Cabezo de Alcalá

Coordenadas: 41°17′08″N 0°30′29″O / 41.285688888889, -0.50792222222222

Cabezo de Alcalá de Azaila e un conxunto arqueolóxico localizado nas proximidades do concello de Azaila, na provincia de Teruel. O conxunto comprende unha acrópole, varias edificacións veciñas e unha necrópole celta.

Tumba ibera.

Foi poboada inicialmente por celtas da cultura de Hallstatt cara ao século IX a. C. , e destruída no século III a. C. durante as guerras púnicas. Os iberos reconstruírona e foi de novo destruída durante as guerras sertorianas.

Historia editar

 
Vista da acrópole, con restos de torres ao fondo.

A acrópole foi inicialmente poboada por celtas da cultura dos campos de furnas cara ao século IX a. C., que ocuparon o cumio alongado dun outeiro preto do río Aguasvivas, que lles proporcionaba unha fácil defensa, que permitía controlar o val do río, e unha relativa proximidade á auga. Tamén se conservou a necrópole, un campo de furnas. A cidade celta foi destruída durante as guerras púnicas, cara ao século III a. C., e os restos atópanse soterrados baixo o nivel que se pode visitar.

Foi reconstruída por indíxenas iberos, probablemente sedetanos. A cidade estendíase máis alá da acrópole conservada, cun barrio comercial (conservado) e casas de agricultores e clases máis desfavorecidas extramuros. Estes barrios e casas non están escavadas, e en parte foron destruídas por actividades agrícolas e económicas modernas. En total calcúlase unha poboación aproximada duns 300 habitantes. A poboación foise romanizando paulatinamente, aínda que mantendo o carácter nativo.

A destrución desta segunda poboación foi a raíz das guerras civís romanas ou guerras sertorianas. No ano 76 ou 75 a. C. as tropas de Pompeio puxeron sitio á cidade, partidaria de Sertorio. Para poder entrar no recinto amurallado, construíron unha rampla cos materiais das casas dos barrios externos e argamasa. A rampla permitiulles atravesar o foxo e as murallas, co que conseguiron entrar destruíndo todo ao seu paso. A cidade non volveu ser reconstruída.

Non se coñece o nome antigo da cidade, aínda que algúns investigadores defenden que se trata de Sedeisken, a capital dos sedetanos, e outros sitúan aquí a ceca de Belikiom. Ultimamente téndese a negar esta posibilidade debido a que a existencia da cidade de Sedeisken é coñecida por inscricións en moedas, e en Cabezo de Alcalá non se acuñou moeda. Á parte de marcas de oleiro na cerámica achada, non se encontraron outros textos de importancia.

O estudo arqueolóxico editar

 
Cálato ibero do s. II a. C. achado en Cabezo de Alcalá.

O sitio foi descuberto en 1885 por Pablo Gil y Gil, que encontrou gran cantidade de cerámica pintada no outeiro. Atribuíu correctamente a cerámica aos iberos e recoñeceu a influencia helénica na pintura. Pierre Paris comprou máis tarde algunhas das cerámicas para o Louvre, co que o acadou recoñecemento mundial.

Entre 1919 e 1944 (agás durante a guerra civil), Juan Cabré Aguiló escavou o Cabezo de Alcalá de modo científico. Cabré publicou os seus numerosos achados en varias obras, entre as que destaca La cerámica de Azaila.

A partir da década de 1960 Antonio Beltrán Martínez e Miguel Beltrán Lloris continuaron as escavacións. Os estudos dos arqueólogos permitiron obter o estado actual de coñecemento do conxunto.

O sitio arqueolóxico editar

A entrada á acrópole realízase a través dunha pequena ponte que atravesa o foxo da segunda muralla. Actualmente de cemento, no seu momento era de pedra coa parte central de madeira, desmontable (non levadiza) en caso de ataque.

 
Barrio comercial extramuros, con rúa empedrada no centro.

Súbese por un camiño en zigzag até o alxibe de 660.000 litros de capacidade e 10 metros de profundidade, no que desembocan as rúas da poboación, recollendo así as augas pluviais. O alxibe posúe paredes de pedra, que estiveron enlucidas para facelo impermeable. A auga do alxibe era usada só en caso de seca ou de asedio, aínda que se cre que máis tarde tamén foi usada nas termas. A auga para uso diario era recollida no río Aguasvivas, a uns centos de metros do poboado.

A cidade é alongada e esténdese ao longo do cumio do outeiro. Unha rúa central, na que desembocan as demais, percórrea de punta a punta. As rúas son de estilo romano: empedradas e con beirarrúas aos lados. Na parte máis alta, nun dos extremos, encóntranse os restos de dúas torres de vixía que se supoñen cunha superestrutura de madeira. Detrás das torres encontrábase un edificio relativamente grande que se cre serviría de cuartel. Pénsase que a zona era a posición máis fortificada da cidade.

 
Cabeza feminina romana.

O barrio comercial encóntrase fóra do primeiro recinto mural. As tendas distribúense ao longo dunha rúa empedrada a dereita e esquerda. O muíño, en cambio, non se encontra no barrio comercial, senón na acrópole, no que se coñece como "a panadería", onde aínda se poden observar as pedras de muíño utilizadas.

O templo editar

O templo atópase no cruzamento da rúa de entrada coa rúa principal. É un recinto pequeno dividido por unha tarima con catro ocos. Pénsase que os ocos corresponden aos lugares nos que estaban ancoradas varias estatuas de bronce. Do conxunto consérvanse unha cabeza feminina e unha masculina, no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid (con copias no Centro de Interpretación de Azaila). Segundo a análise das pegadas deixadas na rocha que conformaba o chan, pénsase que formaban unha escena na que un home, posiblemente algún heroe ou deus local vestido ao estilo romano, tirando dun cabalo, era coroado por unha muller, posiblemente a deusa romana Vitoria (Niké) ou algún equivalente local, que se encontraba suspendida no ar (posto que faltan as marcas correspondentes).

O chan estivo decorado con mosaicos romanos e as paredes con frescos imitando perpiaños de pedra, realizados ao parecer por artistas itálicos.

Durante a guerra civil española o templo converteuse en refuxio antiaéreo, o que levou consigo grandes danos e a perda das poucas pinturas que se conservaran. No chanzo de entrada incluso se gravou "VIVA LA CNT", o que aínda se pode ler actualmente.

As termas editar

 
Termas vistas desde a acrópole.

As termas, datadas entre os séculos II e I a. C., son das máis antigas das descubertas na Península Ibérica. Están situadas extramuros, comunicadas coa cidade a través dunhas escaleiras. Entrábase polos vestiarios, á dereita dos cales estaba o frigidarium. O tepidarium estaba detrás dos vestiarios, e detrás dúas habitacións, que conterían o caldarium e os baños de vapor. Existía posiblemente tamén un ximnasio (palestra) do lado do tepidarium.

As caldeiras situábanse xunto ao frigidarium, afastadas da acrópole. A auga pénsase que proviña do alxibe a través dalgún tipo de canalización desaparecida.

As casas editar

 
Tumba ibérica.

As casas iberas adoitaban ter uns 40 m². Habitualmente de tres habitacións, podían ter até catro en familias ricas. A primeira habitación, a carón da entrada, era a cociña. Encontrábase preto da porta para facilitar a ventilación, xa que a pesar das pequenas ventás e a cheminea, a ventilación era deficiente. Trala porta de entrada encontrábase a sala principal, na que se facía a vida diaria. Ao fondo estaba o dormitorio, que no caso de familias podentes podían ser dous.

A romanización da cidade trouxo as modas do Imperio tamén na construción. Os habitantes máis ricos fixeron as súas casas cun patio central e as dependencias arredor: cociña, dormitorios, comedor, tablinum... Deste estilo é a casa do régulo local, duns 300 m².

Entre as casas, agrupadas por cuadrantes, encóntranse pendellos, grandes habitacións cheas de recipientes. Tamén se atopou un muíño de pedra para cereais no que se cre era a antiga panadería.

A tumba ibérica editar

Entre os restos da rampla realizada polas tropas de Pompeio, escavouse unha tumba ibera, a única conservada. É unha cúpula de pedras sobre un zócolo cadrado situado á beiras dun camiño empedrado na saída da cidade.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar