Bernadette Soubirous

relixiosa francesa

Marie-Bernarde "Bernadette" Soubirous (beʁnadet subiʁus|), en occitano gascón Maria-Bernarda "Bernardeta" Sobirós, tamén coñecida como Bernadette de Lourdes, nada en Lourdes o 7 de xaneiro de 1844 e finada en Nevers o 16 de abril de 1879, foi unha pastora, mística e relixiosa francesa, canonizada pola Igrexa católica en 1933. A súa festividade celébrase o 16 de abril, aniversario da súa morte. O seu corpo permanece incorrupto en Nevers.

Infotaula de personaBernadette Soubirous

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(fr) Bernadette Soubirous ii Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento7 de xaneiro de 1844 Editar o valor em Wikidata
Lourdes (Monarquía de Xullo) Editar o valor em Wikidata
Morte16 de abril de 1879 Editar o valor em Wikidata (35 anos)
Nevers, Francia Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Tuberculose Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturaNièvre Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonxa Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Orde relixiosaIrmãs da Caridade de Nevers (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa16 de abril Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Soubirous-1 Find a Grave: 3243 Editar o valor em Wikidata

Unha serie de dezaoito aparicións marianas que Soubirous afirmou que tivo en 1858 en Lourdes, e os milagres que as sucederon, terminaron por conferirlle fama mundial xa no momento da súa morte.

Traxectoria editar

Orixes familiares editar

Bernadette naceu o 7 de xaneiro de 1844 e foron os seus pais François Sobirós (1807-1871) e Louise Castérot (1825-1866). Foi bautizada en San Paulo, a parroquia local, o 9 de xaneiro de 1844, primeiro aniversario do matrimonio relixioso dos seus pais.

 
Muíño de Boly. Lourdes, c. 1865-1870. Alí naceu Bernadette o 7 de xaneiro de 1844
 
Casa paterna de Bernadette Soubirous en Lourdes, tamén chamada muíño Lacadé (fotografado en 1914), onde viviu a familia a partir de 1863. Nesta casa morreu a nai de Bernadette, Louise Castérot, o 8 de decembro de 1866. Con anterioridade, a familia vivira no muíño de Boly onde naceu Bernadette, e no cachot ou calabozo da rue des Petits Fossés, de onde saíu a buscar leña o día no cal sinalou que tivo a súa primeira visión, o 11 de febreiro de 1858. A fotografía atópase na Biblioteca Nacional de Francia.

Bernadette era a máis vella de nove irmáns, dos caless só algúns sobreviviron aos primeiros anos de vida: Jean (nada e finada en 1845), Marie —tamén chamada Toinette— (1846-1892), Jean-Marie (1848–1851), Jean-Marie (1851-1919), Justin (1855–1865), Pierre (1859-1931), Jean (nada e finada en 1864) e Louise (falecida pouco despois do seu nacemento en 1866).

Pola condición de extrema pobreza dos seus pais, vivían nun vello soto nun muíño húmido e miserable. O seu pai, François Sobirós, tiña por emprego no momento das aparicións xuntar o lixo da aldea e do hospital; o seu oficio era muiñeiro, mais a escaseza de traballo facía imposible desempeñalo. A súa nai, Louise Castérot, era unha muller piadosa e preocupada polos seus fillos que ocasionalmente traballaba de costureira.

Infancia editar

A familia de Bernadette vivía en pobreza extrema, particularmente dende que ela cumpriu dez anos. Primeiro, o seu pai Francisco perdeu un ollo nun accidente de traballo e quedou chosco. Logo, o panadeiro de Lourdes acusouno de roubar sacos de fariña, motivo polo cal pasou unha semana no cárcere. Toda a rexión padeceu anos de graves secas que provocaron perdas de colleitas. Ao non haber trigo suficiente, pecharon moitos muíños (entre eles, o muíño de Boly, onde traballaban e vivían os Soubirous). Ademais apareceron os muíños de vapor, que se impuxeron aos tradicionais de auga.

Dende moi pequena Bernadette tivo unha saúde delicada. A causa era a desnutrición e o lamentable e pobre estado da casa dun cuarto onde residía. Durante a súa nenez, o cólera causou 38 mortos e centenares de afectados en Lourdes. En outono de 1855, esa enfermidade atacou a Bernadette deixándoa sumamente debilitada. Máis tarde contraeu asma. O clima e o ambiente en que residían non a axudaban na súa condición.

Chegou a vivir algúns anos nunha cela da antiga prisión de Lourdes, por entón fóra de uso: o chamado cachot, de 4,40 m por 4 m, na rue des Petits Fossés, cedido polo seu propietario, un primo do pai chamado Aimé Sajous, a causa da extrema pobreza da familia Soubirous.[1] A familia foi entón sinalada na aldea como «os que viven no calabozo».

Coñecera a miseria ata pasar fame e ver os seus irmáns repartirse un anaco de pan. Bernadette tiña que pedir roupa prestada cando lavaba a propia. Cando os demais nenos da súa idade asistían á escola, ela debía coidar os seus irmáns máis novos ou gardar no monte ovellas alleas. Ata os dezaseis anos non aprendeu a ler nin a escribir, mais aínda así, estaba empeñada en recibir a primeira comuñón. Polas noites, despois de longas horas de labor, a nena repetía as fórmulas do catecismo. O mestre dicíalle aos seus pais: «Cústalle reter de memoria o catecismo porque non sabe ler; mais pon moito empeño: é moi atenta e piadosa».

Primeiras revelacións editar

 
Bernadette Soubirous en 1866, aínda a esa idade, tiña a aparencia dunha nena.

O 11 de febreiro de 1858, e durante seis meses, Bernadette recibiu as revelacións da Virxe María na advocación da Inmaculada Concepción na pequena gruta de Masse-Vieille (hoxe chamada Massabielle). O lugar estaba conformado por unha rocha que cubría unha gruta alongada, duns oito metros de largo. Aquel xoves 11 de febreiro rematárase a leña na casa e Bernadette ofreceuse a ir recoller á beira do regato Gave, coa súa irmá Toinette e Jeanne Abadie, a quen chamaban Baloum. As tres nenas descenderon ata Masse-Vieille. Segundo o seu relato, Bernadette oíu un forte rumor de vento, mais ao darse volta viu que todo estaba tranquilo e que as árbores non se moveran. Por segunda vez oíu o mesmo rumor e entón no interior da gruta viu unha rapaciña.[2] Así narrou Bernadette a primeira aparición:[1]

Na abertura dunha rocha, chamada cova de Masse-Vieille, vin unha rapaza. Crendo que me enganaba, froteime os ollos, mais alzándoos, vin de novo a moza, que me sorría e me facía acenos para que me achegase. A muller vestía túnica branca cun veo que lle cubría a cabeza e chegaba ata os pés, sobre cada un dos cales tiña unha rosa amarela, da mesma color que as doas do seu rosario. O cinguidoiro da túnica era azul. (...) Tiven medo. Despois vin que a moza seguía sorrindo. Botei man ao peto para coller o rosario que sempre levo comigo e caeume ao chan. Tremíame a man. Axeonlleime. Vin que a rapaza se santiguaba... Fixen o sinal da cruz e recei coa moza... Mentres eu rezaba, ela ía pasando as doas do rosario (...) Rematado o rosario, sorriume outra vez. (...) Aquela Señora non me falou ata a terceira vez.

A «moza», a quen Bernadette comezou chamando Aquerò ("Aquela", que na normativa estándar se expresa como Aquera) e despois uo petito damizelo ("Señora") presentóuselle dezaoito veces. Na terceira aparición, o 18 de febreiro, Bernadette preguntoulle o seu nome. A Señora non llo dixo de momento e propúxolle unha cita diaria durante quince días. Do 19 ao 24 de febreiro tiveron lugar as aparicións cuarta a oitava. A Señora e Bernadette faláronse en confidencia, mentres as autoridades acusaban a pequena rapaza de perturbar a orde pública e ameazábana con enviala ao cárcere.

A nena mantivo unha consistente actitude de calma durante os interrogatorios, sen cambiar a súa historia nin a súa actitude, nin pretender ter un coñecemento máis alén do dito respecto á visión descrita.

As opinións dos veciños de Lourdes estaban divididas. Aqueles veciños que crían que Bernadette dicía a verdade, asumían que a muller que se lle aparecía era a Virxe María. Con todo, Bernadette nunca sostivo nese tempo "ver a Virxe" e continuou a usaar o vocábulo Aquerò.

a aparición do 24 de febreiro focalizouse na necesidade da pregaria e a penitencia. Segundo Bernadette, Aquerò dixo: "Penitenço... Penitenço... Penitenço" (na normativa actual, "Penitença... Penitença... Penitença", é dicir, "penitencia").

O 25 de febreiro tivo lugar unha das aparicións máis polémicas, ante a presenza nunhas 350 persoas. Segundo testemuñou Bernadette, logo de rezar o rosario a Señora pediulle que bebese da auga do manancial e que comese das plantas silvestres que crecían alí. Ela interpretou que debía ir tomar auga do próximo río Gave e cara a alá foi. Mais a Señora sinaloulle co dedo que escarvase no chan. Bernadette cavou coas mans núas e lixou o seu rostro buscando beber onde só había lama. Intentou «beber» tres veces, infrutuosamente. No cuarto intento, as pingas estaban máis claras e ela bebeunas. Tamén comeu anacos dalgunhas das plantas do lugar. Cando finalmente tornou cara a a multitude que a observaba, a súa cara estaba manchada coa lama, sen que se revelase manancial manancial. Isto causou moito escepticismo e foi visto como tolemia por moitos dos presentes, que gritaron: "É unha fraude!" e "Está tola!", en tanto os seus parentes, desconcertados, limpaban a cara da adolescente cun pano. Pouco despois, con todo, brotou un manancial de auga que comezou a fluír do oco lordento cavado por Bernadette.[1][3]

A gran revelación: «Eu son a Inmaculada Concepción» editar

 
Dominique Peyramale, párroco de Lourdes.

O martes 2 de marzo, Aquerò pediu dúas cousas a Bernadette: que se fixesen procesións á gruta e se construíse alí mesmo unha capela na súa honra. Acompañada por dúas das seus tías, Bernadette acudiu ao párroco, pai Dominique Peyramale, co pedido. Peyramale era un home intelixente que non cría en visións ou milagres.

Edificar unha capela, "mais, en honra de quen?" preguntaron os prelados a quen Bernadette refiriu o coloquio. A Señora reveloulle a súa identidade na súa décimo sexta aparición, o 25 de marzo, en termos que Bernadette non comprendeu plenamente nun principio: "Eu son a Inmaculada Concepción" (literalmente, Qué soï era immaculado councepcioũ, que segundo a normativa estándar actual se expresa Que soi era immaculada concepción).[1][3] A revelación sucedeu despois de máis dunha hora, durante a cal tivo lugar o segundo dos chamados "milagres do cirio". Bernadette sostiña un cirio aceso; durante a visión o cirio consumiuse e a chama entrou en contacto directo coa súa pel por máis de quince minutos, sen que producise nela ningún signo de dor ou dano tisular. Foron testemuñas diso numerosas persoas, entre elas o médico da cidade, Dr. Pierre Romaine Dozous, quen mediu o tempo e posteriormente o documentou.

 
Bernadette Soubirous na gruta de Lourdes en 1863

Bernadette referiu a revelación da identidade de Aquerò ao clero, ante todo ao pai Peyramale e tamén ao abade Pène, ao abade Serres e ao abade Pomian.

Sucedéronse interrogatorios permanentes e incisivos de parte de diferentes autoridades civís francesas e autoridades eclesiásticas da Igrexa católica.

En efecto, Bernadette posuía pouca instrución, como a maioría dos seus veciños e as dúbidas sobre a súa capacidade para ler ou inventar semellantes palabras valeron a atención do sacerdote do lugar.

Tres anos antes, o de 8 de decembro de 1854, a Igrexa católica na figura do papa Pío IX explicitara o dogma da Inmaculada Concepción que sostén a crenza de que a Virxe María, nai de Xesús, a diferenza de todos os demais seres humanos, foi preservada inmune de toda mancha de culpa orixinal dende o primeiro instante da súa concepción, por singular privilexio e graza de Deus e en atención aos méritos de Cristo. Na aparición, a Señora presentouse coas palabras «Eu son a Inmaculada Concepción», frase que parece unha extensión da tradición xoánica, xa que no evanxeo de Xoán, Xesús se presenta co nome "Eu son" (Xoán 8, 24.28.58; Xoán 13, 19), ao que tamén completa cun predicado que cualifica a súa persoa e a súa misión: "Eu son o pan de vida" (Xoán 6, 35.48), "Eu son a luz do mundo» (Xoán 8, 12); "Eu son o bo pastor" (Xoán 10, 11.14); "Eu son a resurrección e a vida" (Xoán 11, 25); "Eu son o camiño, a verdade e a vida" (Xoán 14, 6); "Eu son a vide verdadeira" (Xoán 15, 1). Xesús presentábase así como aquel en que se realizan os bens esperados.[4] En Lourdes, María preséntase a si mesma como aquela "chea de graza" en quen, segundo a Igrexa católica, se realizaron as marabillas de Deus.

A auga do manancial editar

O manancial de auga encontrado por Bernadette por indicación da Virxe resultou ser fonte de numerosos feitos extraordinarios. A auga foi analizada por laboratorios independentes, que non atoparon ningún elemento estraño, senón que era auga potable similar a calquera auga dos Pireneos: se ben posúe un alto contido en sales minerais, non contén nada fóra do ordinario que xustifique os milagres que se lle atribúen, a curación de enfermos crónicos, ou mesmo terminais... De feito, en Lourdes pódese consultar o arquivo das curacións.[5] Os estudos son levados a cabo minuciosamente por Le Bureau des Constatations Médicales e Le Comité Médical International de Lourdes.[6]

O santuario e a talla da Virxe editar

Nese lugar levantouse o Santuario de Lourdes. A talla da Virxe colocada na gruta foi esculpida por Joseph Hughes Fabisch (1812-1886), profesor da Academia das Ciencias, as Artes e as Letras de Lión, entre finais de 1863 e comezos de 1864. En referencia á Virxe, Bernadette adoitaba dicir: «Xamais vin muller tan fermosa». O artista debeu realizar distintas correccións á súa obra, na que Bernadette non recoñecía á «Señora» das aparicións. Xa noutras ocasións, ante os modelos de estatuas sobre os que se lle pdeira opinión, Bernadette exclamara: «Miña nai! Como se vos desfigura!» Cando viu a imaxe rematada en mármore de Carrara, Bernadette dixo: «Si, esta é fermosa... mais non é Ela». A estatua, seguindo os canons estéticos da súa época máis que as indicacións de Bernadette, non reflectía o sorriso, a sinxeleza, a beleza e a naturalidade que Bernadette sinalaba que tiña a Virxe. De feito, a Fabisch esquecéuselle incluír o rosario, que foi engadido máis tarde.

«A Inmaculada nai de Deus apareceuse» editar

 
Retrato de Bertrand-Sévère Laurence, bispo de Tarbes, realizado en 1860

O último interrogatorio ante a comisión eclesiástica presidida por Bertrand-Sévère Laurence, bispo de Tarbes, tivo lugar o 1 de decembro de 1860. O ancián bispo acabou emocionado, ao repetir Bernadette o xesto e as palabras que a aparición fixo o 25 de marzo de 1858: «Eu son a Inmaculada Concepción». O 18 de xaneiro de 1862, o bispo publicou a carta pastoral coa cal declarou que «a Inmaculada nai de Deus se apareceu verdadeiramente a Bernadette».[3]

Ingreso no convento de Nevers editar

Tralas aparicións, a partir do 15 de xullo de 1860, Bernadette foi acollida no hospicio polas relixiosas Irmás da Caridade de Nevers. Bernadette deixou a casa e permaneceu como enfermeira dous anos entre elas (1861 e 1862).

En agosto de 1864 solicitou ser admitida na Comunidade de Irmáns da Caridade de Nevers e en xullo de 1866 comezou o seu noviciado nesa congregación.

En setembro de 1866, o asma que sempre padecera agravouse. O 25 de outubro recibiu a unción dos enfermos e, ao agravarse a doenza, pronunciou os votos in articulo mortis. As súas forzas estaban ao límite de modo que, ao non poder pronunciar a fórmula, monseñor Forcade a pronunciou en nome dela. En 1867 recobrouse, e o 30 de outubro dese ano fixo a súa profesión relixiosa das mans de monseñor Forcade.[1][3][7]

Estadía coas Irmás da Caridade de Nevers editar

A escena da súa profesión relixiosa, concertada coa superiora, nai Josephine Imben, fíxose célebre. Mentres que todas as novizas, despois da profesión, recibiron o crucifixo, o libro das constitucións e a carta de obediencia, Bernadette non recibiu nada. A nai Josephine dixo, explicándose: "Non fai nada be"».[3] Entre as monxas, Bernadette sufriu non só pola súa mala saúde, senón tamén porque a superiora non cría nin nas súas visións nin nas súas doenzas. Dende outubro de 1875, a historia de Bernadette confúndese coa historia das súas enfermidades.[3] A moza Bernarda coxeaba e foi reprendida varias veces. Mesmo a prioira non a deixaba saír da súa cela, pois dicía que quería chamar a atención. En decembro de 1877 precisou gardar cama por dores nun xeonllo. En febreiro de 1878 tivo unha recaída de asma e sufriu vómitos de sangue. A partir de decembro de 1878 permaneceu definitivamente na cama. A realidade era que Bernadette sufría dun tumor na súa perna, máis concretamente, de tuberculose ósea diagnosticada no último estadio, extremadamente dolorosa.[1] Aínda así, durante os nove anos que pasou coas irmás, dedicouse a ser enfermeira e sancristá, ata que non puido máis polos agudos ataques de asma e a doenza que padecía.

Morte e incorruptibilidade do seu cadáver editar

Pouco tempo antes de morrer, chegou un bispo que ía camiño de Roma. Bernadette escribiu unha carta ao papa para que lle enviase unha beizón. O bispo levou a carta a Roma e, ao regresar da Santa Sé, tróuxolle unha especial beizón de León XIII e un crucifixo de prata que lle enviaba de regalo; era o 15 de abril de 1879. Toda esa semana, Bernadette sufrira moito, polas chagas de decúbito. O día seguinte, o 16 de abril de 1879, con apenas trinta e cinco anos, morreu ás 15:15 horas.[3] As súas últimas palabras foron:

Vina outra vez... Que fermosa é! Nai, roga por min que son pecadora.

Os funerais de Bernadette foron notables. As palabras que correron en boca de todos foron: "A santa morreu".[3] Inhumada na capela de San Xosé da casa nai, asistiu unha inmensa multitude chegada de toda Francia.

 
Cuberta de cera que mostra a imaxe de Bernadette no momento de morrer

O proceso diocesano sobre a heroicidade dos seus virtudes se abriou o 20 de agosto de 1908. O 2 de setembro de 1909, o seu cadáver foi desenterrado e achado en perfecto estado de conservación; non obstante, o crucifixo e o rosario que levaba nas mans estaban cubertos de óxido. O 25 de agosto de 1913, Pío X iniciou o proceso de beatificación en Roma que, atrasado pola primeira guerra mundial, se retomou o 17 de setembro de 1917. O 14 de xuño de 1925, Pío XI proclamou beata a Bernadette.[3]

 
Urna de bronce e cristal onde se conserva o corpo de santa Bernadette Soubirous.

No ano da súa beatificación realizouse unha segunda exhumación do corpo que seguía sen descomporse,[8] aínda que con manchas e decoloración na pel, probablemente como resultado da súa exposición ao aire durante os corenta e seis anos posteriores ao seu enterro. Por iso, cun molde do rostro e fotos da relixiosa, a empresa de Pierre Imans fabricou tenues cubertas de cera para o rostro e as mans que lle foron colocadas antes do seu traslado ao convento de Nevers o 25 de xuño.[9] Logo o corpo foi situado na capela que leva o seu nome, pertencente ao antigo convento de San Gildarde de Nevers, e depositado nun relicario de cristal, onde é obxecto de visitas e peregrinacións.

Canonización editar

O 8 de decembro de 1933, durante o ano Santo da Redención e Xubileu extraordinario, Pío XI proclamou santa a Bernadette Soubirous, a filla do pobre muiñeiro de Boly.[3] O texto solemne da canonización pronunciado polo papa foi:

En honra da Santísima e indivisible Trindade, para a exaltación da fe católica e para o incremento da relixión cristiá, coa autoridade de Noso Señor Xesús Cristo, dos bienaventurados apóstolos Pedro e Paulo e a Nosa, despois de madura deliberación e de implorar a axuda divina, o parecer dos nosos venerables irmáns os cardeais da santa Igrexa romana, os patriarcas, os arcebispos e bispos, declaramos e definimos santa a beata María Bernarda Soubirous e inscribímola no catálogo dos santos, establecendo que a súa memoria será piadosamente celebrada todos os anos na Igrexa universal o 16 de abril, día do seu nacemento para o ceo.
Pío XI

Espiritualidade editar

 
Bernadette
  • Considérase a Bernadette Soubirous unha mística cristiá,[10][11] cunha espiritualidade que se baseou nunha santidade cotiá, carente de estruturas complicadas, sen ideoloxías nin discursos, evanxelicamente serea e baseada na verdade.
  • Sempre recoñeceu o que de verdade dicían os seus detractores (ignorancia, falta de educación), mais xamais o sobrecargou de significado. Dese modo logrou, mesmo nos momentos difíciles, manter a serenidade interior. A súa negativa a ser considerada un obxecto que amosar foi decidida e a súa límpida franqueza deixou sen fala persoas cultas.
  • A súa repugnancia polo diñeiro era proverbial. O xornalista Balech de Lagarde, do Courrier français, prometeu que a levaría a París e facela rica. A resposta de Bernadette foi un non rotundo.[3]
  • Nela conxugáronse harmoniosamente o realismo dunha rapaza de campo e a conciencia de que, por riba de todo, vale a intelixencia das accións que se deben cumprir.
  • Os cristiáns católicos e anglicanos consideran a Bernadette unha canle limpa, para que por ela pasase unha revelación da graza de Deus, manifestada en María: «Eu son a Inmaculada Concepción». Os inesperados alcances teolóxicos desa revelación excedían a Bernadette. Ela, pola súa fe e a súa humildade, seguiu á «Señora» máis do que a entendeu, limitándose a cumprir a misión encomendada de transmitir a mensaxe.
  • O rezo do rosario acompañou a súa vida, os das aparicións. Pobreza, oración e penitencia, amor e Deus son as palabras que conforman a mensaxe da que Bernadette foi voceira.

Ecumenismo editar

O 24 de setembro de 2008, o Arcebispo de Canterbury e primado da Comuñón Anglicana Rowan Williams peregrinou ao santuario de Lourdes para honrar a Inmaculada Concepción, predicando ante 20 000 persoas na Eucaristía Internacional. Na súa homilía destacou:

«Cando María se lle apareceu a Bernadette, a primeira vez o fixo como unha figura anónima, unha fermosa muller, unha «cousa» misteriosa, non identificada aínda como a nai Inmaculada do Señor. E Bernadette –inculta, carente de instrución doutrinal– saltou de gozo, recoñecendo que alí había vida, que alí estaba a cura. Lembrade as súas narracións en que fala dos seus movementos agraciados e lixeros ás ordes da Señora; como se ela, ao igual que Xoán no ventre de Isabel, comezase a bailar seguindo a música do Verbo Encarnado que leva a súa nai. Só pouco a pouco atopará Bernadette as palabras para que o mundo saiba; só pouco a pouco, poderiamos dicir, descobre como escoitar a Señora e referir o que ten que dicirnos. (...) os veciños, os mestres e o clero da parroquia de Bernadette sabían o que pensaban que necesitaban saber sobre a nai de Deus, mais tiveron que quedar sorprendidos por esta adolescente incapaz de expresarse, inerme e insignificante que saltara de gozo recoñecendo que encontrou a María como nai, irmá, portadora do seu Señor e Redentor. (...) Hoxe aquí, con Isabel e Bernadette, dicimos con agradecido estupor: «Que fixen para merecerme que a nai do meu Señor viñese ata min?» e recoñecemos que o desexo do noso corazón foi satisfeito e o máis profundo do noso ser foi levado a unha nova vida».[12]
Rowan Williams, Arcebispo de Canterbury e primado da Comuñón Anglicana

Este feito foi considerado moi auspicioso en orde á unidade dos cristiáns e foi seguido pola visita histórica do papa Bieito XVI ao primado anglicano o 17 de setembro de 2010, en ocasión do 50 aniversario do primeiro encontro dun papa e un arcebispo de Canterbury nos tempos modernos, o de Xoán XXIII e o arcebispo Geoffrey Fisher, en decembro de 1960.[13] A iso seguiu o recibimento de Bieito XVI a Rowan Williams no Vaticano o 18 de novembro de 2010, pouco despois de que cinco bispos anglicanos anunciasen o seu paso á Igrexa católica, aproveitando o novo ordinariato creado a tal fin pola Santa Sé. En tal ocasión, o papa Bieito XVI e Rowan Williams oraron xuntos.[14]

Outras repercusións editar

  • A petición da Virxe María a Bernadette de que se construíse unha capela no sitio das aparicións deu lugar á edificación do Santuario de Nosa Señora de Lourdes, que é un dos sitios principais de peregrinación católica no mundo. Cunha poboación de aproximadamente 15 000 habitantes, Lourdes recibe actualmente a visita duns 8 000 000 de peregrinos por ano.[15] En Francia, só a cidade de París ten máis hoteis que a cidade de Lourdes.
  • En atención á primeira aparición da Virxe María a Bernadette Soubirous, a Igrexa católica celebra o 11 de febreiro a festividade de Nosa Señora de Lourdes. En 1992, o papa Xoán Paulo II instituíu a celebración da Xornada Mundial do Enfermo para que se realizase o 11 de febreiro de cada ano.
  • Entre os católicos, Lourdes é considerado popularmente un lugar emblemático no que se conxugan o sufrimento, a fe expresada en pregaria, a curación e a conversión. Con todo, Le Bureau des Constatations Médicales e Le Comité Médical International de Lourdes, que rexen a análise científica das curacións producidas en Lourdes, son sumamente estritos. Para que unha curación se considere inexplicable para a ciencia débense cumplimentar unha serie de requisitos, entre os que se contan que a doenza sexa incurable; que se puxese de manifesto a total ineficacia dos medicamentos ou protocolos empregados no tratamento de devandita doenza; que a curación chegase de xeito instantáneo ou case instantáneo; que a curación sexa absoluta. Dos aproximadamente 7000 casos de curacións rexistrados en expedientes, 67 foron recoñecidos oficialmente como milagres pola Igrexa católica.[6] Tal é o grao de rigor manifestado pola Igrexa neste tema que a curación de Marie Bailly, aqueixada de peritonite tuberculosa no último estadio, coñecido como Dossier 54 nos arquivos de «Le Bureau des Constatations Médicales» de Lourdes, e con testemuño do doutor Alexis Carrel[16] (premio Nobel de Medicina en 1912), non está incluída entre os casos considerados «milagrosos».
  • A Basílica de San Pío X, tamén localizada na cidade de Lourdes, é parte do Santuario e conta cunha capacidade para 25 000 persoas. Esta basílica contén representacións das estacións do Vía Crucis, da historia das aparicións de Nosa Señora a santa Bernadette e dos misterios do rosario. Xunto ao santuario construíronse outras igrexas e capelas en Lourdes.

Bernadette Soubirous na cultura popular editar

 
Típica gruta coa imaxes que representan a aparición da Inmaculada Concepción a Bernardeta
  • O rostro de Bernadette foi fotografado en outubro de 1863 grazas á habilidade do fotógrafo ambulante Billart-Petrun de Pau.[3] Bernadette Soubirous foi a primeira santa fotografada.
  • O escultor André-César Vermare representou a santa Bernadette Soubirous vestida de pastora. A obra atópase en Saint-Pé-de-Bigorre.
  • Bernadette Soubirous et les Apparitions de Lourdes (1909), curtametraxe francesa dirixida por Honoré Le Sablais, é a primeira narración fílmica da historia de Bernadette, segundo o documental da RAI 3, La storia di Lourdes.
  • En 1935 o portugués Georges Falú dirixiu La Vièrge du rocher, con Michelle Masson interpretando a Bernadette.
  • En 1941, a vida de santa Bernadette Soubirous foi presentada como novela na obra do escritor austríaco Franz Werfel, Das Liede von Bernadette.[17] De orixe xudía e manifestamente antinazi durante a segunda guerra mundial, Werfel fuxiu coa súa esposa Alma Mahler de Austria a Francia e logo, de España e Portugal, aos Estados Unidos de América. Durante a súa estancia en Francia, sen visado nin pasaporte, atopou refuxio en Lourdes, onde se fascinou coa historia das aparicións, e, a pesar de ser xudeu, fixo o voto de que, se lograban escapar el e a súa esposa desta situación desesperada, cantaría a canción de Bernadette, voto que cumpriu ao escribir a novela.[18] Esta novela foi extremadamente popular, manténdose máis dun ano na lista de The New York Times de libros máis vendidos, e encabezando esa lista durante trece semanas.
  • En 1943 esta novela foi adaptada ao cinema no filme The Song of Bernadette. O filme gañou catro premios Oscar e tres Globos de Ouro. Pola súa interpretación de Bernadette, Jennifer Jones gañou o Globo de Ouro á mellor actriz dramática e o Oscar á mellor actriz.
  • En 1961, a actriz francesa Daniele Ajoret debutou en escena interpretando a Bernadette en "Il suffit d'aimer, unha coprodución italofrancesa dirixida por Robert Darène baseada no libro do mesmo nome do escritor Gilbert Cresbon.[19] Pola súa actuación, Ajoret recibiu o premio á Mellor Actriz no Festival Internacional de Cinema de Cork.
  • En 1964, estreouse o filme Aquella joven de blanco, filme español en branco e negro dirixido por León Klimovsky, baseada no guión de Fernando Galiana e Manuel Tamayo, con Cristina Galbó interpretando o papel de Bernadette Soubirous.
  • En 1967, estreouse L'affaire Lourdes, telefilme francés Marcel Bluwal, con Marie Hélene Breillat.[20]
  • En 1981, a arxentina Andrea do Boca encarnou a santa Bernardeta no episodio Bernardette' que durou catro capítulos da serie televisiva "Los especiais de ATC", transmitida de 1979 a 1982, na Arxentina.[21]
  • En 1988, o francés Jean Delannoy estreou Bernadette, centrada nas aparicións de Lourdes ata a entrada da vidente ao convento. En 1989 presentouse unha segunda parte do filme que se titulou La passion de Bernadette, drama biográfico centrado nos últimos anos de vida de Bernadette logo das aparicións de Lourdes. Ambos os filmes foron protagonizados por Sydney Penny no papel da santa.[22]
  • En 1989, John Williams e Jorge González produciron Bernadette, The Princess of Lourdes, a historia das aparicións en debuxos animados nunha produción estadounidense, xunto a outras vidas de santos.
  • O 2000, o papel de Bernadette foi interpretado por Angèle Osinsky na fita de 180 minutos para televisión Lourdes, dirixida por Ludovico Gasparini.[23]
  • En 2007, produciuse na India Our Lady of Lourdes, con V.R. Gopinath como e interpretada por Ajna Noiseux.[24]
  • En 2008 C. Albrech e P. Cabidoche produciron un vídeo francés dirixido por Marie-Anne Trizac, coa nena Camille como santa Bernardeta, titulado 1858, Le film des Apparitions.
  • En 2011, produciuse en Francia un vídeo co relato das aparicións de Lourdes, baixo o título de Saint Bernadette of Lourdes, dirixido por Jim Morlino e interpretado por Genevieve Morlino.
  • En 2011, Jean Sagols realizou en Francia Je m'appelle Bernadette, con Katia Miran. É unha produción cinematográfica de Massane Production, Arbos Films e Vab.
  • A vida de santa Bernadette Soubirous e as aparicións da Virxe en Lourdes tamén foron levadas á radio na produción do radioteatro mexicano "Bernadette: la historia de una vida santificada por el amor más sublime", do escritor cubano Félix B. Caignet, coa actriz María Rivas na voz da santa.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Trochu, Francois (1957). Saint Bernadette Soubirous, 1844-1879. Londres: Longmans. p. 480. ISBN 978-0-89555-253-2. 
  2. Holy people of the world: a cross-cultural encyclopedia, Volume 3 por Phyllis G. Jestice 2004 ISBN 1-57607-355-6 page 816
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 Visentin, M.C. (2000). "María Bernarda Soubirous (Bernardita)". En Leonardi, C.; Riccardi, A.; Zarri, G. Diccionario de los Santos (en castelán). España: San Pablo. pp. 1586–1596. ISBN 84-285-2259-6. 
  4. Rivas, Luis H. (2008). El Evangelio de Juan. Introducción, teología, comentario (1.ª edición, 2.ª reimpresión ed.). Buenos Aires: San Benito. p. 559. ISBN 987-1177-18-6. 
  5. Theillier, Patrick (2008). Los milagres de Lourdes: curaciones, conversións e testimonios. Edicións Palabra. p. 368. ISBN 978-84-9840-194-3. 
  6. 6,0 6,1 Sanctuaires Notre-Dame de Lourdes. "Les miraculés de Lourdes" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2013. Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  7. "Qui es-tu Bernadette ?". Sainte Bernadette-Nevers (en francés). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2011. Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  8. Cruz, Joan Carroll (1977). The Incorruptibles: A Study of the Incorruption of the Bodies of Various Catholic Saints ande Beati. TAN Books ande Publishers. p. 288-290. ISBN 0-8955-5066-0. 
  9. "The incorrupt body of St. Bernadette Soubirous" (en inglés). Chapelle du Couvent Saint-Gildarde de Nevers. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  10. "Saints et mystiques chrétiens – Bernadette Soubirouse sainte (1844-1879)" (en francés). Consultado o 20 de maio de 2013. 
  11. "National Newsbits for April 16, 2013 Feast of Saint Bernadette Today" (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2013. 
  12. Rowan Williams (setembro de 2008). "La primordial importancia de, sencillamente, llevar a Jesús (texto de la homilía del primado de la Comunión Anglicana)". 30 Días (en castelán) (9). Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  13. AICA On Line (20 de setembro de 2010). "a histórica visita de Benedicto XVI ao Primado anglicano" (en castelán). Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  14. ReligiónDigital.com (18 de novembro de 2010). "El papa se reúne en el Vaticano con Rowan Williams" (en castelán). Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  15. Alliance of Religions ande Conservation (decembro de 2011). "Pilgrimage statistics – Annual figures" (PDF) (en inglés). Consultado o 20 de maio de 2013. 
  16. Carrel, Alexis (1970). Viaxe a Lourdes: seguido de fragmentos do diario e meditaciones. Editorial Iberia. ISBN 978-84-7082-043-4. 
  17. Werfel, Franz (2006). La canción de Bernadette: Historia de las apariciones de la Virgen de Lourdes. Edicións Palabra. ISBN 978-84-7118-383-5. 
  18. Archdiocese of Denver (28 de febreiro de 2001). "The miracle at Lourdes, a glimpse of heaven". Denver Catholic Register (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2011. Consultado o 4 de xullo de 2011. 
  19. DVD Talk
  20. IMDb.com, ed. (1967). "L'affaire Lourdes (1967)" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2016. 
  21. IMDb
  22. Ignatius Insight, ed. (2013). ""Sometimes you just have to trust ande believe". Actress Sydney Penny talks about making the film Bernadette ande what the French saint means to her" (en inglés). Ignatius Press. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2013. Consultado o 16 de xuño de 2013. 
  23. IMDb.com, Inc. (ed.). "Lourdes (TV 2000)" (en inglés). Consultado o 16 de xuño de 2013. 
  24. IMDb.com, ed. (25 de decembro de 2007). "Our Lady of Lourdes (2007)" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Taylor, Thérèse (2008). Bernadette of Lourdes: Her life, death and visions (en inglés) (2ª ed.). Londres: Burns & Oates. p. 372. ISBN 978-0-8264-2085-5. 
  • Laurentin, René (1957-1959). Lourdes, documents authentiques (en francés). 5 volumes. París: Lethielleux. 

Ligazóns externas editar