A beiravía[1] é unha franxa lonxitudinal pavimentada ou non, contigua á calzada (non incluída nesta), non destinada ao uso de vehículos automóbiles máis que en circunstancias excepcionais. O conxunto da calzada e as beiravías conforma unha plataforma.

Beiravía dunha estrada

Nas estradas, a seguir da beiravía acostuma ir a gabia para a condución das augas pluviais. A faixa estreita de terra entre o bordo da gabia ou canle e o pé dun noiro feita coas terras provenientes da súa escavación, recibe o nome de berma. A berma serve de protección contra os desprendementos de terras. Téñase en conta que en lingua portuguesa berma é o termo co que se designa a beiravía.

En Galicia, e normalmente en toda Europa, a raia que a separa da calzada adoita ser continua e de cor branca e só poden transitar por ela os peóns e os ciclomotores. Excepcionalmente poderán circular por ela a velocidade anormalmente reducida, en caso de urxencia, os vehículos motorizados de ata 3500 quilogramos de masa máxima autorizada.

Nalgunhas autovías e autoestradas a liña branca ten relevo descontinuo, o que provoca que ao ser cruzada a gran velocidade se oia un ruído que serve de aviso ante un posible descoido do condutor. Nas autovías estadounidenses, en especial nas denominadas freeway, na beiravía hai unha superficie rugosa con ese obxectivo.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para beiravía.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar