Bayreuth Festspielhaus

casa de ópera

O Bayreuther Festspielhaus (Teatro do Festival de Bayreuth) ou Richard-Wagner-Festspielhaus é un teatro de ópera de Bayreuth, en Baviera, Alemaña, que se dedica exclusivamente á representación das óperas compostas por Richard Wagner. É a sede do Festival de Bayreuth, para o que foi especialmente concibido e construído polo propio Wagner. Foi o lugar onde se estreou Parsifal, a derradeira ópera de Wagner (1882), así como Siegfried e Götterdämmerung, as dúas últimas partes do ciclo Der Ring des Nibelungen, que veu aquí tamén a súa primeira representación integral (1876).

Bayreuth Festspielhaus
Vista lateral do Festspielhaus
Coordenadas49°57′36″N 11°34′47″L / 49.96, 11.579722222222Coordenadas: 49°57′36″N 11°34′47″L / 49.96, 11.579722222222
editar datos en Wikidata ]

Deseño editar

Wagner adaptou o deseño, sen permiso do arquitecto, dun proxecto de Gottfried Semper para un teatro en Múnic que non chegou a realizarse e que o propio Semper reutilizou despois para o Burgtheater de Viena. A construción estivo a cargo do arquitecto Otto Brückwald, baixo a supervisión de Wagner e co apoio financeiro do rei Lois II de Baviera. A primeira pedra colocouse o día dos aniversarios de Wagner, o 22 de maio de 1872. A inauguración fíxose coa primeira representación completa das catro óperas que constitúen o ciclo Der Ring des Nibelungen, do 13 ao 17 de agosto de 1876.

 
Interior do auditorio, no presente.

O corpo principal do edificio, con estrutura de madeira, presenta unha escasa ornamentación, con muros de ladrillo, o que en ocasións lle valeu o apelativo despectivo do "celeiro". A entrada principal (Königsbau), construída en 1882 como entrada privada para o rei Lois II de Baviera con motivo do segundo Festival e a estrea de Parsifal, presenta, como contraste, a típica ornamentación de finais do século XIX, con columnas e muros de pedra. O interior está construído principalmente en madeira. En contra da tradición, o auditorio ten forma de abano graduado, sen galerías nin palcos, con visibilidade perfecta do escenario dende as 1925 localidades.

A boca do escenario presenta un dobre proscenio, que dá ó público a sensación de que a escena está máis lonxe do que realmente é. Este dobre proscenio, xunto coa disposición do foxo da orquestra e o escurecemento total da sala durante a representación (non habitual nesa época), crean, en palabras do propio Wagner, un foxo místico (en alemán: mystischer Abgrund) entre o público e a escena, o que lle dá un especial carácter ás representacións e proporcionan un reforzo físico ó contido mítico da maioría das óperas de Wagner.

O teatro mantivo o mesmo aspecto durante toda a súa historia, principalmente na parte accesible ó público. Porén, a parte escénica sufriu diversas reformas para adaptarse á evolución das tecnoloxías escénicas. As primeiras reformas fixéronse na década de 1920, coincidindo coa renovación das escenografías orixinais dos primeiros festivais, que foron incorporando escenarios tridimensionais, en lugar dos primitivos panos pintados. Entre 1958 e 1968 acometeuse unha reforma gradual de toda a estrutura do edificio, que substituíu a primitiva armazón de madeira por unha nova de aceiro e formigón.

No presente, a boca do escenario ten 11,8 m de altura e 13 m de anchura, mentres que o escenario ten unha anchura máxima de 27 m e unha profundidade de 22 m (que se pode ampliar até 40 m se se utiliza o escenario posterior). A torre escénica ten unha altura máxima de 30 m. A sala dispón de 1937 prazas, distribuídas nas 30 filas do patio de butacas (Parkett) e as tres plantas ó fondo da sala (Loge, Balkon e Galerie).[1][2][3]

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar