Asma (doenza)

enfermidade inflamatoria do aparato respiratorio

A asma é unha enfermidade inflamatoria do aparato respiratorio que provoca dificultade na respiración (dispnea).

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Este termo procede do grego 'âsthma [arquexar] + -ma (grego)

Non existe unha definición precisa da enfermidade asmática. A Estratexia Global para a Asma defínea así: "Inflamación crónica das vías aéreas en que desempeñan un papel destacado certas células . Este proceso asóciase a unha hiperresposta dos bronquios que produce episodios de sibilancias (pitos), dispnea (sensación de falta de respiración), opresión torácica e tose, particularmente durante a noite ou madrugada. Estes episodios relaciónanse xeralmente cun maior ou menor grao de obstrución do fluxo aéreo a miúdo reversible de forma espontánea ou con tratamento".

Epidemioloxía editar

A asma é unha enfermidade frecuente cuxa prevalencia varía moito dun país a outro. Afecta ó redor do 3 ó 7 % da poboación adulta, sendo máis frecuente en idades infantís.

Mecanismo de produción de Asma editar

Inda que se coñece que a asma é unha condición causada por unha inflamación crónica da vía aérea, os compoñentes precisos desta inflamación están inda por dilucidar e as causas son incertas. Moitas células inflamatorias poden estar implicadas e interactuar con outras dalgunha maneira complexa.

Existe xa unha evidencia persuasiva de que os mastocitos xogan un importante papel na resposta inmediata ó alérxeno, na asma inducida polo esforzo e no relacionado con alimentos, pero as células responsables da inflamación crónica que provocan a hiperactividade bronquial son os macrófagos, os eosinófilos e linfocitos T; todos eles aparecen activados na asma. Os linfocitos T están programados para producir certas citoquinas (células Th2) que conducen á característica inflamación eosinofílica. Esta programación comprende a células presentadoras de antíxeno, tales como as células dendrítica no epitelio de vía aérea.

O proceso de inflamación crónica pode que conduza a cambios estruturais, como a fibrose, o engrosamento ou hipertrofia do músculo liso bronquial e a anxioxénese o que pode dar lugar a unha obstrución irreversible da vía aérea.

Anatomía patolóxica editar

As lesións típicas da asma son:

  • fraxilidade do epitelio bronquial.
  • infiltrado inflamatorio do epitelio e a submucosa.
  • engrosamento da membrana basal.

Fisiopatoloxía editar

Na fisiopatoloxía da asma , existen tres fenómenos fundamentais:

  • Inflamación: no proceso inflamatorio interveñen : células e mediadores.
  • Alerxia.
  • Hiperactividade bronquial.

Formas clínicas de Asma editar

Clinicamente a asma clasifícase en catro tipos fundamentais:

  1. asma intermitente.
  2. asma persistente.
  3. asma atípica .
  4. asma refractaria.

Factores causantes da Asma editar

  • Alerxia.
  • Asma profesional.
  • Exercicio.
  • Fármacos.
  • Estrés, emocións.
  • Infeccións.
  • Refluxo gastroesofáxico.
  • Embarazo.

Asma ocupacional editar

Definido por aquel tipo de asma que é causado especificamente por exposición a un axente presente no lugar do traballo

Tratamento editar

O tratamento do asma consiste na administración de medicamentos que melloren os seus síntomas. Hoxe en día non existe cura para esta enfermidade. O tratamento é escalonado, sendo máis suave en enfermos leves e máis agresivo en enfermos graves. Non hai tampouco pautas totalmente definidas, senón que se decide de xeito individual o tratamento axeitado.

  • β-adrenérxicos: son un conxunto de substancias que permiten distender os bronquios e outras estruturas do aparello respiratorio. Empréganse en forma de inhaladores. Existen unha serie de β-adrenérxicos de acción curta e β-adrenérxicos de acción longa. Os primeiros empréganse en case todos os casos de asma, de xeito que é o enfermo o que os inhala cando o considera necesario. Teñen un papel máis importante na enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. É o caso do salbutamol. Os de acción longa, empréganse de xeito pautado. Fundamentalmente son o salmeterol e o formeterol.
  • Corticoides: nos casos leves e moderados só se empregan corticoides, coma a budesonida inhalados, que teñen moitos menos efectos secundarios. Reducen eficazmente a inflamación bronquial. Nos casos graves, ademais, empréganse corticoides por vía oral, en pastillas. Melloran a sintomatoloxía pero poden producir hipertensión arterial, diabetes mellitus, atraso no crecemento e outros.
  • Antileucotrienos: reducen a inflamación ao actuar sobre os leucotrienos, liberados en altas doses nesta enfermidade. Non son tratamento de primeira liña.
  • Inmunoterapia: consiste en modular o funcionamento do sistema inmune, xa sexa mediante anticorpos antiinmunoglobulina E ou outros.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar