Asemblea Xeral de Pensilvania

Parlamento de Pensilvania (Estados Unidos)

A Asemblea Xeral de Pensilvania (en inglés, Pennsylvania General Assembly) é o parlamento de Pensilvania, nos Estados Unidos. A súa sede está na cidade de Harrisburg, no edificio do Capitolio estatal. Conta cun total de 253 lexisladores elixidos por sufraxio universal e que integran o Senado ou a Cámara de Representantes.

Asemblea Xeral de Pensilvania
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
SedePennsylvania State Capitol
PaísEstados Unidos de América
Na rede
http://www.legis.state.pa.us
editar datos en Wikidata ]
Escudo de Pensilvania

Composición editar

 
Hemiciclo da Cámara de Representantes de Pensilvania

A actual constitución de Pensilvania, aprobada en 1968, confire o poder lexislativo á Asemblea Xeral concretando a súa estrutura bicameral no seu artigo 2º:[1]

  • O Senado: integrado con 50 lexisladores escollidos en distritos uninominais cada catro anos. Cada dous anos renóvase a metade dos senadores. O presidente da cámara é o tenente gobernador do estado, que non ten dereito de voto a non ser que haxa empate. Ademais os sendores poden elixir entre eles a un para que presida as sesións en caso de ausencia do tenente gobernador.
  • A Cámara de Representantes: suma 203 deputados electos en distritos uninominais cada dous anos.

Os candidatos que concorran ás eleccións deben cumprir determinados requirimentos: un mínimo de idade (25 anos para o Senado, 21 para á Cámara de Representantes), ser residente de Pensilvania dende, polo menos, catro anos, e ser veciño do distrito polo que se presenta dende o ano previo, como mínimo.

As sesións lexislativas comezan o primeiro martes de xaneiro para estenderse ata o final de novembro. Tales sesións realízanse diariamente.

Proceso lexislativo editar

O lexislador de calquera das dúas cámaras pode iniciar o proceso facendo unha proposta de lei. A redacción do texto co faise co asesoramento dos servizos xurídicos parlamentarios (chamados en inglés Legislative Reference Bureau) para que cumpra cos requisitos legais. Logo de ser rexistrada, ante a cámara faise a primeira letura do proposta e a presidencia derívaa á comisión parlamentaria que corresponda por temática. A comisión leva a cabo audiciencias públicas e pode aprobar a proposta, facelo con emendas, ou rexeitalo. Superada esta fase, a proposta de lei é obxecto de debate no pleno da cámara para logo ser votada.[2]

Aprobada pola cámara orixinal, envíase á outra, onde o proxecto seguirá as mesmas fases, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado. No caso de ser rexeitado a proposta de lei queda anulada.[3]

Unha vez superados os trámites parlamentarios e votado o mesmo texto por ambas cámaras, a lei é asinada polos presidentes das dúas e remítese ao Gobernador de Pensilvania. Este pode vetar as leis aprobadas pola Asemblea Xeral, mais o parlamento de Pensilvania pode revogalo se deste xeito votan dous terzos dos membros do Senado e da Cámara de Representantes.[2]

 
Recompilación das leis aprobadas pola Asemblea Xeral de Pensilvania no ano 1853

Historia editar

As orixes da Asemblea Xeral remóntanse á propia creación de Pensilvania. Cando William Penn obtivo a propiedade deste territorio do rei Carlos II de Inglaterra, deseñou un regulamento para o goberno da colonia en 1682. Deste xeito, o gobernador contaría cun Consello Provincial de 72 membros a quen lle reserva a iniciativa lexislativa. Ademais, tamén crea a Asemblea Xeral, que non debería ter máis de 200 membros e que podería emendar as leis propostas polo Consello.[4] A Asemblea reúnese por primeira vez en 1682 e lograron que Penn revisara algúns puntos como a eliminación dos votos do gobernador no Consello e redución deste a 18 membros (tres por condado).[5]

Durante a Guerra de Independencia das 13 Colonias, en 1776, Pensilvania dotouse da súa primeira constitución, que establecía un lexislativo exercido pola Asemblea Xeral, agora unicameral.[6] A Asemblea Xeral tiña amplos poderes sobre o xudicial e, sobre todo, sobre o goberno colexiado, chamado Consello Supremo Executivo. As disfuncións entre os poderes e a falta de balances entre eles levou á unha nova constitución, a de 1790, que dividiu a Asemblea Xeral nas dúas cámaras que a integran ata hoxe.[7]

Varios dos membros da convención que redactou a Constitución dos Estados Unidos de 1787 foron membros da Asemblea Xeral de Pensilvania, foi o caso de George Clymer, Thomas Fitzsimons, Thomas Mifflin, Gouverneur Morris, Robert Morris así coma Benjamin Franklin, que chegou a presidir a Asemblea Xeral aínda no período colonial.[8][9] Tamén, James Buchanan, presidente entre 1857 e 1861, foi representante entre 1814 e 1815.[10] O primeiro membro afroamericano foi o representante Harry Bass, quen gañou o escano en 1911.[11] As primeiras mulleres foron as representantes electas en 1923.[12]

Notas editar

  1. "Constitution of the Commonwealth of Pennsylvania – 1968". PA Constitution (en inglés). Consultado o 2022-09-04. 
  2. 2,0 2,1 "Making Law Pennsylvania" (PDF). pacapitol.com. 
  3. Haendler, David. "LibGuides: Pennsylvania Legislative History: PA Legislative Process". klinelaw.libguides.com (en inglés). Consultado o 2022-09-03. 
  4. Thorpe, Francis Newton (1998-12-18). "The Federal and State constitutions, colonial charters, and other organic laws of the state[s], territories, and colonies now or heretofore forming the United States of America /compiled and edited under the Act of Congress of June 30, 1906". avalon.law.yale.edu. Consultado o 2022-09-04. 
  5. "PA Government - PA House of Representatives". The official website for the Pennsylvania General Assembly. (en English). Consultado o 2022-09-04. 
  6. "Pennsylvania Constitution of 1776". Pennsylvania Historical and Museum Commission. Consultado o 2022-09-04. 
  7. "PENNSYLVANIA'S CONSTITUTION: A BRIEF HISTORY". Pennsylvania Bar Association Constitutional Review Commission. Consultado o 2022-09-04. 
  8. "The Founding Fathers: Pennsylvania". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-09-04. 
  9. "Benjamin Franklin - PA House of Representatives". The official website for the Pennsylvania General Assembly. (en English). Consultado o 2022-09-04. 
  10. "BUCHANAN, James. US House of Representatives: History, Art & Archives". history.house.gov (en inglés). Consultado o 2022-09-04. 
  11. "Rep. Harry Bass and the Philadelphia Emancipation Exposition of 1913". Pennsylvania's House Archives (en inglés). 2018-02-05. Consultado o 2022-09-04. 
  12. "First Women to Serve in State and Territorial Legislatures". www.ncsl.org. Consultado o 2022-09-04. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar