Borja Bastón

futbolista español

Borja González Tomás, coñecido como Borja ou Borja Bastón, nado en Madrid o 25 de agosto de 1992, é un futbolista español, que xoga como dianteiro no Real Oviedo, da Segunda División.

Borja
Información persoal
Nacemento 25 de agosto de 1992
Lugar de nacemento Madrid
Altura 1,91 m.
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual Oviedo
Número 9
Carreira xuvenil
1996–2009 Atlético de Madrid
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2009–2011 Atlético Madrid B 37 (16)
2010– Atlético Madrid 1 (0)
2011–2012Murcia (cedido) 20 (4)
2012–2013Huesca (cedido) 31 (9)
2013–2014Deportivo (cedido) 34 (10)
2014–2015Zaragoza (cedido) 38 (22)
2015–2016Eibar (cedido) 36 (18)
2016–2020 Swansea City 38 (7)
2017–2018Málaga (cedido) 20 (2)
2018–2019Alavés (cedido) 26 (5)
2020 Aston Villa 2 (0)
2020–2021 Leganés 35 (5)
2021– Oviedo 19 (11)
Selección nacional
2008 España sub-16 3 (6)
2008–2009 España sub-17 22 (12)
2011 España sub-19 2 (0)
Na rede
FIFA: 313395 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 12 de decembro de 2021.
editar datos en Wikidata ]

Recibe o alcume de Bastón polo segundo apelido de seu pai, o exfutbolista galego Miguel Bastón, histórico porteiro do Real Burgos.

Traxectoria editar

Comezos editar

Fillo do gardameta de Marín Miguel Bastón, Borja comezou a xogar ao fútbol tamén como porteiro e ao cinco anos entrou nas categorías inferiores do Atlético de Madrid, onde seu pai traballaba como adestrador de porteiros. Mais pronto cambiou a súa posición para pasar a ser dianteiro, batendo dende entón gran parte das marcas goleadoras das categorías inferiores do equipo colchonero.

Na tempada 2009/10 debutou co Atlético de Madrid B, na Segunda División B. Disputou 23 partidos co filial, marcando 12 goles, e o 15 de maio de 2010 debutou co primeiro equipo na derradeira xornada da Primeira División, contra o Getafe CF no Estadio Vicente Calderón, aínda que con escasa fortuna, pois ao pouco de entrar ao campo lesionouse de gravidade ao romper o ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo.[1] A lesión mantívoo apartado dos terreos de xogo durante mais de seis meses, reaparecendo co filial mediada a tempada 2010/11, na vitoria por 1-0 do seu equipo fronte ao Cacereño.[2]

Cesións editar

Para a tempada 2011/12 o Atlético de Madrid cedeuno ao Real Murcia, da Segunda División. Debutou na categoría de prata o 3 de setembro no partido correspondente á terceira xornada que enfrontou aos murcianos co Elche e cuxo resultado final foi unha derrota por un a cero. Borja entrou ao campo no minuto 45 substituíndo a Kike García. Tres días despois, o 6 de setembro xogou o seu primeiro partido de Copa do Rei na segunda eliminatoria desta. O partido finalizou con derrota 0-1 fronte ao Córdoba, quedando o Murcia eliminado. O 25 de setembro conseguiu ante o Numancia o seu primeiro gol na Segunda División, axudando a conseguir a definitiva vitoria por 2-1.

Na tempada 2012/13 volveu saír cedido a un equipo de Segunda, esta vez ao Huesca.[3] Disputou 31 partidos, 19 deles como titular, nun equipo no que os dianteiros máis habituais durante a campaña foron Tariq e Nacho Novo, e que acabou descendendo á Segunda B.

Na seguinte tempada foi cedido ao Deportivo da Coruña, tamén de Segunda, debutando con dous goles fronte ao Sabadell na primeira xornada.[4] Ás ordes de Fernando Vázquez, o club galego logrou o ascenso á Primeira División, e Borja foi o máximo goleador do equipo, con 10 tantos.[5] Con todo, o Deportivo decidiu non prorrogar a súa cesión por outro ano.[6]

Na 2014/15 foi cedido ao Zaragoza de Víctor Muñoz, onde foi titular durante case todos os partidos e marcou 22 goles, sendo superado só polos 31 do bético Rubén Castro.[5] O equipo xogou a promoción de ascenso, onde caeu eliminado na final contra a UD Las Palmas.

Na tempada 2015/16 viviu a súa quinta cesión consecutiva, desta vez a un equipo de Primeira: o Eibar. Co equipo de Mendilibar marcou 18 goles en liga, a cifra máis alta dun xogador do Eibar en Primeira.

Swansea editar

En agosto de 2016 foi traspasado ao Swansea City, da Premier League, por uns 18 millóns de euros, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club galés.[7] Con todo, apenas dispuxo de minutos, sendo titular só en catro partidos durante unha convulsa tempada con varios adestradores, e na que o club ocupou postos de descenso durante boa parte da competición. Marcou un só gol na Premier, nun partido contra o Arsenal no Emirates Stadium, onde conseguiu bater ao gardameta Petr Čech.[8][9]

Para a tempada seguinte o Swansea cedeuno ao Málaga,[10] onde tivo unha desafortunada campaña, do mesmo xeito que o club, que acabou descendendo a Segunda.[11] Na 2018/19 xogou no Alavés, na que foi a sétima cesión da súa carreira deportiva.[12] No equipo vasco, adestrado por Abelardo, recuperou certa regularidade, disputando 29 partidos, 20 como titular, e marcando 5 goles.

Comezou a tempada 2019/20 xogando co Swansea no Championship, a segunda división inglesa á que o club descendera dúas tempadas antes. Disputou 19 partidos e marcou 6 goles, antes de desvincularse do club en xaneiro.[13]

Aston Villa editar

O derradeiro día do mercado invernal da tempada 2019/20 fichou polo Aston Villa, da Premier League, onde coincidiu co gardameta madrileño Pepe Reina e co mediapunta galego Jota Peleteiro. Só puido xogar dous encontros no club de Birmingham antes da irrupción da pandemia de COVID-19, que paralizou o deporte a nivel mundial, e xa non volveu disputar ningún minuto máis trala continuación da competición.[14]

Leganés editar

Despois de rematar o seu contrato co Aston Villa, asinou por unha tempada co Leganés, da Segunda División.[14] Disputou a maioría de partidos da tempada, formando na dianteira xunto con Arnaiz e Sabin Merino, e xogou a fase de ascenso a Primeira despois de rematar na terceira posición o campionato de liga.

Oviedo editar

En agosto de 2021 fichou polo Real Oviedo, da Segunda División.[5]

Internacional editar

Foi internacional coa selección española sub-16 e tamén coa sub-17 coa que disputou a Copa do Mundo de 2009 en Nixeria, terminando no terceiro posto e coa Bota de Ouro do campionato ao mellor goleador.[15] En 2011 xogou coa selección sub-19 o Campionato Europeo en Romanía, no que disputou dous partidos, contribuíndo á consecución do título por parte do combinado español, que derrotou na final á República Checa.

Palmarés editar

Selección sub-19 de España

Individual

Notas editar

  1. "Seis meses de baja para el canterano Borja". Marca (en castelán). 16 de maio de 2010. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  2. "Borja: "2011 será uno de mis mejores años"". As (en castelán). 21 de decembro de 2010. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  3. "Borja jugará cedido en el Huesca esta temporada". As (en castelán). 30 de agosto de 2012. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  4. "Borja Bastón aclara que llega "cedido" por el Atlético "por dos años"". La Opinión A Coruña (en castelán). 2 de setembro de 2013. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Fernández, Pablo (12 de agosto de 2021). "El olfato de Bastón, el perfil que le faltaba al Oviedo y los deberes para Ziganda" (en castelán). Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  6. "El Deportivo renuncia a prorrogar la cesión de Borja Bastón" (en castelán). 27 de agosto de 2014. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  7. "Borja Bastón se marcha traspasado al Swansea por 18 millones". Marca (en castelán). 11 de agosto de 2016. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  8. "Borja Bastón pone fin a una pesadilla de 23 partidos y 1.093 minutos sin hacer un gol". Marca (en castelán). 19 de novembro de 2017. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  9. "El Arsenal atrapa al City en el liderato". Mundo Deportivo (en castelán). 15 de outubro de 2016. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  10. G. Parajón, Marcos (4 de xullo de 2017). "Borja Bastón ya es jugador del Málaga". Marca (en castelán). Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  11. "Borja Bastón, amenaza conocida" (en castelán). 30 de outubro de 2021. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  12. "El Deportivo Alavés refuerza su delantera con Borja Bastón" (en castelán). 16 de xullo de 2018. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  13. "Borja Bastón ficha por el Aston Villa". Mundo Deportivo (en castelán). 1 de febreiro de 2020. Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  14. 14,0 14,1 Díaz Rolle, Iván (18 de setembro de 2020). "Borja Bastón: «Será raro jugar en Galicia y no tener a mi familia en el campo»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de decembro de 2021. 
  15. "Borja gana la 'Bota de Oro' del Mundial de Nigeria". Marca (en castelán). 15 de novembro de 2009. Consultado o 9 de decembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar