Célula plasmática

As células plasmáticas, tamén chamadas plasmocitos, células B plasmáticas ou células B efectoras, son glóbulos brancos do grupo dos linfocitos B, que producen grandes cantidades de anticorpos. Son os linfocitos B activados e diferenciados. Transpórtanse polo plasma sanguíneo e o sistema linfático. Orixínanse na medula ósea en forma de linfocitos B, e diferéncianse en células plasmáticas, normalmente nos nódulos linfáticos.

Célula plasmática maligna dun plasmacitoma tinguida con hematoxilina-eosina, co característico núcleo das células plasmáticas normais.
Célula plasmática.

Desenvolvemento editar

Os linfocitos B orixínanse na medula ósea. Para activárense xeralmente deben tomar contacto cun antíxeno (presentado por un macrófago ou por unha célula dendrítica normalmente) e despois cunha célula T. Despois da estimulación pola célula T, que xeralmente ocorre nos centros xerminais dos órganos linfoides secundarios como o bazo e os nódulos linfáticos, as células B activadas empezan a diferenciarse en células máis especializadas. Nesta diferenciación das células B dos centros xerminais hai dúas posibilidades: poden diferenciarse en células B de memoria ou en células plasmáticas. O mecanismo polo cal unha célula B se converte nunha ou outra é un proceso coñecido como maduración de afinidade.[1] A maioría das células B convértense células plasmáticas, para o cal primeiro se diferencian en plasmablastos, e finalmente en células plasmáticas, e empezan a producir grandes cantidades de anticorpos.

A célula sanguínea máis inmatura que pode considerarse célula plasmática en vez de células B é o plasmablasto ou plasmoblasto.[2] Os plasmablastos secretan máis cantidade de anticorpos ca as células B, pero menos ca as células plasmáticas.[3] Divídense rapidamente e aínda teñen a capacidade de internalizar os antíxenos e presentalos ás células T.[3] Unha célula pode permanecer neste estado durante varios días, e despois ou morren ou transfórmanse irrevocablemente en células plasmáticas maduras completamente diferenciadas.[3] A diferenciación de células B maduras en células plasmáticas depende dos factores de transcrición Blimp-1/PRDM1 e IRF4.

Actividade editar

Despois do proceso de maduración de afinidade nos centros xerminais, as células plasmáticas teñen un tempo de vida indeterminado, de días ou meses. Secretan altos niveis de anticorpos, de centos ou miles de moléculas de anticorpo por segundo.[4] A diferenza dos seus precursores, non poden cambiar a clase de inmunoglobulinas que producen, non presentan moléculas CMH-II (ou en inglés MHC-II) e non captan o antíxeno, porque xa non presentan suficientes cantidades de inmunoglobulina de superficie (que funciona como receptor antixénico nas células B).[3] Porén, é importante que os baixos niveis de inmunoglobulina de superficie que presentan teñen unha continua exposición ao antíxeno, porque iso en parte determina a duración da vida da célula.[3] O seu tempo de vida, clase de anticorpos producidos, e os lugares aos que se desprazan as células plasmáticas tamén dependen de sinais, como citocinas, recibidas das células T durante a diferenciación.[5]

A diferenciación pode ser estimulada por un antíxeno de dúas maneiras:

  • Estimulación independente das células T, é dicir, a estimulación de células B que non require a intervención dunha célula T, pode ocorrer en calquera parte do corpo [1] e orixina células de curta vida que secretan anticorpos IgM.[5] Os antíxenos bacterianos con moitos epitopos iguais poden realizar esta activación.
  • Nos procesos de estimulación dependentes de células T, hai unha presentación do antíxeno por parte de macrófagos ou células dendríticas e despois un contacto coas células T, que secretan citocinas activadoras. As respostas xeradas subdivídense en respostas primarias e secundarias:
  • Unha resposta primaria, que significa que a célula T está presente no momento do contacto inicial da célula B co antíxeno, produce células de vida curta que permanecen en rexións extramedulares dos nódulos linfáticos.
  • Unha resposta secundaria produce células de longa vida que producen IgG e IgA, e frecuentemente viaxan á medula ósea.[5] Por exemplo, as células plasmáticas probablemente secretarán anticorpos IgG3 se maduran en presenza da citocina interferón-gamma.

Como a maduración das células B tamén implica hipermutacións somáticas (un proceso completado antes da diferenciación en célula plasmática), estes anticorpos frecuentemente teñen unha afinidade moi alta polo seu antíxeno. As células plasmáticas só poden producir un só tipo de anticorpo dunha soa clase de inmunoglobulina. Noutras palabras, cada célula B é específica para un só antíxeno, pero cada célula pode producir varios miles de moléculas de anticoropos por segundo todos iguais.[6] Esta prolífica produción de anticorpos é unha parte integral da resposta inmune humoral.

Características microscópicas editar

As células plasmáticas son grandes linfocitos de entre 10 e 20 microns xeralmente, cunha relación alta núcleo/citoplasma e unha aparencia caractrerística ao microscopio óptico. Teñen un citoplasma basófilo e un núcleo excéntrico con abondosa heterocromatina formando un patrón radial característico en roda de carro ou esfera de reloxo. O seu citoplasma tamén contén unha zona pálida que ao microscopio electrónico contén un extenso aparato de Golgi xuxtanuclear e un par de centríolos (imaxe de microscopio electónico). O retículo endoplasmático rugoso é moi extenso e xeralmente coas cisternas paralelas e moi apertadas. Este gran retículo endoplasmático e o aparato de Golgi ben desenvolvido son características que lles permiten producir e secretar inmunoglobulinas [7].

Durante a diferenciación do linfocito a célula plasmática prodúcese o aumento da heterocromatina, diminución do nucléolo, desaparición dos polirribosomas libres, e aumento do aparato de Golgi e do retículo endoplasmático.

Antíxenos de superficie editar

As células plasmáticas completamente diferenciadas expresan relativamente poucos antíxenos de superficie, e non expresan os marcadores comúns das células B, como CD19 e CD20. No seu lugar, as células plasmáticas identífícanse por citometría de fluxo pola expresión adicional de CD38, CD78, o receptor da interleucina-6 e a falta de expresión do CD45. Nos humanos, o CD27 é un bo marcador das células plasmáticas, as células B non activadas (naïves) son CD27- (non expresan o marcador), as células B de memoria son CD27+ (expresan algo o marcador) e as células plasmáticas son CD27++ (expresan moito o marcador).[8]

O CD38 e o CD138 exprésanse en grandes cantidades.[9]

Enfermidades editar

Son neoplasmas malignos (cánceres) de células plasmáticas o plasmocitoma, o mieloma múltiple, a macroglubulinemia de Waldenström e a leucemia de células plasmáticas. O mieloma múltiple identifícase frecuentemente porque as células plasmáticas malignas continúan producindo un anticorpo, que pode ser detectado como unha paraproteína.

A inmunodeficiencia variable común pénsase que se debe a un problema na diferenciación de linfocitos a células plasmáticas. O resultado é un baixo nivel de anticorpos no soro sanguíneo e risco de infeccións.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Neuberger, M. S.; Honjo, T.; Alt, Frederick W. (2004). Elsevier - Amsterdam, ed. Molecular biology of B cells. pp. 189–191. ISBN 0-12-053641-2. 
  2. Bertil Glader; Greer, John G.; John Foerster; Rodgers, George G.; Paraskevas, Frixos (2008). Lippincott Williams & Wilkins, ed. Wintrobe's Clinical Hematology, 2-Vol. Set. p. 347. ISBN 0-7817-6507-2. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Walport, Mark; Murphy, Kenneth; Janeway, Charles; Travers, Paul J. (2008). Garland Science - New York, ed. Janeway's immunobiology. pp. 387–388. ISBN 0-8153-4123-7. 
  4. Kuby, Janis; Kindt, Thomas J.; Goldsby, Richard A.; Osborne, Barbara A. (2007). W.H. Freeman - San Francisco, ed. Kuby immunology. p. 13. ISBN 1-4292-0211-4. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Federico Caligaris-Cappio; Manlio Ferrarini (1997). S. Karger AG (Switzerland), ed. Human B Cell Populations (Chemical Immunology) (v. 67). pp. 103–104. ISBN 3-8055-6460-0. 
  6. Kierszenbaum, Abraham L. (2002). Mosby - St. Louis, ed. Histology and cell biology: an introduction to pathology. pp. 275. ISBN 0-323-01639-1. 
  7. D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 158-161, 417-418. ISBN 84-7605-361-4
  8. Bona, Constantin, Francisco A. Bonilla, Martin Soohoo (1996). "5". En CRC Press. Textbook of Immunology (2 ed.). p. 102. ISBN 9783718605965. 
  9. Rawstron AC (2006). "Immunophenotyping of plasma cells". Curr Protoc Cytom. Chapter 6: Unit6.23. ISBN 0471142956. PMID 18770841. doi:10.1002/0471142956.cy0623s36. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar