Beneficio eclesiástico

Beneficio eclesiástico era un cargo, dentro do clero secular que outorgaba rendas ao seu titular ou beneficiario, máis propiamente chamado beneficiado. Moitas veces o beneficiado non tiña necesidade de cubrir persoalmente o seu beneficio, pois podía facelo mediante un vigairo cando o titular tiña ocupacións máis altas, ou era menor de idade, ou, simplemente, non podía ou non quería desprazarse a un lugar afastado ou desagradábel por algún motivo, co que en non poucos casos os clérigos levaban unha vida pouco edificante en ambientes lonxe da súa teórica misión. Tamén se daba o caso, aínda menos xustificábel, de acumular varios beneficios.

Girolamo e o cardeal Marco Corner investigan a Marco, abade de Carrara, co seu beneficio. Tiziano, ca 1520.

Características editar

Existían diversas clases de beneficio eclesiástico: beneficio simple/duplo, beneficio maior/menor ou beneficio regular/secular. Había distintos tipos tamén entre os beneficios simples, como, por exemplo, a mordomía e a prestameira.

O beneficiado ou beneficiario era a persoa que posuía dereito a gozar do beneficio e a obriga de exercerlo. Dado que tal obriga podía delegarse nun vigairo, existían tamén as figuras de beneficiario propio e beneficiado servideiro.

As rendas destes beneficios adoitaban estar baseadas en impostos relixiosos como os décimos as primicias, en cobros polo exercicio do culto, como os dereitos de estola, e noutros ingresos, ás veces derivados de propiedades territoriais vinculadas ao beneficio como mans mortas. Pocurábase obviar que o dereito canónico prohibía cobrar ningunha cantidade pola administración dos sacramentos (pecado de simonía). De exercerse o cargo mediante un vigairo, este recibiría as congruas, e o resto o titular.

Era unha situación propia do Antigo Réxime e dos países católicos. A Reforma protestante, aínda que non afectou da mesma maneira ao clero regular e ao secular, exixía a presenza do titular dunha parroquia entre os seus fieis e, nalgunhas igrexas, era elixido por estes mesmos. Noutras confesións máis xerarquizadas, como o anglicanismo, a situación era similar á católica, coa diferenza de que os sacerdotes podían contraer matrimonio.

O fin dos beneficios eclesiásticos coincide co fin do Antigo Réxime nos países católicos do sur de Europa, desde a Revolución francesa e as revolucións liberais, cando se produce a desamortización e as rendas da igrexa foron asumidas polo Estado. A partir dos Concordatos os salarios do clero secular pasaron a ser subministrados por este, agás no caso de Francia, onde se produciu unha total separación da Igrexia e o Estado.

Fraseoloxía editar

  • A frase popular sen oficio nin beneficio fai referencia ás persoas que non teñen medios de vida.[1]
  • Existen multitude de termos que identifican a condición eclesiástica cunha vida cómoda:
    • O termo coenxía, en orixe o beneficio dun cóengo, pasou a ser sinónimo dun cargo moi codiciado polos seus elevados ingresos e a facilidade do seu exercicio, como equivalente a sinecura (termo mís correcto).
    • O mesmo pasou co termo prebenda (sendo o significado real o beneficio eclesiástico superior das colexiatas e catedrais).
    • A expresión vivir como un cura fai referencia ao mesmo.[2]
  • Unha cantiga popular galega di:
Os curas e os taberneiros
teñen moito parecido
os curas, bautizan nenos
e os btaberneiro o viño
.

Notas editar

  1. No tener oficio ni beneficio. Cita a Sebastián de Covarruvias: beneficio era o nome co que se coñecían as rendas eclesiásticas, "por seren gracias feitas e conferidas polos Romanos Pontífices".
  2. León Álvarez Vivir como un cura, en Sociedad y élites eclesiásticas en la España moderna, pg. 101.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar