Os Asanas (posturas) son, xunto co Pranaiama (respiracións dirixidas), os dous elementos que compoñen esencialmente a parte física do Hatha-Ioga.

Práctica editar

A característica esencial dos asanas consiste no estiramento dos músculos previamente relaxados mediante traccións lentas e progresivas. Tendo en conta que en cada asana certos músculos ou grupos de músculos sofren unha tracción, hai que focalizar a atención neles e decontracturalos con coidado antes e durante a tracción, que debe ser lenta e progresiva. Os movementos repetidos e a tiróns deben proscribirse no ioga, xa que impiden a relaxación muscular, condición indispensable e previa a todo estiramento. Esta relaxación do músculo é un acto voluntario e, por tanto, consciente. Por iso os asanas requiren unha atención concentrada.

Fases editar

O centro de atención en cada asana difire segundo se trate da fase dinámica ou da fase estática e varía tamén segundo o grao de evolución do practicante. A grandes trazos, é importante concentrarse na adquisición da técnica correcta en cada asana; na relaxación dos músculos que non traballan, para unha execución económica do asana; e na respiración, para facela de maneira normal e continua.

Series editar

 
Cadro coas asanas básicas.

A orde na que se practican os asanas segue regras precisas. Nunha serie, as posturas intégranse en cadanseu lugar, complementan ou acentúan a precedente, preparan a seguinte, ou constitúen unha contra-postura equilibrante. Dentro das series-tipo de asanas lóxicas encóntrase a denominada Rishikesh, moi acaída para o mundo occidental, por ter unha duración aproximada de media hora (hai outras series moito máis longas).

Aínda que os asanas non sexan senón un aspecto do ioga, para os occidentais representan unha parte capital da súa práctica e procúranlles efectos prácticos e tanxibles, ademais de preparalos para outras formas de ioga. Os asanas obran en profundidade no noso universo interior: por unha parte sobre o plano físico e por outra sobre o plano mental, aportando calma e serenidade. Proporcionan unha gran flexibilidade e resistencia, sen causaren apenas fatiga. Constitúen, ademais, un exercicio de concentración de primeira orde.

Resumo editar

  • Os asanas non son exercicios de forza.
  • A lentitude dos movementos é esencial para a eficacia do ioga.
  • Manter a postura durante o tempo prescrito.
  • Contraer só os músculos indispensables para manter o asana e relaxar tódolos demais.
  • Dirixir a atención ás rexións do corpo ás que apunta o asana.
  • A volta á posición de partida debe facerse tamén moi lentamente.
  • Descansar algúns segundos entre dúas posturas, relaxando o maior número posible de músculos, incluídos os do rostro.
  • Se se dispuxer de pouco tempo, reducir o número de asanas, pero non aceleralos xamais.
  • Efectuar sempre os asanas na mesma orde.
  • Finalizar sempre a sesión por Savasana.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • André van Lysebeth : Aprendo Yoga. Ediciones Urano S.A., Barcelona 1985. ISBN : 84-86344-02-6 [1]

Ligazóns externas editar