Bombo

instrumento musical membranófono da familia dos tambores de gran tamaño

O bombo é un instrumento musical de percusión, da familia dos membranófonos. Está formado por unha caixa redonda recuberta con parches que se fan resoar batendo neles cunha maza recuberta.

Bombo
Información
ClasificaciónPercusión
Membranófono

Orixe e utilización editar

O bombo é coñecido desde antigo no Oriente Medio, onde xa o empregaban sumerios e gregos, e onde se documenta o seu uso durante toda a Idade Media. Desde alí foi introducido en Europa, a través das orquestras turcas do Imperio Otomán, aparecendo representado por primeira vez en pinturas de Tiziano e Vittore Carpaccio no século XVI. Cara ao XVIII o instrumento fíxose popular da man de orquestras e bandas de música, sendo o compositor Christoph Gluck o primeiro en lle dar un lugar ao bombo nunha das súas obras.[1]

Na actualidade o son do bombo, de timbre grave, emprégase para manter o ritmo en diversos estilos musicais. Tánxese con varios tipos de mazos, de distintas densidades, tamaños e formas, utilizando a man ou accionándoos cos pés. Os tipos de bombos poden clasificarse en tres grupos:

Formando parte da batería, o bombo percútese empregando un mazo accionado polo pé, normalmente o dereito. O seu tamaño oscila entre os 16 e as 28 polgadas, cun fondo de 14 a 22. En ocasións a parte frontal posúe un buraco que permite escapar o aire, provocando sons menos sostidos. Ademais, permite atenuar o son colocando coxíns, mantas ou amortecedores profesionais no interior en contacto coa zona onde se bate, sen ter que retirar o parche frontal. Tamén facilita a introdución de micrófonos dentro para amplificalo. Algunhas baterías posúen dous bombos ou dous pedais para un bombo, o que permite dar mais golpes en menos tempo.

 
Bombo galego con pratos

O bombo na música tradicional galega editar

O bombo foi introducido na música tradicional galega polas bandas de música na segunda metade do século XIX. Os primeiros modelos empregaban aros de metal e tensión por parafusos, dun xeito similar á caixa, só máis adiante comezaron a fabricarse localmente, aparecendo entón bombos tensados por cordas como os que se usan actualmente na música tradicional.[2] O bombo pasou axiña a formar trío co dúo de gaita e tamboril, un conxunto que foi moi frecuente por toda Galiza, agás no Oriente montañoso, onde o bombo non penetrou até mediados do século XX.[3]

Posteriormente, o instrumento foi incorporado noutras formacións tradicionais nadas da adopción da instrumentación das bandas de música. Así, o bombo integrouse en cuartetos con clarinete, cuartetos tradicionais, requintas ou charangas. Nestas últimas aparece decote equipado cuns pratiños na parte superior. É frecuente a ornamentación da pel do bombo, por parte dos grupos de gaiteiros, co nome da agrupación e algunha imaxe representativa.[1]

O bombo "galego" é fabricado en madeira e carece de bordóns.[4] Ten unha caixa de entre 50 e 80 centímetros de diámetro e un fondo de 25 ou 30 centímetros. Pendúrase do ombro do tocador cunha correa en posición case vertical e bátese nel, só na parte dereita, cunha maza recuberta duns 25 centímetros. Outros instrumentos galegos similares, como os bombos de entroido[5] ou os bombos de mallada[6], non están emparentados con el e son moito máis antigos na cultura galega.[1]

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar