Babe Ruth

beisbolista estadounidense (1895–1948)

George Herman Ruth, Jr., nado en Baltimore (Maryland) o 6 de febreiro de 1895 e finado en Nova York o 16 de agosto de 1948, foi un xogador profesional de béisbol estadounidense. Disputou un total de 22 temporadas na Major League Baseball entre 1914 e 1935. Foi incluído no Salón da Fama do Béisbol en 1936.

Babe Ruth
Ruth en 1920
Exterior / Lanzador
Nado: 6 de febreiro de 1895
Baltimore, Maryland
Morto: 16 de agosto de 1948 (53 anos)
Manhattan, Nova York
Bateaba: Zurdo Lanzaba: Zurdo
Debut MLB
11 de xullo, 1914, para Boston Red Sox
Última aparación MLB
30 de maio, 1935, para Boston Braves
Estatísticas MLB
Media de bateo.342
Hits2.873
Home runs714
Carreiras impulsadas2.213
Vitorias-derrotas94–46
Earned run average2,28
Equipos
Premios e galardóns
  • All-Star (1933, 1934)
  • Series Mundiais (1915, 1916, 1918, 1923, 1927, 1928, 1932)
  • MVP da AL (1923)
  • Mellor bateador da AL (1924)
  • 12× Líder en home runs da AL (1918–1921, 1923, 1924, 1926–1931)
  • 6× Líder en RBI da AL (1919–1921, 1923, 1926, 1928)
  • Líder en ERA da AL (1916)
  • #3 Retirado por New York Yankees
  • Salón da Gama dos Boston Red Sox
  • Mellor equipo do século da MLB
  • Mellor equipo da historia da MLB
Member of the National
Baseball Hall of Fame
Inclusión1936
Voto95,13%

Traxectoria editar

Os pais de George, Kate Schamberger-Ruth e George Herman Ruth Sr., tiveron oito fillos, dos cales só dous sobreviviron á infancia. Cando era neno, os seus pais atendían unha taberna e deixábano só valéndose por el mesmo, polo que decidiron levalo, aos sete anos, a un orfanato e reformatorio, o St. Mary's Industrial School for Boys de misioneiros católicos, onde o visitaban raramente. Nese lugar era cualificado como un incorrexible pola súa indisposición para aceptar as regras. Foi un sacerdote chamado Mathas quen asumiou o papel de pai de Babe, e o encauzou na vida e no béisbol. Dende unha idade temperá mostrou cualidades para ese deporte.

Ruth coñecau a súa primeira esposa, Helen Woodford, nunha cafetería de Boston onde traballaba como camareira. Casaron o 17 de outubro de 1914, cando el tiña 19 anos e ela 17. Adoptaron unha nena chamada Dorothy en 1921 e separáronse en 1925 polas repetidas infidelidades de Ruth. Helen faleceu en xaneiro de 1929 nun incendio en Watertown, Massachusetts.

A súa actividade fóra do campo foi variada. Foi portavoz do Goberno dos Estados Unidos durante a segunda guerra mundial para adquirir bonos, visitou orfanatos e hospitais, e deu conferencias na radio.

En 1946 foille diagnosticado cancro de gorxa. Ese mesmo ano, durante unha visita á Cidade de México, o magnate de Veracruz Jorge Pasquel ofreceulle ser alto comisionado da Liga Mexicana de Béisbol, pero explicoulle que estaba cun tratamento e tiña que estar en Nova York.[1]

Fixo a súa última aparición fronte aos fans dos Yankees nunha histórica homenaxe o 13 de xuño de 1948, vinte e cinco anos despois da apertura do estadio; ademais, o número do seu uniforme (3) foi retirado.

Faleceu o 16 de agosto de 1948 aos 53 anos. O seu corpo xaceu fronte á entrada do Yankee Stadium durante dous días nos que 100000 persoas o viron por última vez.

En 1999, Associated Press escolleuno como o atleta do século.

Carreira como xogador editar

Inicios editar

Os seus inicios foron como un brillante lanzador. Con apenas vinte anos, Jack Dunn, propietario dos Baltimore Orioles, recoñeceu o seu talento e contratouno. Os lanzadores ao velo denominárono como o novo babe (bebé) de Jack Dunn, alcume que lle quedou. Apenas cinco meses despois da súa chegada a ese equipo foi adquirido polos Boston Red Sox.

Boston Red Sox editar

 
Ruth cos Red Sox en 1918

En 1916 Babe chegou á Serie Mundial e lanzou no cuarto partido contra os Brooklyn Robins. Cedeu unha carreira no primeiro tempo e non outorgou unha carreira máis nas catorce entradas que durou o partido. Foi o partido completo máis longo da historia do béisbol en Serie Mundial ata que foi superado polo terceiro partido da Serie Mundial de 2018 entre os Boston Red Sox e Los Angeles Dodgers, que se estendeu dezaoito entradas.

Dous anos despois regresou ao clásico de outono. Non permitiu ningunha carreira no primeiro partido nin cedeu carreira ata o oitavo tempo do cuarto partido. Estes números, xunto aos logrados dous anos antes, fixeron un total de 29 entradas e 2/3 sen permitir carreira, un récord que durou 43 anos.

O 5 de xaneiro de 1920, Ruth foi traspasado aos New York Yankees a cambio de 125000 dólares en efectivo e outros 300000 dólares en cesións que o propietario dos Red Sox, Harry Frazee, empregou para financiar as súas producións de Broadway. A venda de Babe Ruth aos Yankees está considerada como unha das peores transaccións da historia do deporte estadounidense. O conxunto bostoniano, cinco veces campións das Series Mundiais ata ese momento (as tres últimas con Ruth no equipo), non volveu lograr ningún campionato ata 2004. Este período de 86 anos de seca foi coñecido como "a Maldición do Bambino".[2][3]

New York Yankees editar

Xusto na temporada do seu debut cos Yankees en 1920, Ruth estableceu un récord de 54 homeruns nunha temporada, superando o que el mesmo impuxera o ano anterior con 29.

Babe era a estrela do equipo, a pesar de que o seu corpo distaba de ser o dun atleta, pois era groso de tronco e de pernas delgadas. Tanta era a súa popularidade que o campo de xogo que compartían os Yankees cos Giants, o Polo Grounds, xa non deu abondo. Construíron un novo, o Yankee Stadium, que abriu as portas en 1923; o escenario foi coñecido para a posteridade como "a Casa que Ruth Construíu".

A fama de Ruth continuou a crecer. En 1927 logrou a marca de 60 homeruns nunha temporada, que perdurou ata 1961 cando Roger Maris a superou con 61 homeruns; porén, os anotadores oficiais resaltaron que Ruth o fixo nunha temporada de 154 partidos; Maris, en cambio, fíxoo nunha de 162. Os xornalistas deportivos bautizaron a Babe como "o Gran Bambino" e "the Sultan of swat" ("o sultán da labazada").

Un feito fixo de Ruth un mito. No terceiro partido da Serie Mundial contra os Chicago Cubs en 1932, no quinto tempo, o pitcher Charlie Root levou a conta fronte ao Bambino 2-2. De pronto este sinalou as bancadas no xardín central; moitos interpretan este sinal á dirección que poría a pelota, outros como un desafío ao pitcher. O caso é que logrou un homerun, que segundo moitos, foi o de maior lonxitude no Wrigley Field, fogar dos Cubs. Os Yankees gañaron a serie por varrida, a súa terceira en catro anos.

O 29 de setembro de 1934 bateou o seu último homerun cos Yankees, e o día seguinte foi o último que vestiu o uniforme.

Boston Braves editar

Trasladouse aos Boston Braves onde xogou a súa última temporada en 1935. Xogou e foi á vez adestrador de primeira base. O 25 de maio bateou tres homeruns en Pittsburgh.

O Baker Bowl de Filadelfia foi o escenario do último partido de Ruth como profesional o 30 de maio ante os Phillies. O 2 de xuño, tras unha discusión co propietario do equipo, Emil Fuchs, anunciou a súa retirada do béisbol. Acabou a temporada cunha efectividade do 18%, a máis baixa da súa carreira, e seis homeruns. Os Braves, que ían 10-27 cando Ruth deixou o equipo, remataron o ano cun balance de 38 vitorias e 115 derrotas, a peor porcentaxe da historia moderna da Liga Nacional.

Retirouse con 714 homeruns, só superado posteriormente por Barry Bonds e Hank Aaron en toda a historia das Grandes Ligas de Béisbol.

Tralo seu retiro como xogador editar

Ruth desexaba adestrar os Yankees dende a morte de Miller Huggins en 1929. O seu desexo non se cumpriu nunca pola súa fama de irresponsable. Esta foi unha das razóns pola que asinou cos Boston Braves, pois despois da temporada esperaba tomar as rendas do equipo, mais tampouco o conseguiu. Tivo a esperanza de facelo cos Yankees e tamén cos Brooklyn Dodgers, pero outra vez foi descartado.

Ingreso no Salón da Fama editar

 
Placa de Babe Ruth no Salón da Fama do béisbol.

Ruth ingresou no Salón da Fama do Béisbol o 29 de xaneiro de 1936 xunto con Ty Cobb, Honus Wagner, Christy Mathewson e Walter Johnson, nunha cerimonia celebrada en Cooperstown, Nova York. Foron os cinco primeiros membros en ser introducidos no Hall of Fame deste deporte.[4]

Notas editar

  1. "Babe Ruth e o seu paso por México.". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2015. Consultado o 01 de novembro de 2018. 
  2. Fox Sports, ed. (2014). "Babe Ruth was tradede from the Red Sox to the Yankees 95 years ago ande a curse was born" (en inglés). Consultado o 24 de novembro de 2015. 
  3. El País, ed. (2013). "Boston borra el último rastro de la ‘Maldición do Bambino’" (en castelán). Consultado o 23 de novembro de 2015. 
  4. History (ed.). "Baseball Hall of Fame inducts first members" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de setembro de 2015. Consultado o 10 de novembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar