Cabo Udra

cabo e zona especial de conservación

Coordenadas: 42°20′16″N 8°49′45″O / 42.33765, -8.82914

Cabo Udra
Praia Mourisca e cabo Udra vistos desde a ría de Pontevedra.
Marco Legal
Figura de Protección: ZEC
Ano de constitución: Decembro de 2004
Superficie: 623,03 ha. (71% de área mariña)
Lexislación: LIC o 29 de decembro de 2004, ZEC o 31 de marzo de 2014.[1][2][3]
Datos de interese
País: Galicia Galicia
Provincias: Pontevedra
Concellos: Bueu, Cangas
Ríos: rego Nosendo
Picos
Direccións de interese:
Teléfonos:

Cabo Udra é un cabo e un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe a costa leste da ría de Aldán, e que está na ría de Pontevedra. O cabo Udra é o cabo de que limita a ría de Aldán coa de Pontevedra e ademais o que limita o espazo natural protexido polo norte. A punta do Niño do Corvo está ao sur deste cabo e pecha o espazo natural. A área de conservación, que maioritariamente é mariña, ocupa 623,03 ha. do concellos de Bueu e de Cangas, ambos na comarca do Morrazo. Cangas conta cunha reducida proporción do espazo protexido.[1][2][3][4][5]

Xeografía editar

O cabo Udra atópase en Beluso, Bueu, na parte exterior da ría de Pontevedra, e limita xunto coa punta do Couso a ría de Aldán. Desde o cabo Udra pódese observar a costa norte da ría (lugares como a punta de Cabicastro en dirección norte) e a punta Couso, cara ao suroeste, e que pecha a ría de Aldán. As illas Ons obsérvanse desde o cabo mirando cara ao oeste, xa que as illas se atopan no exterior da ría.

O espazo natural de cabo Udra está case na súa totalidade en Bueu. Comenza polo norte coa praia de Mourisca, en Beluso, Bueu, mirando ao esteiro de Beluso, e acolle ao cabo Udra e todo o seu litoral, como as enseadas de Centuleira, Barcelo e a cala do Ancoradoiro. Avanza cara ao interior da ría de Aldán chegando ata a punta do Niño do Corvo, en Aldán, Cangas. Nesta sección están as enseadas de Pouso e a de Cano da Cunca. A praia de Pedrón, de Encoradoira, de Lago, de Area de Bon, do Reventón e a de Laguelas están dentro do espazo natural. Do mesmo xeito, hai varios regos menores, que case nacen e chegan á costa dentro del. O rego Nosendo ten un percorrido algo maior pero tamén nace xa preto da costa.

O litoral da costa do espazo protexido é de morfoloxía suave e o solo está formado por rochas graníticas (granitoides biotíticos e outras rochas básicas similares).[6]

Fauna e flora editar

Flora editar

Este litoral destaca por ser unha zona de rochedo exposta ao mar e con cantís cubertos con queirogais. A maior extensión é a do sublitoral: bancos de areas cubertos continuamente e calas e baías pouco fondas. Alí están presentes os arrecifes. En terra, os queirogais son tanto os propios de zonas atlánticas temperás, que se compoñen de Erica ciliaris e Erica tetralix, como algúns propios de zonas secas europeas. Nos rochedos dominan as especies pioneiras e especies casmofíticas. Nalgúns puntos están presentes praderías de gramíneas e formacións de Nardus. Ten zonas con augas estancadas e turbeiras. En menor extensión, hai presenza de bosques de ribeira con abeneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior).

Fauna editar

Da fauna deste espazo destacan Euphydryas aurinia, un lepidóptero, e os mamíferos mariños toniñas (Phocoena phocoena) e arroaces (Tursiops truncatus). Ademais, alberga a 14 aves de interese de conservación.[4]

As especies de fauna catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:[4]

Grupo Especie
Invertebrados Coenagrion mercuriale
Invertebrados Lucanus cervus
Peixes Chondrostoma polylepis
Anfíbios Discoglossus galganoi
Mamíferos Lutra lutra
Mamíferos Myotis myotis
Mamíferos Rhinolophus ferrumequinum
Mamíferos Rhinolophus hipposideros

Patrimonio editar

No cabo Udra atópase o castro de Udra, un castro da idade de bronce.

Na praia de Ancoradouro e na de Mourisca hai fábricas de salgadura. Ademais, en Chan de Esqueiro hai refuxios dos últimos dous séculos e que empregaban os pastores, os chouzos, para resgardarse.[7]

No cabo está a "Batería J-2", un batería militar do século XX agora abandonada.[7]

Lexislación editar

O Cabo Udra foi declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) en decembro de 2004 e ascendeu a zona especial de conservación (ZEC) en marzo de 2014.[4]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 BOE - Goberno de España, eds. (29/12/2004). "Decisión de la Comisión, de 7 de diciembre de 2004, por la que se aprueba, de conformidad con la Directiva 92/43/CEE del Consejo, la lista de lugares de importancia comunitaria de la región biogeográfica atlántica [notificada con el número C(2004) 4032].". Diario Oficial de la Unión Europea: L 387/1–96. 
  2. 2,0 2,1 Consellería de medio ambiente (Luns, 31 de marzo de 2014). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (62): 13.427. 
  3. 3,0 3,1 Consellería de medio ambiente (Luns, 12 de abril de 2004). DOG - Xunta de Galicia, eds. "DECRETO 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados Espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais." (69): 5.046. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia (eds.). "ZEC ES1140009 Cabo Udra". Consultado o 10/9/2019. 
  5. Axencia Ambiental Europea - Unión Europea (eds.). "NATURA 2000 - ES1140009 Cabo Udra". Consultado o 10/9/2019. 
  6. Instituto Geológico y Minero Español - IGME (eds.). "Visor InfoIGME". Arquivado dende o orixinal o 31/12/2019. Consultado o 10/9/2019. 
  7. 7,0 7,1 Concello de Bueu (eds.). "Turismo: Cabo Udra". Consultado o 10/9/2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar