No fútbol, un autogol, gol en contra ou gol en propia meta é un gol no que un xogador introduce a pelota na portería do seu propio equipo, xa sexa voluntaria ou accidentalmente. Este gol acredítase ao equipo contrario como un tanto ao seu favor.

Características editar

O autogol xeralmente ocorre debido a erros da defensa ao tratar de despexar tiros cara ao arco por parte do equipo atacante. En xeral, o gol é atribuído ao xogador do equipo que se interpuxo na xogada e provocou a anotación, a condición de que o balón non levase destino de gol. No caso de que o xogador do equipo defensor interferise a traxectoria do balón de xeito accidental e que non altere o curso da xogada (por exemplo, ao rozar ou rebotar), é atribuído ao último xogador atacante en tocar o balón, debido a que o remate terminaría en gol sen importar a intervención do defensor.

Se o porteiro é o último en tocar o balón, xeralmente interprétase como un intento de parada e non como autogol, a menos que este sexa un caso especial produto dun erro ou por vontade do porteiro. Un exemplo é o que ocorre cando o balón rebota nun dos postes e dá no corpo do gardameta, para finalmente entrar. Esta xogada normalmente considérase como autogol, a menos que o rebote produciuse tras un tiro libre directo ou un penalti.

Historia editar

Nos historiais de fútbol, o autogol máis antigo rexistrado remóntase ao anotado por Gershom Cox do Aston Villa F.C. en 1888 nun partido contra o Wolverhampton Wanderers F.C.[1]

Un dos máis recordados é o que anotou o defensa colombiano Andrés Escobar durante o partido que sostivo a súa selección contra a dos Estados Unidos, xogado o 22 de xuño de 1994, no marco da Copa Mundial de Fútbol daquel ano. Ao regresar ao seu país, foi asasinado por un afeccionado encolerizado.[2]

O autogol máis rápido na historia dos Mundiais produciuse no de Alemaña 2006. Fíxoo o defensa paraguaio Carlos Gamarra, no partido disputado o 10 de xuño entre Inglaterra e Paraguai, aos 3 minutos de comezado o encontro.

Notas editar

  1. Harris, Nick (8 de agosto de 2006). The Independent, ed. "Football: Come in number 500,000". Consultado o 18/02/2009. 
  2. El Mundo (6 de xullo de 1994). "Criban a balazos ao defensa colombiano que marcou un gol en propia meta no Mundial USA". Consultado o 13-12-2007.