O cálamo, do latín calamum, acusativo de calamus, -i ('cana', 'cana delgada cortada para escribir', e tamén 'frauta'), que á súa vez deriva do grego antigo κάλαμος, kálamos, cos mesmos significados, é unha cana (caule oco de certas plantas), ou unha pluma de ave, ambos obxectos cortados oblicuamente, que se utilizaba para escribir na antigüidade.

Cálamo de cana.

Historia editar

O precedente do cálamo é exipcio, unha especie de pincel, pero a súa orixe é grega.[1]

Para escribir co cálamo introducíase previamente nun recipiente con tinta (tinteiro), e a tinta ascendía polo oco por capilaridade; logo, mediante unha lixeira presión, fluía e servía para escribir sobre un soporte de papiro, pergamiño e, posteriormente, de papel.

 
Cálamo de bambú.
 
Cálamos de cana para a caligrafía árabe.

Os cálamos confeccionados coas plumas remeiras externas das ás de gansos, patos, pavos, cisnes e mesmo corvos, as aves preferidas, xa eran citados por San Isidoro de Sevilla no século VI.[2]

Do uso das plumas das aves para farer cálamos é de onde xurdiu a palabra pluma co significado de instrumento para escribir.

Suponse que os romanos xa usaban plumas de bronce, aínda que as primeiras referencias datan do século XV, sendo moi difundidas a principios do século XIX.

O cálamo, e a pluma de ave, caeron en desuso coa invención da pluma de aceiro, que patentou o enxeñeiro inglés Bryan Donkin en 1803. Os plumíns de aceiro, para engastar nun mango, xurdiron en 1829 e, poucos anos despois, xa eran moi populares. Foron o precedente das estilográficas, ou plumas estilográficas ou, simplemente, plumas, utilizadas nos nosos días.

Na escritura caligráfica árabe aínda se utiliza o cálamo, ou qalam, que en árabe moderno tamén significa lapis.

Varia editar

 
Estilo.
 
Escritura cuneiforme.
 
A pluma o cálamo da lura Sepioleuthis lessoniana.

O estilo editar

Outro instrumento de escritura, ás veces mal chamado cálamo, era o estilo ou punzón, que se obtiña dun caule ou dunha póla, era macizo (no oco), e remataba en punta (tamén os había biselados).

Utilizouse na Mesopotamia da antigüidade como instrumento de escritura, incidindo e gravando, en táboas de arxila fresca, os signos da denominada escritura cuneiforme.

Na antiga Roma utilizouse o estilo para escribir en soportes encerados.

Lapsus calami editar

Unha falta na escritura (supostamente invuoluntaria) é, en ocasións, chamada lapsus calami, equivalente, nun texto, ao lapsus linguae oral.

As plumas das luras editar

O nome italiano calamare, que pasou para o castelán como calamar e para o francés calmar, foille adxudicado a estes moluscos por dúas razóns:

  • cando se senten ameazados expelen a borra, unha especie de tinta escura, coa cal confunden aos seus posíbeis predadores e, sobre todo,
  • porque a cuncha interna das luras ten unha estrutura que recorda a unha "pluma de ave" (realmente, outros moluscos cefalópodos, como o polbo, tamén expulsan borra, pero a pluma ou cálamo é exclusiva das luras e outras especies semellantes).

Notas editar

  1. Carvalho, David N. (2007): Forty Centuries of Ink. Echo Library. ISBN 1-4068-4413-6 [1] Google books
  2. Wong, Frederick (1999): The Complete Calligrapher Courier Dover. ISBN 0-486-40711-X Google books

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar