Canon literario

artigo de listas da Wikimedia

Un canon literario é un conxunto de obras dotadas de autoridade dentro da literatura. Así, cada lingua ten o seu propio canon, pero existe tamén un canon literario universal.

Historia editar

O concepto ten a súa orixe no século IV coa Biblia, incluíndo nela os libros considerados sagrados polas diversas relixións: xudía, católica, luterana... (canon bíblico). Con todo, xa na cultura da Grecia clásica, cara a mediados do século IV ANE, se consideraba como canon tráxico a obra de Esquilo, Sófocles e Eurípides, e nos séculos III e II ANE realizouse o canon alexandrino, realizado polos filólogos Aristófanes de Bizancio e Aristarco con listas de poetas, filósofos, dramáticos, historiadores e oradores entre outros. Xa na idade media, os Padres da Igrexa crearon un canon non bíblico, con autores cristiáns e pagáns.

No renacemento, coa difusión da imprenta e as linguas vernáculas, comezaron os debates sobre a aplicación do termo canon, aplicable ás obras atribuídas lexitimamente a un autor determinado, pero tamén ao grupo de obras estimadas institucionalmente nunha determinada cultura.

Características editar

Un canon literario é unha totalidade estática pero aberta. A cononicidade dunha obra está constituída pola súa calidade e as súas circunstancias, establecidas mediante un consenso de xeracións sucesivas de lectores e de críticos e polo grao de influencia na literatura posterior. Así, unha determinada obra é considerada canónica se continúa a ser lida e apreciada en contextos diferentes aos da súa creación.

Á hora de crear un canon literario non só interveñen circunstancias históricas como a transmisión oral, os efectos da censura ou a dispoñibilidade das obras publicadas, senón que a formación do canon pode estar baixo o control dunha cultura oficial. Esta oficialidade pode favorecer as obras que defenden os seus valores ideolóxicos, relixiosos ou estéticos. É por isto que os canons recibiron críticas desde certos estudos culturais e desde a crítica feminista, ao entender que favorecen os homes europeos de raza branca e de clase media e alta, excluíndo as escritoras e escritores doutras culturas e razas.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • "Canon", definición no Dicionario de termos literarios do CIRP.