Blepharisma é un xénero de protistas unicelulares ciliados que viven en augas doces e salgadas. O xénero inclúe unhas 40 especies aceptadas, e moitas subvariedades e cepas. Aínda que as especies varían entre elas considerablemente en tamaño e forma, a maioría son doadamente identificables pola súa cor vermella ou rosa, que está causada polos gránulos do pigmento blefarismina.[1]

Todos os membros do xénero posúen unha longa serie de membranelas no lado esquerdo da súa fenda oral, e unha "membrana ondulante" (que se parece a unha solapa, bufanda ou pequena vela, composta de longos cilios fusionados formando unha soa lámina) situada no lado dereito do seu peristoma, cara á parte posterior.[2]

Certas especies de Blepharisma serviron como organismos modelo para a investigación científica. Tamén se utilizan en moitas escolas nas clases de laboratorio.

Aspecto editar

Os Blepharisma poden medir só 50 micrómetros de longo, ou chegar a 1 mm (o máis normal é que midan entre 75 e 300 micrómetros).[2] A forma do corpo varía dependendo da especie. A especie tipo do xénero, B. persicinum, é elipsoidal. Blepharisma lateritium ten forma de bágoa, cunha parte posterior arredondada; mentres que Blepharisma elongatum e Blepharisma sphagni son longas e delgadas, estreitándose na parte posterior ata formar unha especie de cola.[3]

Todas as especies están ciliadas uniformemente, cos cilios dispostos en ringleiras lonxitudinais, con bandas de pigmento alternando entre as ringleiras de cilios. A pigmentación vermella ou rosa pode ser bastante pálida, e en certos casos está totalmente ausente.[4] Na parte superior posúen un vacúolo contráctil, xeralmente bastante longo. Os macronúcleos poden ter unha variedade de formas. Teñen tamén micronúcleos. Dependendo das especies e fases da vida, poden ter forma bacilar, ovoide, esférica, ou moniliforme (como un rosario de doas).

Reprodución editar

Como todos os ciliados, Blepharisma pode reproducirse por fisión binaria, dividíndose transversalmente. Tamén realizan un tipo de reprodución sexual chamada nos ciliados conxugación, un proceso no que intercambian material xenétrico directamente dunha célula a outra. Na conxugación, dous individuos póñenese en estreito contacto, e créase unha ponte citoplasmática temporal entre eles. Os micronúcleos de cada célula sofren meiose, e os micronúcleos haploides pasan desde un individuo a outro. Isto permite a mestura e redistribución das características hereditarias, de xeito parecido a outros tipos de reprodución sexual. A conxugación vai seguida inmediatamente da fisión binaria dos dous conxugantes.[5]

En Blepharisma, igual que nalgúns outros ciliados, utilízanse substancias químicas chamadas gamóns para inducir a conxugación, que estimulan a interacción entre individuos con apareamento compatible.[6]

Alimentación e comportamento editar

Os Blepharisma aliméntanse dunha gran variedade de pequenos organismos, como bacterias, algas flaxeladas, rotíferos, outros ciliados e mesmo membros máis pequenos da súa mesma especie. Experimentos feitos con Blepharisma undulans indicaron que o canibalismo causa xigantismo. Cando aos individuos se lles dá unha dieta de Blepharisma máis pequenos, ou de certas clases de ciliados (especialmente Colpidium colpoda), medran ata ter un tamaño enorme relativamente. Con tal que non se lles cambie a dieta, os caníbales xigantes divídense producindo máis xigantes. Cando deixan de comer presas grandes, a descendencia volve a ter un tamaño normal.[7]

Os Blepharisma son marcadamente fotofóbicos, e cando se incrementan os niveis de luz procuran desprazarse a áreas escuras. A capacidade de detectar a luz débese a gránulos de pigmento fotosensible situados debaixo da membrana plasmática da célula. O pigmento destes gránulos é a blefarismina, a cal é tamén responsable da cor rosa ou avermellada característica que presentan.[8]

Lista de especies editar

 
Blepharisma japonicum

Notas editar

  1. Miyake, Akio; et al. (June 29, 1990). "Defensive Function of Pigment Granules in Blepharisma japonicum". European Journal of Prostistology 25 (4): 310–315. doi:10.1016/S0932-4739(11)80122-7. 
  2. 2,0 2,1 Hirshfield; et al. "A proposed organization of the genus Blepharisma Perty and description of four new species". J. Protozool 12 (1): 136–144. 
  3. Kahl, Alfred (1930-35). F. Dahl, ed. Urtiere oder Protozoa I: Wimpertiere oder Ciliata (Infusoria) In: Die Tierwelt Deutschlands. 3 Spirotricha. Jena: G. Fischer. pp. 442–448. 
  4. Giese, Arthur (Jan 1938). "Reversible bleaching of Blepharisma". Transactions of the American Microscopical Society 57 (1): 77–81. doi:10.2307/3222804. 
  5. Lynn, Denis H. (2007). The Ciliated Protozoa: Characterization, Classification and Guide to the Literature (3 ed.). Springer. pp. 23. 
  6. Suglura, M.; et al. (31 May 2005). "Developmentally and environmentally regulated expression of gamone 1: the trigger molecule for sexual reproduction in Blepharisma japonicum:". Journal of Cell Science 118 (12): 2735. doi:10.1242/jcs.02359. 
  7. Giese, Arthur (1938). "Cannibalism and Gigantism in Blepharisma". Transactions of the American Microscopical Society 57 (3): 245–255. doi:10.2307/3222693. 
  8. Matsuoka; et al. (2000). "Analyses of Structure of Photoreceptor Organelle and Blepharismin associated Protein in Unicellular Eukaryote Blepharisma". Photochemistry and Photobiology. 57 (3): 245–255.