Bentos

organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos

En ecoloxía chámase bentos [1] (do grego βένθος bénthos, "o fondo mariño")[2] á comunidade formada polos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos como, por exemplo, ríos, lagos ou no leito mariño.[3][4] Adxectivos referidos ao bentos son bentónico (organismos bentónicos) e béntico (usado case exclusivamente no termo zona béntica). O termo bentos, foi creado por Ernst Haeckel en 1891.[5]

Arrecife de coral.
Estrela de mar.
A cigala (Nephrops norvegicus), un crustáceo marchador típico.

Características editar

O bentos distínguese do plancto e do necto, formados por organismos que viven en suspensión e se trasladan pasivamente nadan nas augas, ou que nadan activamente nelas, respectivamente.

Alí onde a luz alcanza o fondo, o que depende da profundidade e da transparencia do medio, a comunidade inclúe produtores primarios fotosintetizadores. No medio afótico (sen luz) dos fondos máis profundos, todos os organismos son consumidores, dependendo por tanto o conxunto dos animais bentónicos dos cadáveres, restos orgánicos e microorganismos que a gravidade arrastra desde niveis máis superficiais.

Un caso especial e notábel é o das biocenoses máis ou menos efémeras que se establecen en puntos das dorsais mediooceánicas, a profundidades abisais, onde se produce vulcanismo hidrotermal, con emisión de auga moi quente e cargada de sales. Nestes ecosistemas a produción primaria corre a cargo de bacterias quimiosintetizadoras, unhas de vida libre e outras simbióticas asociadas con animais.

As comunidades bentónicas máis produtivas e de maior biodiversidade, tamén probabelmente as máis ameazadas, son os arrecifes de coral. A desorganización e empobrecemento das comunidades bentónicas por certas artes de pesca, como as redes de arrastre, están entre os maiores problemas ambientais.

Moitos taxons notábeis están especializados para a súa residencia no bentos. O filo dos equinodermos (estrelas e ourizos de mar), por exemplo, está constituído por innumerábeis formas bentónicas. A orde dos pleuronectiformes (linguados e especies semellantes) é un exemplo de peixes adaptados á vida no bentos. Tamén os polbos ou as xibas entre os cefalópodos, e a clase enteira dos bivalvos, entre outros moluscos. Algúns organismos do bentos desprázanse doadamente, como os crustáceos reptadores, como a nécora ou a cigala; pero moitos outros desprázanse moi pouco, por exemplo, as ameixas ou as anemones de mar e, finalmente, outros son directamente sésiles (fixos), como as ostras, os corais ou as algas coralinas (un grupo de algas vermellas).

Fontes de alimentación editar

As principais fontes de alimento no plancto e o bentos son substancias orgánicas que chegan arrastradas desde terra firme. A profundidade da auga, a temperatura, a salinidade e o tipo de substrato local determinan o bentos que atopamos en cada lugar. Nas augas costeiras e outros lugares onde a luz alcanza o fondo, poden proliferar as diatomeas bentónicas fotosintetizadoras. Os invertebrados filtradores, como as esponxas e bivalvos, dominan os fondos duros e areosos. Os sedimentívoros, como os poliquetos, poboan os fondos brandos. Peixes, estrelas de mar, caracois, cefalópodos e crustáceos constitúen importantes depredadores e carroñeros.

Algúns organismos bentónicos, como as estrelas de mar, as ostras, as ameixas, as holoturias, os ofiuroideos e as anemones de mar, desempeñan un papel importante como fonte de alimento para os peixes e os seres humanos.

Clasificación editar

Por tamaño editar

  • Macrobentos: Comprende os organismos bentónicos máis grandes, visibles a primeira ollada, de máis de aproximadamente 1 mm de tamaño. Algúns exemplos son vermes poliquetos, bivalvos, equinodermos, anemones de mar, corais, esponxas, ascidiáceos, turbelarios e crustáceos máis grandes, como cangrexos, lagostas e cumáceos.[6]
 
Pradeira mariña
 
Equinodermos
Equinodermos (estrelas de mar)
 
Ascidia (Rhopalaea Crassa)
Ascidia (Rhopalaea Crassa)
 
Verme acuático, caracol, larvas de mosquito e anfípodos
 
Ammonia tepida (foraminífera)
Foraminífero (Ammonia tepida)
 
Gastrótico
Gastrótico
 
Copépodo
 
Tardígrado (oso de auga)
Tardígrado (oso de auga)
 
Diatomeas a través do microscopio
 
Ciliado (Paramecium bursaria)
 
Dinoflaxelado (imaxe microscópica)

Por tipo editar

  • Zoobentos: comprende os animais que pertencen aos bentos.
  • Fitobentos: comprende as plantas que pertencen aos bentos, principalmente diatomeas bentónicas e macroalgas (algas).

Por localización editar

Notas editar

  1. bentos no dicionario da RAG. Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine..
  2. Liddell, Henry George; Scott, Robert. "βένθος , εος, τό (A Greek–English Lexicon)". Perseus Digital Library (en inglés). Consultado o 26-11-2019. 
  3. Benthos en Census of Antarctic Marine Life. (en inglés) Consultada o 17/01/2013.
  4. "Census of Antarctic Marine Life". antarctica.gov.au (en inglés). 26-2-2009. Consultado o 26-11-2019. 
  5. Haeckel, Ernst (1891). Jenaische Zeitschrift für Naturwissenschaft (en alemán). Jena: Verlag von Gustav Fischer. p. 232. 
  6. Walag, Angelo Mark P.; Canencia, Mae Oljae P. (2016). "Physico-chemical parameters and macrobenthic invertebrates of the intertidal zone of Gusa, Cagayan de Oro City, Philippines" (PDF). Advances in Environmental Sciences - International Journal of the Bioflux Society VIII (1): 71–82. ISSN 2066-7647. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar