A batalla de Arras foi unha batalla da primeira guerra mundial producida en Arras (Francia) entre o 9 de abril e o 16 de maio de 1917.

A primeiros de 1917, os aliados estaban determinados a romper as liñas alemás, que en teoría non poderían facer fronte nunha guerra de movementos. Tras varios intentos anteriores, o exército francés tomou a iniciativa noutra ocasión. O xeneral Nivelle deseñara un grande ataque ao longo de varios quilómetros, cunha combinación de artillaría e infantaría. 80 quilómetros ao norte, os aliados iniciaron un ataque de distracción, que retería no norte de Francia un gran número de soldados alemáns.

Os esforzos iniciais centráronse entre Vimy ao noroeste e Bullecourt ao sueste. As tropas canadenses, australianas e británicas combinadas lograron certos avances, pero sen poder furar as defensas xermanas. Nos días posteriores producíronse pequenos ataques para consolidar as posicións acadadas. Aínda que territorialmente houbo poucos cambios, ambos bandos sufriron severas baixas.

Estratexia inicial editar

Cara primeiros de 1917 apenas se produciran cambios respecto a 1914. As diversas ofensivas tanto aliadas, coma xermanas fracasaran. Meses antes, a batalla de Verdún rematara sen avances territoriais. A ofensiva do Somme iniciada por franceses e británicos tampouco acadara os seus obxectivos. Os primeiros meses de 1917 supuxeron un cambio na estratexia alemá. Construíronse fortificacións de formigón ao longo da fronte, formando a denominada liña Hindenburg. Isto modificaba esencialmente as posicións alemás e a súa capacidade de defensa.

Os primeiros meses de 1917, o xeneral Nivelle convenceu ao Alto Mando británico de iniciar un ataque de distracción no río Aisne, para poder atacar o exército francés e atravesar as liñas alemás. Nivelle cría que de ter éxito, a guerra finalizaría en 48 horas. Para aumentar as posibilidades de éxito solicitouse a Rusia que realizase un ataque na fronte oriental, negándose os rusos.

Situación ao comezo editar

En abril despregáronse tropas aliadas en Arras. Na rexión xa estaban despregados tres exércitos aliados. De norte a sur situáronse o I Exército do xeneral Horne, o III Exército do xeneral Allenby e o V Exército ao mando do xeneral Gough. O comandante en xefe británico era Sir Douglas Haig e o deseñador do ataque era o xeneral Allenby. Excepcionalmente, tres divisións escocesas agrupáronse (todas pertencían ao III Exército). Tratábase da 15ª División do VI Corpo, da 9ª División escocesa e a División Highland do XVIIº Corpo. Tamén se situou preto 34ª División, composta maioritariamente de escoceses.

Fronte eles, atopábanse dous exércitos alemáns, o VI a cargo do xeneral Falkenhausen e o II, liderado polo xeneral von der Marwitz. Os dous exércitos distribuíronse formando tres grupos, de norte a sur: Grupo Souchez, Grupo de Vimy, e Grupo de Arras. Soamente había sete divisións na fronte, o resto permanecía de reserva, para facer de reforzos ou iniciar un contragolpe.

A estratexia alemá estaba condicionada polas graves perdas na batalla de Verdún e na ofensiva do Somme, optando por unha defensa en profundidade.

Batalla editar

A diferenza de combates anteriores, os esforzos británicos centráronse nunha fronte máis reducida, dunhas 40 millas. Esta área foi duramente bombardeada pola artillaría, procurando a destrución das defensas máis sólidas.

Túneles e galerías editar

Dende outubro de 1916 os aliados construíron diversas redes de túneles en torno a Arras. A composición do solo, eminentemente calcaria, era ideal para a construción dos mesmos. Realizáronse diversas galerías, sumando máis de 20 quilómetros de vías soterradas. Unha parte deles destinouse a transporte de tropas. Posuían latrinas, enfermarías e iluminación eléctrica autónoma, a expensas de pequenos xeradores de electricidade. Algúns contaban con sistemas de vías férreas para transporte de munición e outros materiais en carros de ferro. Algúns constaban de pequenos vehículos.