Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra

templo católico en Pontevedra

A basílica de Santa María a Maior de Pontevedra é un templo católico do século XVI, consagrado como basílica o 10 de xaneiro de 1962 por decreto do Papa Xoán XXIII.[1] Actualmente ten a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural de España, con número de identificación RI-51-0000828). Foi declarada monumento histórico-artístico pertencente ao Tesouro Artístico Nacional por decreto do 3 de xuño de 1931.[2][3]

Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra
Fachada.
Datos xerais
PaísEspaña
TipoBasílica
AdvocaciónSanta María
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°26′02″N 8°38′51″O / 42.433788, -8.647516Coordenadas: 42°26′02″N 8°38′51″O / 42.433788, -8.647516
Culto
CultoCatólico
DioceseSantiago de Compostela
Arquitectura
Construciónséculo XVI
EstiloGótico isabelino, plateresco
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

A basílica de Santa María é considerada a principal igrexa de Pontevedra, funcionando como catedral. Está situada no casco antigo de Pontevedra, na praza Alonso de Fonseca, xusto no mesmo lugar onde se levantaba unha pequena igrexa románica que foi demolida no século XV.[1] A parroquia de Santa María a Maior é a igrexa matriz de Pontevedra, aparecendo documentada xa antes da concesión do foro de vila en 1169. Daquel templo consérvanse o San Pedro da contraportada occidental e o pantocrátor da clave dunha capela da nave do evanxeo.

A súa construción foi encargada polo Gremio de Mareantes, a entidade civil máis antiga de Pontevedra e o gremio mariñeiro máis antigo de España. Comezou na segunda década do século XVI, dirixindo as obras o mestre Juan de Cuetos.[4]

A fachada, contratada en 1541 a Cornelis de Holanda e Xoán Nobre, comezou a construírse en 1544. Dado que boa parte do financiamento proviña do Gremio de Mareantes, en 1551 paralizáronse as obras debido á escaseza de sardiña. En 1559 pecháronse as bóvedas, e en 1570 pechouse o coro. A torre das campás aínda tardaría bastante en ser rematada. O retablo, rematado en 1623, foi derrubado e substituído a comezos do século XX, con deseño de Maximino Magariños[5].

 
Xerome de Estridón na fachada.
 
Interior.

Descrición editar

É un edificio de estilo gótico, con influencias do estilo manuelino portugués.[1]

Ten tres portas de entrada. A porta sur, a máis usada, dá á praza Alonso de Fonseca, que foi párroco da igrexa. A carón dela está a imaxe do Cristo da boa Viaxe.[6] A porta norte dá ó Campiño de Santa María, e a porta oeste está no retablo pétreo.

O templo consta de tres naves, todo el circundado na parte superior por unha crestería pétrea. No exterior, na cara sur, hai unha imaxe da Virxe do O, patroa da cidade. Debaixo dela hai un sepulcro, posiblemente de Alfonso de Baltuino.

No retablo exterior da fachada oeste que data de 1541[7] hai imaxes de San Pedro, Carlos I, Santa Catarina e San Gregorio (á esquerda da porta en sentido ascendente); San Paulo, Filipe II, San Xerome e Santa Bárbara (á dereita da porta); enriba da porta están os catro evanxelistas: San Marcos, San Lucas, San Mateu e San Xoán. Enriba deles hai un rosetón rodeado de anxos, e xunto a el dous bustos, posiblemente de Cristovo Colón[8] e Hernán Cortés. Enriba do rosetón está a Asunción da Virxe,[9] e máis arriba a Santísima Trindade, co fillo á esquerda. Arriba de todo está o Calvario, coa cruz no centro e a Virxe e san Xoán ós lados.

Na fachada no lado sur do edificio ten un arco de medio punto. Tamén presenta unha cantería manuelina coroando os muros e o ábsida do templo, que presenta unha gran xanela decorada ao estilo manuelino.[1]

No interior destaca o altar maior, feito a comezos do século XX polo tallista Magariños, en madeira de castiñeiro e nogueira. No centro aparece a Asunción da Virxe, rodeada de apóstolos e anxos, cuns baixorrelevos.[10]

Ó entrar pola porta sur e indo cara á dereita, está o altar da Virxe do Carme, Santo Antonio e Santa Rita. Despois está unha capela coa Virxe co Neno. Despois hai outra da Purísima ou da Concepción, cun retablo de madeira de cinco táboas de comezos do século XVI, obra do portugués Atayde.[1]

Nun altar de pedra está a Virxe de Covadonga, cun escudo coas armas de Diego Arango Soutomaior. Despois está a capela da Virxe de Covadonga.

O altar barroco do Cristo inclúe unha imaxe de Xesús feita no século XVII por Ferreiro, flanqueado por San Telmo e San Pascual Bailón. Na capela, fundada en 1525, están soterrados os seus fundadores.[1]

Após o altar maior, está a representación da Asunción da Virxe, rodeada de anxos e apóstolos. Á esquerda está o altar da Santísima Trindade.

A torre das campás contén unha escaleira de caracol con máis de cen chanzos. No primeiro piso móstranse antigas roupas litúrxicas e a imaxe procesional da Santísima Trindade. No segundo andar hai unha mostra de ourivaría. O terceiro é un miradoiro desde o que se ve casco antigo da cidade e a ría de Pontevedra.[11]

Galería de imaxes editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar