Bebida enerxética

As bebidas enerxéticas ou hipertónicas son bebidas sen alcohol que conteñen substancias estimulantes e que ofrecen ó consumidor evitar ou diminuír a fatiga e o esgotamento. Ademais, aumentan a habilidade mental e achegan un incremento da resistencia física. Están compostas principalmente por cafeína, varias vitaminas, carbohidratos e outras substancias naturais orgánicas como a taurina, que eliminan a sensación de esgotamento. Non se deben confundir coas bebidas isotónicas nin con outro tipo de bebidas como as gasosas, xa que os mesmos envases advirten que non se consideran bebidas hidratantes. As altas doses de cafeína poden producir dependencia e outros efectos adversos.

Bebidas enerxéticas.

Parte da sensación de benestar producida polas bebidas enerxéticas é causada por un efecto enerxético que se produce pola acción de substancias psicoactivas. A cafeína, un alcaloide, é un dos ingredientes nestas bebidas. Ditas substancias actúan sobre o sistema nervioso central, inhiben os neurotransmisores encargados de transmitir as sensacións de cansazo ou soño e potencian aqueles relacionados coas sensacións de benestar e concentración. A cafeína, por exemplo, logra aumentar os niveis extracelulares dos neurotransmisores noradrenalina e dopamina na cortiza prefrontal do cerebro, o que explica boa parte dos seus efectos favorables sobre a concentración.

Aínda que estas bebidas inclúen na súa composición glicosa e outros azucres que proporcionan enerxía ó corpo (agás as versións dietéticas), non eliminan realmente a fatiga muscular nin o esgotamento en xeral. Soamente inhiben temporalmente esas sensacións, por tanto é normal a percepción de abatemento unha vez rematado o seu efecto no organismo. Á marxe dos efectos que producen a cafeína e o azucre, os estudos respecto diso conclúen que hai poucas ou ningunha evidencia de que a ampla variedade de ingredientes adicionais teña efecto algún.[1]

Notas editar