Campo de la Victoria

O Campo de la Reina Victoria foi un campo de fútbol situado en Sevilla que foi utilizado polo Sevilla Fútbol Club para xoga-los partidos como local entre 1918 e 1928. Era popularmente coñecido como Campo de la Victoria e estaba situado xunto ó actual paseo de la Palmera, que daquela se chamaba avenida da raíña Vitoria.

Campo de la Victoria

Historia editar

O campo comezouse a construír en 1917 porque o club tivo que abanadona-lo campo del Mercantil por necesidades urbanísticas xa que se ampliaba o terreo adicado á Feira de Abril e ademais precisábase un estadio de maior capacidade debido á crecente afección ó fútbol que se ía xerando en Sevilla. Os terreos para construír o novo estadio foron alugados á marquesa de Esquivel. O campo só tiña unha bancada de madeira no fondo sur. Os laterais eran montículos de terra inclinada para que a xente vise os partidos de pé. O valado era de lonas amarradas a postes de madeira. Co tempo chegou a ter unha pequena enfermaría. O novo campo inaugurouse o 21 de outubro de 1918[1] entre o Sevilla F.C. e o Unión Sporting Club de Madrid. O estadio continuou en obras para acadar unha capacidade de 8 000 espectadores e produciuse unha nova inauguración[Cómpre referencia] o ano seguinte nun partido contra o Real Madrid.[2]

No campo da Victoria o Sevilla F.C. logrou 10 copas de Andalucía e gañou partidos do campionato de España. Foi o primeiro campo de Andalucía onde xogou a selección de fútbol de España. O partido realizouse o 16 de decembro de 1923 ante Portugal, gañando España por 3-0.

Foi igualmente o primeiro campo de Andalucía no que se disputou unha final da Copa do Rei, disputada o 10 de maio de 1925 entre o FC Barcelona e o Arenas de Getxo, con vitoria do conxunto catalán por dous a cero.

En 1928, o Sevilla F.C. viuse obrigado a se trasladar a un novo campo situado no barrio de Nervión, debido a un preito cos propietarios do terreo que o venderon ós organizadores da Exposición Iberoamericana de 1929.

Notas editar

  1. "Historia". Sevilla FC (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2018. Consultado o 17 de xullo de 2018. 
  2. "Temporada 1919-20". www.leyendablanca.galeon.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2018. Consultado o 17 de xullo de 2018.