o home armado podería representar o Arcanxo Miguel, mentres que outras se inclinan por que podería tratarse dunha popular taberna (Maison L'homme armé) de Cambrai, próxima ao domicilio de Dufai. Posto que a Caída de Constantinopla tivo lugar en 1453 é posible que o texto L'homme armé doibt on doubter" ("Débese temer o home armado") amose o temor ao Imperio Otomán, que se atopaba en fase expansiva por Europa Central.[5]

Existen outros exemplos de cantus firmi profanos usados para a composición de misas. Algúns dos máis famosos son Fortuna Desperata (atribuída a Antoine Busnois), Fors seulement (de Johannes Ockeghem), Mille regretz (de Josquin des Prés) e The western wynde (anónimo).[6]

Os compositores alemáns do período do Barroco, especialmente Johann Sebastian Bach, empregaron melodías corais como cantus firmi. Na apertura da súa "Paixón segundo San Mateo" a coral O Lamm Gottes, unschuldig ("Oh divino año inocente") aparece en notas de longa duración, cantadas por un coro de sopranos "in ripieno".

Como método de ensino musical empregouse o cantus firmus, e continúa a empregarse, no ensino do contrapunto, e é a base do Gradus ad Parnassum de Johann Joseph Fux, publicado por vez primeira por Girolamo Diruta en 1710.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Notas editar

  1. Randel, Don Michel. The Harvard Dictionary of Music. Harvard University Press. 2003. Páxinas 145-146.
  2. Randel, Don, ed. The New Harvard Dictionary of Music. Cambridge, Massachusetts, Harvard University Press. 1986. Páxina 135. [ISBN 0-674-61525-5]
  3. Bloxam, M. Jennifer. "Cantus firmus Arquivado 01 de xuño de 2013 en Wayback Machine.". En Grove Music Online. Ed. L. Macy.
  4. Gangwere, Blanche. Music History During the Renaissance Period, 1520–1550. Greenwood. 2004. Páxina 216.
  5. Planchart, Alejandro Enrique. "The Origins and Early History of L'homme armé". En The Journal of Musicology. Volume 20. Número 3 (verán de 2003). Páxinas 305–57.
  6. Gross, Kate. Late Fragments: Everything I Want to Tell You (About this Magnificent Life). Londres, William Collins. 2014. Páxina 179. [ISBN 978-0-00-810345-3]