O Campaniano é unha división da escala de tempo xeolóxica, que se corresponde coa quinta e penúltima idade ou piso do Cretáceo superior, segunda época do período Cretáceo. Esta idade esténdesee desde hai 83,6 ± 0,2 ata 72,1 ± 0,2 millóns de anos, aproximadamente.[1] O Campaniano sucede o Santoniano e precede o Maastrichtiano.

Definición estratigráfica editar

O Campaniano foi introducido na literatura científica por Henri Coquand en 1857. Deulle o nome pola vila francesa de Champagne no departamento de Charente-Maritime. A localidade tipo orixinal era un afloramento preto da vila de Aubeterre-sur-Dronne na mesma rexión. Curiosamente, debido aos cambios nas definicións estratigráficas, esta sección forma parte agora da idade xeolóxica correspondente ao Maastrichtiano.

A base do Campaniano ponse no momento da extinción da especie de crinoideos Marsupites testudinarius. En 2009 aínda non se ratificara un GSSP (Global Boundary Stratotype Section and Point). Un posible candidato está na sección preto dun encoro en Waxahachie, Texas.

A parte superior do Campanian defínese como o lugar na columna estratigráfica onde aparecen por primeira vez as ammonitas Pachydiscus neubergicus.

Subdivisión editar

O Campaniano subdivídese ás veces nas subidades inferior, media e superior. No dominio do océano de Tetis, o campaniano comprende seis biozonas de ammonitas. Estas son de máis nova a máis vella:

Paleontoloxía editar

Durante o Campaniano, tivo lugar unha radiación evolutiva entre os dinosauros. En Norteamérica, por exemplo, o número de xéneros de dinosauros coñecidos aumentou de 4 na base do Campaniano a 48 na súa parte superior. Este desenvolvemento denomínase ás veces a "Exploxión campaniana". Porén, non está aínda claro se o evento é artificial, é dicir, o baixo número de xéneros no Campaniano inferior puido ser causado por unha menor oportunidade de preservación para os fósiles nos depósitos desa idade. Os climas xeralmente cálidos e a grande área continental cuberta por mares pouco profundos que se deron no Campaniano probablemente favoreceron os dinosauros. No seguinte piso, o Maastrichtiano, o número de xéneros de dinosuros en Norteamérica é un 30% menor que no Campaniano superior.[2]

Notas editar

  1. "International Commission on Stratigraphy: International Chronostratigraphic Chart v2015/01" (en inglés). xaneiro de 2015. Consultado o 12 de outubro de 2015. 
  2. Weishampel, D.B.; Barrett, P.M.; Coria, R.A.; Le Loueff, J.; Xu, X.; Zhao, X.; Sahni, A.; Gomani, E.M.P. & Noto, C.N.; 2004: Dinosaur distribution, in: Weishampel, D.B.; Dodson, P. & Osmólska, H. (eds.): The Dinosauria, University of California Press, Berkeley (2nd ed.), ISBN 0-520-24209-2, pp 517–606.