As mulleres na Grecia antiga

Nas epopeas homéricas, a Antiga Grecia descríbese como unha sociedade patriarcal. Durante o desenvolvemento da cidade ao longo do século VIII a.C., establecéronse dous grandes grupos sociais baseados en criterios de exclusión: o «círculo de cidadáns», que excluía os estranxeiros (metecos) e os escravos e o «club de homes», que excluía as mulleres.

Aristóteles [1] definiu a cidadanía como a posibilidade de participar no poder político; a muller constituía, así, o sector social máis afastado da posibilidade de participar nel, por canto que, a diferenza dos metecos e os escravos, non podía converterse nunca en cidadá.

Houbo que esperar á época helenística para ver a grandes figuras femininas emerxer no mundo grego, xa en decadencia despois da morte de Alexandre Magno, tal é o caso de raíñas como Berenice, Arsínoe ou Cleopatra.

A epopea homérica editar

A principal fonte de información das mulleres nesta época é homérica: a Ilíada e sobre todo a Odisea, obras nas que se describen combates e banquetes reais, conteñen numerosos momentos da vida cotiá, onde as mulleres están na parte dianteira da escena. O carácter histórico destas descricións está evidentemente suxeito a debate: con todo, parece probábel que el ou os poetas autores destas dúas epopeas saquen a súa inspiración, nestas pasaxes, da vida cotiá da súa época, no século -VIII.

 
Fresco de «la Parisienne», palacio de Cnosos.

Nas epopeas, a muller ten un triplo papel: esposa, raíña e ama de casa. Esposa en primeiro lugar ou futura esposa, o que permite comprender a complexidade das prácticas matrimoniais gregas. Atópase en primeiro lugar o clásico sistema da reciprocidade, ilustrado pola excepción á regra de Agamenón urxindo a Aquiles a reemprender o combate. Ofrécelle unha das súas tres fillas precisando: «que sen darme agasallo leve á que queira como esposa á casa de Peleo, e ademais dareille un dote»[2]. Trátase alí dunha práctica excepcional: normalmente, o esposo debe darlle ao seu sogro presente, as ἕδνα, hêdna. A muller vai instalarse entón na casa do seu esposo, na Ilíada, na morada do pai de Aquiles. A unión é monógama no mundo dos heroes gregos como os troianos. Con todo, as prácticas matrimoniais permanecen aínda pouco formalizadas: Helena, esposa lexítima de Menelao, é tratada tamén como a esposa lexítima de Paris. Príamo derroga a regra da monogamia; ademais, o seu palacio acolle os seus fillos e as súas esposas pero tamén ás súas fillas e os seus maridos.

As esposas dos reis homéricos son tamén raíñas. Así, no canto VI da Ilíada, Hécuba pode convocar as mulleres de Troia para unha cerimonia relixiosa. No canto IV da Odisea, Telémaco visita Esparta e é acollido na sala do banquete por Helena que está ante os compañeiros do seu marido. Incluso, Arete, esposa de Alcínoo, está na sala do palacio, xunto ao seu esposo.

Polo demais, elas son amas de casa, rexendo o grego οἶκος, oikos, é dicir, a casa, o dominio. O seu símbolo é a roca: Penélope tece a súa soada tea, a exemplo de Helena. Quen representa a guerra de Troia — ou mesmo Andrómaca, á que Heitor devolve ao seu oficio no momento no que parte ao combate. El volve acoller os hóspedes, como o fai Arete por Odiseo ou Policasta, filla de Néstor, por Telémaco[3]. Por fin, deben administrar os recursos do dominio. Cando Ulises parte para Troia, é a Penélope a quen confía as chaves do tesouro.

Ao redor da esposa lexítima gravitan as serventes e as concubinas. As primeiras están a disposición da ama de casa. Así, ao final da Odisea, Odiseo mata igualmente as serventas que se deitaron cos pretendentes. Elas axudan ás esposas nos seus traballos domésticos e son supervisadas por unha intendente, personaxe central do oikos grego. A ama de cría ocupa igualmente un lugar importante, testemuñado polo papel xogado por Euriclea, ama de cría de Ulises, despois de Telémaco, adquirida por cen bois por Laertes, á que honra «do mesmo xeito que á súa esposa»[4]. As concubinas son prisioneiras de guerra, o lote do vencedor, que serven de dádivas entre reis, tales como Briseida e Criseida. Cando Troia é tomada, a muller e as fillas de Príamo son trofeos para os vencedores aqueos. As mulleres, calquera que sexa o seu status, permanecen ante todo sometidas aos homes, sexan os maridos ou, como no caso de Penélope, ao seu fillo Telémaco.

Idade de Bronce editar

 
Nausícaa e outras mulleres.

Na vida diaria, as mulleres da realeza e as escravas dedicábanse a tarefas similares. A distinción entre homes libres e escravos estaba marcada en forma máis definida. Os homes libres podían dedicarse ás mesmas tarefas que os escravos, pero só os homes libres podían levar armas e defenderen as súas cidades.

Os deberes da muller xiran ao redor da casa. O epíteto de Homero dos «brazos brancos» e os frescos da Idade de Bronce que mostran as mulleres coa pel branca e os homes tostados polo sol testifica que os traballos da muller estaban orientados de portas para dentro. A señora da casa é a que se ocupaba da familia e do fogar. As casas de Alcínoo e de Odiseo tiñan moitas escravas[5]. Todos os alimentos preparábanse na casa por escravas e eran servidos por elas.

As roupas facíanse, desde o principio ao fin, na casa, e nesta tarefa estaban implicadas as mulleres da realeza, e mesmo as inmortais, así como as escravas. As mulleres maduras, adoitaban sentar xunto ao lume a fiar e tecer. Este situábase no centro da habitación principal da casa. O feito de que Homero mostre a Helena, Penélope ou Areté sentadas xunto ao lume significa que unha muller estaba totalmente ao tanto de todo canto sucedese no seu fogar. É común atopar unha muller da realeza tecendo mentres entretiña os seus hóspedes.

 
Muller micénica.

En certos exemplos, este incesante tecer adquire un significado máxico: as mulleres están a trazar o destino dos homes. Areté, aínda que era unha raíña, puido recoñecer que o vestido que levaba Odiseo fora confeccionado no seu propio fogar[6]. O episodio de Nausícaa demostra que mesmo unha princesa consideraba que o lavado da roupa era tanto unha obrigación como unha realización digna de eloxio.

As mulleres estaban tamén encargadas de bañar e untar de aceites os homes. Homero é moi explícito nesta ocasión, pois esta tarefa non estaba reservada ás escravas nin tampouco a mulleres que como Calipso tiñan intimidade co home ao que bañaban. A nova e virxinal filla de Néstor era a que bañaba a Telémaco e dáballe masaxes con aceite de oliva, e Helena relata que en Troia era ela mesma a que bañaba e unxía a Odiseo.[7]

Outras fontes históricas tamén proporcionan testemuños sobre as tarefas usuais das mulleres da Idade de Bronce. Taboíñas procedentes de Pilos, escritas en lineal B, mencionan como tarefas das mulleres o buscar auga e preparar os baños, fiar, tecer, moer gran e recollelo. Tamén din que a ración alimenticia dos homes era dúas veces e media maior que a das mulleres.[8]

Comparada coa literatura grega posterior, a épica dá unha impresión xeralmente atractiva da vida das mulleres. Esperábase que fosen modestas, pero non enclaustradas. Andrómaca e Helena paseaban libremente polas rúas de Troia, aínda que sempre con escolta, e as mulleres aparecían no escudo de Aquiles axudando á defensa das murallas da cidade. Tamén se fala das citas de mozos e mozas fóra das murallas de Troia[9][10]. Moitas mulleres, especialmente Helena, Areté e Penélope, podían permanecer nas habitacións públicas en presenza de invitados homes sen escándalo. Non só as concubinas senón tamén as esposas lexítimas podían ser consideradas desexábeis, e aquí aínda hai pouca influencia da misoxinia que se desprende da literatura grega.

A idade escura e a época arcaica editar

Testemuños arqueolóxicos editar

 
Muller vestida ao cretense: vestido con mangas e saia con volantes, trenza, pendentes, pulseiras e colar. Terracota de Esparta, cara a 1400 a. C.

A principal fonte de coñecemento, respecto das mulleres durante a Idade Escura e o principio do período arcaico, antes da codificación das súas leis civís, é a arqueoloxía, especialmente o material obtido dos enterros de mulleres e as súas imaxes nas pezas de cerámica.[11]

Os roles do sexo estaban xa fortemente establecidos en Atenas durante a Idade Escura. Tanto os membros vivos das familias que achegaban os seus presentes ás tumbas dos seus mortos como os artesáns que confeccionaban todos os elementos que adornaban os sepulcros eran conscientes de que os contidos das tumbas, así como as súas inscricións, debían ser datos indicativos do sexo do falecido.

O sexo diferenciábase de varias formas. No período protoxeométrico (1000-900 a. C.), os enterramentos de homes e de mulleres que se facían na Ática diferenciábanse polas formas das ánforas nas que as cinzas eran enterradas ou nas que servían para marcar as tumbas. Os enterramentos de homes asociábanse normalmente con ánforas que tiñan asas no pescozo, mentres que as das mulleres levaban asas no bandullo, horizontais e colocadas na parte máis ancha destas. As ánforas con asas na parte máis ancha eran as que se usaban para levar auga, tarefa tradicionalmente realizada por mulleres.

As mulleres e a colonización grega editar

A Época Arcaica ve os gregos, constrinxidos pola estreiteza das súas terras, lanzarse nun gran movemento de colonización. A maioría do tempo, os colonos son unicamente homes: contan coa poboación indíxena para fornecerlles esposas. É o procedemento tradicional da voda por rapto. Heródoto[12] relata que os colonos atenienses fundadores de Mileto, en Caria, atacaron os autóctonos, apropiáronse das mulleres e mataron os homes. Para vingarse dos agresores, as mulleres carias xuraron non comer nunca cos seus esposos e non chamalos nunca polo seu nome.[13]

Matrimonios e tiranos editar

O matrimonio como medio de establecer alianzas atopa o seu apoxeo a partir da segunda metade do século -VII, cando moitas cidades gregas son gobernadas por tiranos. En ruptura cos feudalismos anteriores, apóianse, no entanto nelas para asentar o seu poder. Así, o ateniense Pisístrato casa tres veces: a primeira vez, cunha ateniense anónima; a segunda, cunha arxiva de alto rango; a terceira, coa filla do seu adversario Megacles, da poderosa familia dos Alcmeónidas. Ao final do século -V, Dionisio I, tirano de Siracusa, viúvo da súa primeira muller, duplica o beneficio do seu matrimonio contraendo dúas alianzas simultaneamente: as dúas esposas son fillas de grandes personaxes, unha de Locri, a outra de Siracusa.[14]

As fillas dos tiranos serven para o mesmo propósito: as familias aristocráticas rivalizan para obter a súa man. Así, Aragisté, filla de Clístenes, tirano de Sición ao principio do século -VI, tivo trece pretendentes, descendentes das grandes familias de doce cidades. Durante un ano, os pretendentes viviron no palacio de Clístenes, mantidos como os pretendentes de Penélope. Os tiranos recorreron tamén á endogamia, a falta de bos partidos para as fillas: así, Dionisio casou a un dos seus fillos coa súa propia irmá, mentres que un dos seus irmáns esposou a súa neta.[15]

En Gortina editar

Gortina era unha pequena cidade de Creta que estaba lonxe de xogar un papel importante na antiga Grecia. Con todo, entregou á posteridade tres fragmentos de pedra inscrita que constitúen o que se chamou o «Código de Gortina», que consta de sete capítulos de lexislación privada, principalmente centrada no dereito de familia.[16]

Como nas outras cidades gregas, a muller en Gortina era unha inferior. Estaba baixo a tutela permanente dun home: pai, irmán ou esposo. Se estaba protexida contra a violación, a lexislación non a distingue da sedución. O matrimonio era por esencia, a unión de dúas liñaxes: o titor dispuña do dereito de dar a súa protexida en matrimonio. Cando daba a luz aos seus fillos, o seu titor toma a decisión de conservalos ou de os expor.

Con todo, a muller gozaba en Gortina dunha autonomía moito máis grande que nas outras cidades. Podía posuír bens, xa fosen mobles ou inmóbeis. Ela adquiríaos principalmente polo seu dote: recibía a metade dunha parte da herdanza masculina, fóra de mellora (casa familiar e instrumentos agrícolas). Era libre de dispor dos seus bens: nin o seu marido, nin os seus fillos tiñan dereito de hipotecalos. En caso de divorcio ou de viuvez, o dote pertencíalle e podía utilizalo para volver casar. En cambio, parece seguro que a muller non administraba ela mesma os seus bens. Así, en caso de divorcio, o esposo conservaba a metade das rendas do dote, mesmo se era pola súa culpa.

A filla herdeira (é dicir, orfa e sen irmáns), a patrôïôkos (do grego τὰ πατρῷα, tà patrỗia, «o ben paterno»), tiña o dereito de rexeitar o que debía normalmente esposala, é dicir, o parente máis próximo. En ausencia dun parente próximo, ou en caso de rexeitamento deste último, a patroiokos era libre de casar con quen quixese (ou puidese). Se estaba xa casada, a situación variaba se existían ou non fillos: en resumo, desde o momento que tiña xa fillos que puidesen recibir a herdanza por parte da súa nai, a patroiokos era deixada nunha relativa liberdade, situación que contrastaba coa da epíclera ateniense.

En Atenas editar

Atenas é a principal fonte de información sobre as mulleres en Grecia. É difícil saber en que punto as características atenienses poden aplicarse ás outras cidades gregas.

Fillas e mulleres de cidadáns editar

 
Muller ateniense vestindo quitón, detalle do friso das Ergastinas, Museo do Louvre.

A muller ateniense era unha eterna menor, que non posuía nin dereitos xurídicos nin políticos. Toda a súa vida, debía permanecer baixo a autoridade dun titor (grego κύριος, kúrios): primeiro o seu pai, logo o seu marido, o seu fillo se era viúva ou o seu parente máis próximo.

Status editar

A súa existencia non ten sentido máis que para o matrimonio, que ocorría xeralmente entre os 15 e 18 anos. Era un acto privado, un contrato concluído entre dúas familias. Curiosamente, o grego non ten unha palabra específica para designar o matrimonio. Fálase de grego ἐγγύη, engúê, literalmente a garantía, a caución: é dicir, o acto polo cal a cabeza de familia daba á súa filla a outro home. A cidade non era testemuña nin rexistra nunha acta este acontecemento para conferirlle á muller o status matrimonial. Por iso, hai que engadir a cohabitación. A miúdo, a esta séguelle o engué. Con todo, sucede que o engué tiña lugar cando a moza era aínda nena. A cohabitación non ocorre senón máis tarde. De maneira xeral, a moza non tiña nin unha palabra que dicir no seu futuro matrimonio.

Coa súa propia persoa, a moza casada achegaba tamén o seu dote á súa nova familia. Consistía xeralmente en diñeiro. O dote non era propiedade do marido: cando a súa muller morría sen fillos ou en caso de divorcio por consentimento mutuo, o dote debía ser devolto. Cando a suma era importante, o titor da casada protexíase a miúdo mediante unha hipoteca especial, o grego ἀποτίμημα, apotímêma: un ben inmobiliario era empeñado como contrapartida, empeño materializado por un horos. A falta de reembolso do dote, a terra era embargada.

O divorcio a iniciativa da esposa non debía normalmente estar permitido: só o titor podería pedir a disolución do contrato. Con todo, os exemplos mostran que a práctica existía. Así, Hipareta, muller de Alcibíades, pediu o divorcio presentándose en persoa ante o arconte[17]. Os comentarios de Plutarco suxiren que se trataba dun procedemento normal. No Contra Onétor de Demóstenes, é o irmán da esposa, o seu titor, quen introduce a demanda de divorcio.

Era requirida unha estrita fidelidade de parte da esposa: o seu rol era dar nacemento a fillos lexítimos que puidesen herdar os bens paternos. O marido que sorprendía a súa muller en flagrante delito de adulterio tiña o dereito de matar o sedutor no acto. A muller adúltera podía ser devolta. Segundo algúns autores, o esposo burlado estaría na obrigación de facelo so pena de perder os seus deberes cívicos. En cambio, o esposo non estaba sometido a este tipo de restrición: podía recorrer aos servizos dunha hetera ou introducir no fogar conxugal unha concubina (grego παλλακή, pallakế) — a miúdo unha escrava—, pero podía ser tamén a filla dun cidadán pobre.

Un caso particular: a filla epíclera editar

 
Mulleres lavando a roupa, pelike ática do Pintor de Pan, c. -470 / -460, Museo do Louvre.

A filla chamada «epíclera» é a que se achaba como única descendente do seu pai: non tiña nin irmáns, nin descendentes de irmáns susceptíbeis de herdar. Segundo a lei ateniense, non podía herdar, pero estaba «atada (grego ἐπι) á herdanza (grego κλῆρος)». En consecuencia, debía esposar ao seu parente máis próximo: a través dela, os bens familiares pasaban ao seu marido, logo aos seus fillos, os netos do defunto. Este principio, relativamente simple, estaba na orixe de complicados casos, sobre o que non hai informacións precisas: así, se a filla epíclera estaba xa casada no momento do deceso do seu pai, ignórase se o parente máis próximo estaba no dereito de disolver o matrimonio precedente. En cambio, existen polo menos dous casos de parentes próximos divorciándose das súas esposas, e coidando das segundas nupcias destas, para casar coas fillas epícleras.

Na cidade editar

As mulleres de boa familia tiñan como principal papel manter o oikos. Eran confinadas no xineceo, literalmente a «habitación das mulleres», rodeadas dos seus serventes. Non se arriscaban fóra do dominio familiar máis que para cumprir funcións relixiosas. En cambio, as mulleres do pobo achegaban á economía familiar un complemento de recursos vendendo a súa superprodución agrícola ou artesanal: olivas, froitos e hortalizas, herbas (así Aristófanes, fai da nai de Eurípides unha vendedora de cerefolio), tecidos, etc. Os autores cómicos como os oradores testemuñan a mulleres vendedoras ao detalle de aceites perfumados, de peites, de pequenas alfaias ou mesmo de cintas. Manexaban pois diñeiro.

Metecas e escravas editar

 
Convivios e hetera, terracotas gregas de Mirina, século I, museo do Louvre.

Sábese pouco das mulleres metecas, excepto o montante do imposto que as afectaba: o grego μετοίκιον, metóikion elevábase para elas a seis dracmas anuais, fronte a doce para un home. Moitas delas seguían simplemente o seu marido, chegado a Atenas por negocios ou para seguir os ensinos dun mestre reputado. Pódese supor que o seu modo de vida era semellante ao das fillas e mulleres dos cidadáns.

Unha minoría estaba constituída de mulleres unicamente chegadas a Atenas para obter fortuna. As máis pobres acababan a miúdo prostitutas (grego πόρναι pórnai) nos bordeis d'O Pireo ou de Atenas mesma. As mulleres máis educadas podían converterse en heteras ou cortesás. Eran as compañeiras case oficiais dos homes de negocios e dos políticos atenienses. A máis soada delas era Aspasia, orixinaria de Mileto. Compañeira e segunda esposa de Pericles, pola cal abandonou a súa muller lexítima. Bela, intelixente, acollía á elite intelectual da súa época, e relacionábase de igual a igual cos homes. Como reverso da moeda, foi o branco dos autores cómicos que a describen como unha vulgar encargada dun bordel e unha intrigante.

En Esparta editar

Esparta distínguese das outras cidades gregas en que sitúa as mulleres máis ou menos en pé de igualdade cos homes; todas estaban sometidas ao Estado e o seu fin primeiro era a reprodución de soldados vigorosos e disciplinados.

A educación editar

 
Jeunes Spartiates s'exerçant à la lutte (Mozas espartanas exercitándose na loita), Edgar Degas, c. 1860, National Gallery de Londres.

Esparta presentaba a particularidade de ter un sistema educativo obrigatorio para todos e organizado polo Estado, onde outras cidades deixaban os pais como únicos responsábeis dos seus fillos. Ademais, non era só obrigatorio para os mozos, senón tamén para as mozas. O fin do sistema, para os mozos, era producir hoplitas disciplinados, para as mozas formar nais vigorosas, que parisen nenos fortes e sans. Como no caso dos mozos, comezaban á idade de 7 anos. Acabábase cara aos 18 anos, idade á cal as mozas casaban. Comprendía dous plans deportivos: por unha banda un adestramento físico para dar firmeza ao corpo; por outro, o grego μουσική, musikế, termo que para os gregos aglutinaba o baile, a poesía e o canto.

Polo que respecta ao plano deportivo, Xenofonte[18] indica que Licurgo instituíu un adestramento físico para os dous sexos, que comprendía a carreira a pé e a loita, disciplinas confirmadas por Eurípides[19]. Plutarco (Vida de Licurgo) engade a esta lista os lanzamentos de disco e de xavelina. Teócrito[20] representa a dúas mozas reclamando feramente a súa participación nas mesmas carreiras que os mozos, ao longo do río Eurotas e o seu recurso aos ungüentos, como estes últimos. Polo demais, elas adestrábanse tamén espidas. Este adestramento non era realmente unha preparación para o combate: os mozos e mozas exercitábanse por separado. Con todo, o vigor das mulleres espartanas era proverbial en Grecia: Clearco de Solos[21] (metade do século III) informa que elas se apropiaban de homes adultos e solteiros e golpeábanos para obrigalos a casaren, o que implica unha certa forza. Parece que o adestramento deportivo comprendía unha parte de equitación. Así, as figuriñas votivas atopadas no santuario de Artemisa Ortia mostran a mozas montando ao amazona.

Tratándose da musikê, as mozas tomaban parte en todas as grandes festas relixiosas das partenias —coros de virxes— das cales Alcmán é o principal autor. Os cantos eran aprendidos de memoria; permitíanlles ás mozas aprender os grandes relatos mitolóxicos, pero tamén adquirir o sentido da competición: os cantos facían alusión a concursos de beleza ou representacións musicais. As figuriñas votivas móstranas tocando diversos instrumentos. Parece que algunhas espartanas polo menos sabían ler e escribir. Así, as anécdotas, algunhas tardías, evocan as cartas enviadas polas nais aos seus fillos partidos ao combate. Gorgo, filla do rei Cleómenes I foi a única en descubrir o segredo dunha mensaxe enviada polo rei Demarato: ela fixo quitar a cera da taboíña, revelando o texto gravado na madeira.

O matrimonio editar

Durante a época clásica, atópanse dous sistemas concorrentes en Esparta: o primeiro, tradicional, era común a todas as cidades gregas. Tratábase de asegurar a prosperidade da liña familiar. O segundo sometíase ao ideal igualitario estatal: trátase de producir mozos fortes.

Desde a segunda óptica, o matrimonio producíase máis tarde que nas outras cidades: o marido tiña ao redor de 30 e a súa muller, sobre 18. Daba lugar a unha curiosa forma de inversión: a intermediaria afeitaba o cranio da esposa, proporcionáballe vestidos e deixábaa soa nunha palleira, ás escuras. O esposo, ao saír da sisitia (comida en común) reuníase coa súa muller, sempre na escuridade, e despois de ter unha relación con ela, volvía marchar para se reunir cos seus compañeiros de dormitorio. O matrimonio permanecía así secreto, até o primeiro fillo. Plutarco afirma que así, os esposos, «ignoran a saciedade e o declive do sentimento que entraña unha vida en común sen trabas[22]».

As mulleres exercían unha forma de control sobre o seu matrimonio. Se os vellos maridos eran incitados a «prestar» as súas mulleres a mozos fortes, Plutarco menciona tamén que as mulleres tomaban ás veces un amante, de modo que o neno que nacese puidese herdar dous lotes de terra en lugar dun.

Na época helenística editar

A cantidade de información dispoñíbel sobre as mulleres da época helenística é sorprendentemente ampla.

A abundancia de información sobre as mulleres da realeza pode atribuírse tanto ao impacto destas mulleres nos escritores antigos como a que elas mesmas se involucraron na actividade política dos homes.

A acción de mulleres de status menos elevado pode tamén verse en actuacións públicas, como algunhas mulleres libres, conseguiron unha maior influencia en asuntos políticos e económicos, e ao mesmo tempo, difundiron as súas opinións sobre o matrimonio, o papel da muller, a educación e a conduta nas súas vidas privadas.

A experiencia das mulleres, desde as escravas e heteras até as raíñas, foi recollida e preservada nas creacións culturais do período.

Un cómputo coidadoso das representacións da muller na escultura, comedia, cerámica pintada e outras artes mostra unha maior atención ás súas experiencias sexuais e á natureza da súa vida cotiá.

O comentario dos filósofos, na súa maior parte inclinados á pervivencia dos papeis femininos tradicionais, revela que a posición das mulleres cambiou a medida que tamén o facía a sociedade durante este período.

Esposas e nais dos conquistadores macedonios editar

 
A morte de Cleopatra, por Jean-André Rixens (1874).

A morte de Alexandre Magno trouxo cincuenta anos de guerras entre os seus sucesores e o establecemento de dinastías de macedonios: Antigónidas en Grecia, tolomeos en Exipto e Seléucidas en Asia Menor.

Entre as familias reinantes de Macedonia, a relación entre nai e fillo podía ser moito máis forte e significativa que a de marido e muller. Moitos reis macedonios permitíanse unha poligamia tanto formal como informal, razón pola cal se resistían a miúdo a conferir un status privilexiado a algunha das súas esposas (o que tería tamén aclarado cal dos seus fillos era o designado como sucesor ao trono), propiciando así un clima de intriga e loita polo poder dentro da súa corte que podía terminar coa súa propia morte a mans dunha nai famenta de poder conspirando en nome do seu fillo.

A historia móstranos as raíñas macedonias como ambiciosas, astutas, e en moitos casos, desapiadadas. Os elementos comúns destes relatos contan a eliminación, a miúdo polo veleno, de antagonistas políticos e raíñas rivais así como das súas proxenies, o asasinato do marido, e a esperanza da raíña de que podería gozar dun maior poder no reino do seu fillo do que gozaba cando era o seu marido o que ocupaba o trono. Estas son mulleres que competían nunha palestra tradicionalmente masculina e que utilizaban con toda decisión armas e técnicas de homes, ademais do veleno, reputado como «arma das mulleres».

Á parte de Cleopatra VII, as máis poderosas e ilustres das princesas macedonias foron Olimpia e Arsínoe II. Olimpia é famosa por ser a nai de Alexandre Magno. Na corte do seu marido, Filipo, Olimpia loitou contra esposas rivais, amantes e fillos con obxecto de asegurar a Alexandre a sucesión ao trono de Macedonia. Aínda que finalmente foi derrotada e condenada ao exilio, foi claramente unha muller de xenio e determinación.

Alexandre foi proclamado rei despois do asasinato de Filipo en -356. Culpouse a Olimpia desta morte, inxustamente con toda probabilidade —estaba por aquel tempo no exilio—, aínda que tiña moito que gañar cando o seu fillo, de 20 anos de idade, sucedeu o seu pai. Dous anos máis tarde, Alexandre partiu para a conquista do Imperio persa. Mentres Alexandre estaba en campaña, Olimpia presidía a corte en Macedonia. Competiu polo poder con Antípatro, ao que Alexandre deixara como o seu segundo. Politicamente, Alexandre apoiaba a Antípatro, pero nunca deixou de estar moi unido á súa nai.

Aínda que o modelo de alianzas entre nais con poder e os seus fillos foi repetido unha e outra vez, as mulleres tamén foron usadas en roles pasivos polos reis helenísticos en forma paralela á empregada polos tiranos gregos da Época Arcaica.

Os matrimonios das princesas macedonias, por exemplo, eran a miúdo arranxados polos seus maiores varóns para cimentar alianzas entre os homes, é dicir, entre estes e os maridos. Estes matrimonios dinásticos eran disoltos cando aparecían novas alianzas politicamente máis atractivas.

Por suposto, o rexeitamento unilateral dunha raíña polo seu esposo en proveito doutra podía terminar violentamente, e unha vez que os pais ou titores da esposa rexeitada se vían afectados, estas alianzas matrimoniais podían a miúdo producir enfrontamentos internacionais. Un dos matrimonios desafortunados foi o de Berenice e Antíoco.

Resto de mulleres editar

 
Figuriñas de terracota de mulleres. Arte helenística, séculos III-I a. C.

As mulleres tamén foron beneficiarias dos máis xenerosos recoñecementos de cidadanía e dereitos políticos nas cidades gregas —por razóns diplomáticas, culturais e económicas—, o que foi un fenómeno característico deste período cosmopolita.

Algunhas mulleres obtiveron concesións de dereitos políticos ou de exercicio de actividades públicas. Outras obtiveron a cidadanía honoraria e os dereitos de proxenía (privilexios outorgados aos estranxeiros) por cidades foráneas como gratitude por servizos prestados. No ano 218 a. C., Aristodama, unha poetisa de Esmirna, obtivo a cidadanía dos etolios de Lamia (Tesalia), porque a súa poesía encomiaba o pobo de Etolia e os seus antepasados.[23] Unha inscrición lembra a existencia dunha muller arconte en Istria durante o século II a. C. No século I a. C., outra muller maxistrada, File de Priene, foi a primeira muller que construíu unha presa e un acueduto. É moi probable que fose nomeada maxistrada porque prometeu contribuír coa súa fortuna privada á realización destas obras públicas.

Estas mulleres eran excepcionais, pero moitas outras continuaron sendo excluídas da participación no goberno. Pero desde entón, baixo a dominación dos monarcas helenísticos as implicacións da cidadanía e os seus privilexios foron moito menos favorables para os homes do que foran nas cidades-estado do mundo clásico. Por unha banda, o abismo entre os privilexios masculinos e femininos estreitouse, e por outro, os homes, no canto de tratar de amplialos, estiveron máis dispostos a compartir coas mulleres a diminución de privilexios que tiñan.

Aínda que o incremento da dedicación política das mulleres gregas non pertencentes á realeza era moi pequeno, unha lenta evolución no status legal, particularmente no dereito civil, estaba a producirse. Este cambio era máis apreciable nas áreas recentemente helenizadas polas conquistas macedonias que nas vellas cidades da Grecia continental.

Neste contexto de gregos desenraizados, faltos das tradicionais salvagardas dos polis, unha muller grega podería non ter un fácil recurso á protección dos seus familiares homes, e por tanto, verse obrigada tanto a gardarse por si mesma como a incrementar a súa capacidade legal para actuar no seu propio beneficio.

Exipto editar

 
Muller levando unha hidria, cara a 350 a. C., Museo Arqueolóxico do Cerámico.

Papiros provenientes de Exipto fornecían abundantes evidencias do devandito no ámbito do dereito privado, pero isto non quere dicir que haxa de sacarse a conclusión de que as leis helenísticas fosen uniformes nin que as prácticas exipcias se aplicasen noutras áreas.[24]

É necesario distinguir entre as leis que afectaban as mulleres gregas que vivían en Exipto e as que se referían ás exipcias nativas, leis estas últimas, que aínda que menos estudadas, parecen ser menos severas. As mulleres gregas cando actuaban dentro das convencións tradicionais das leis gregas, continuaban necesitando algún titor; as exipcias, non. Cando unha muller grega tiña que facer algunha declaración pública ou que incorrer nunha obrigación contractual que afectase a persoas ou propiedades necesitaba sempre dun familiar home que actuase como titor. Hai innumerables exemplos de contratos de tal clase. Documentos nos que aparece unha muller como compradora, vendedora, prestataria ou prestamista, arrendadora ou arrendataria. As mulleres estaban suxeitas, como os homes, a varios impostos que recaían sobre estas actividades comerciais. Tamén tiñan dereito a recibir e outorgar doazóns e legados, actuando sempre cos seus titores, nomeando usualmente os seus maridos e fillos como herdeiros. Ás cidadás de Alexandría, as denominadas astai, prohibíuselles facer testamento.

Ás mulleres gregas de Exipto permitíaselles, no entanto, actuar sen titores en tales situacións. A unha muller permitíaselle dirixir unha petición ao goberno ou á policía no seu propio favor, sempre que iso non implicase unha obrigación contractual nin unha indebida publicidade. Unhas pedían unha especial consideración como mulleres "necesitadas e sen defensa"; outras, alegaban merecer piedade por ser "mulleres traballadoras" e non faltaban as que pedían ser relevadas da obrigación de cultivar terreos do Estado, citando antigas decisións nas que se concedía exención ás mulleres coa exclusiva base da súa pertenza ao sexo feminino ou que "ao non ter fillos non podían subvenir ás súas propias necesidades". Viúvas ou nais de fillos ilexítimos podían dar as súas fillas en matrimonio ou colocar como aprendices os seus fillos homes. Coñecemos polo menos un caso dunha viúva que tivo o dereito a abandonar un fillo póstumo despois de obter o permiso da súa anterior sogra.[25]

Contrato de matrimonio de Heráclides e Demetria editar

A expansión dos dereitos da muller casada pode verse nun contrato de matrimonio de 311 a. C., entre un grego e unha muller que vivía en Exipto. As características máis notables deste contrato son o recoñecemento de dous códigos para a conduta matrimonial —un para o marido, outro para a esposa— e a estipulación de que ambos os cónxuxes estean suxeitos á interpretación do socialmente igual para a parella. Os dereitos e obrigacións sociais e morais recoñécenselles a ambas as partes. As potenciais indiscrecións do marido están especificadas, mentres que as da muller móstranse modestamente veladas. No contexto helenístico, as obrigacións contractuais poden ser interpretadas desta maneira: para a muller, a prohibición absoluta de relacións sexuais extramaritais; o adulterio casual, especialmente con escravas ou prostitutas, permíteselles aos homes; ningún segundo e ilexítimo fogar con outra muller cuxa presenza poida ser odiosa á esposa e cuxos fillos puidesen facer reclamacións por tal situación.

A definición do delito de adulterio segundo o xuízo realizado polo círculo social da parella e a adscrición dos bens ao cobro das indemnizacións estipuladas como penas pecuniarias, son ideais legais eloxiables. Estableceuse un fondo teórico consistente no valor do dote da esposa e unha suma equivalente achegada polo marido. O contrato prevé que se a transgresión do código moral é probada a satisfacción do tres árbitros, o fondo pasa a ser propiedade da parte prexudicada, en concepto de indemnización de danos e perdas; e como castigo, en canto ao transgresor se refire.

O documento non ten especificacións en canto a herdanzas ou división dos bens comúns en caso de divorcio. Sen dúbida non eran necesarias estipulacións explícitas respecto diso, pois xa se estableceu polos gregos, na colonia Elefantina, un modelo sobre este tema.

A participación da nai no acto de dar unha filla en matrimonio non era corrente. A noiva non rompía os seus lazos coa súa familia, pois iso permitía a posibilidade de que o pai seguise intervindo na elección do lugar no que a parella podía vivir.

O papel do pai da noiva editar

Ao progresar a era helenística, o papel do pai da noiva diminuíu. Era normal para un pai o dar unha filla en matrimonio de acordo co seu papel de titor formal, pero moitos contratos de esponsais facíanse simplemente entre un home e unha muller que acordaban compartir as súas vidas. Os dereitos da filla casada á súa autodeterminación, en contra da autoridade paterna, comezaban a afirmarse. De acordo coas leis de Atenas, Roma e Exipto, un pai podía disolver o matrimonio da súa filla aínda en contra da vontade desta. Por suposto, as leis romanas e exipcias posteriores restrinxiron a autoridade do pai sobre a filla xa casada decretando que nestes casos os desexos da filla haberían de ser un factor determinante. Se quería permanecer casada podería facelo así.

O divorcio editar

O divorcio está previsto en numerosos contratos matrimoniais, permitíndolles a marido e muller iguais oportunidades para repudiarse mutuamente. Tamén se acharon escrituras de divorcio. As estipulacións máis importantes son as que se referían á restitución do dote. Os fillos tiñan que ser mantidos polo pai, aínda que non residisen con este. Esta medida era xusta, xa que o normal era que a propiedade común quedase en mans do marido. Un contrato matrimonial de 92 a. C., que aborda a protección dos bens comúns ao longo de toda a duración do matrimonio, admite que a esposa normalmente sofre un dano financeiro tras a disolución do seu matrimonio, xa que non recibe ningunha parte dos bens do matrimonio senón, simplemente devólvenlle o dote que achegou. Este documento tamén fai constar especificamente cal debe ser a conduta sexual do marido, o que inclúe a prohibición de traer ao fogar unha segunda esposa, ter unha concubina ou un mozo amante e ter fillos con outra muller ou vivir nunha casa que non sexa a súa, apartándose así da súa esposa.

Actividades económicas das mulleres editar

A capacidade legal da muller para obter beneficios de actividades económicas incrementouse durante este período. Non só en Exipto, senón noutras áreas do mundo grego, mulleres respectables participaron cada vez máis en actividades económicas. As mulleres gregas exercían un control sobre os seus escravos, pois era corrente que figurasen nas inscricións nas que se nomeaba aos que concedían a súa manumisión. Hai 123 mulleres entre os 491 que se relacionan como liberadores nunha lista de Delfos do ano 150 a. C. Os rexistros de terras en Ceos e Tinos mostran moitos nomes femininos.

Hai unha clara evidencia da actividade económica da muller en Delos: mulleres casadas, asistidas polos seus titores, pedían diñeiro a préstamo —o que suxire que eran elas mesmas, máis ben que os seus maridos, as responsables das súas débedas particulares— e esposas de prestamistas aparecen rexistradas como "conformes" cos préstamos concedidos polos seus esposos.

En Amorgos, hai tamén inscricións que mostran os esposos facendo contratos concernentes a propiedades coa explícita conformidade das súas mulleres.[26] Unhas cantas mulleres mereceran recoñecemento por xenerosas contribucións feitas da súa fortuna persoal. Non obstante, aínda que os titores familiares non son citados especificamente, eles tomaban parte nas operacións, polo menos nunha especie de ficción legal.

En Esparta editar

Esparta foi unha excepción, pois alí as mulleres empregaban o seu diñeiro como querían, a despeito da desaprobación ocasional que puidesen facer os parentes homes.

As mulleres de Esparta constituían un conspicuo grupo de mulleres ricas. As máis ricas da Esparta helenística eran a nai e a avoa do rei Agis. As mulleres posuían os dous quintos das terras, e sempre se opuxeron ás reformas económicas que redistribuísen a riqueza de Esparta. Como os homes de alta posición, tamén presentaban a miúdo cabalos de raza nas carreiras dos xogos olímpicos con obxecto de atraer a atención cara a elas mesmas e á súa prosperidade económica. Os seus nomes aparecen rexistrados en listas de participantes e de gañadores. Dous espartanas, Cinisca e Eurileonis, e unha cortesá, Bilitisque de Argos, que foi concubina de Tolomeo II, foron as primeiras mulleres cuxos cabalos gañaron en Olimpia.[27][28][29][30][31][32] As fillas de Polícrates de Argos foron vencedoras nas Panateneas, a principios do século II a. C.

En Atenas editar
 
Un dos últimos monumentos funerarios deste tipo antes da lei de Demetrio de Falero prohibíndoos. Cara a 325-310 a. C., Museo Arqueolóxico do Cerámico.

En Atenas, contrastando con outras partes do mundo grego, houbo moi pouca, por non dicir ningunha emancipación legal ou económica da muller. De feito, entre 317 e 307 a. C., durante o goberno de Demetrio de Falero, houbo menos liberdade que no período clásico. A lexislación de Demetrio reflectía as ideas éticas de Aristóteles, quen cría que a parte intelectiva da alma feminina era débil e necesitaba dunha supervisión.[33] Demetrio estableceu unha xunta de gynaikonomoi —unha especie de supervisores da muller—, que censuraban a súa conduta e mesmo controlaban a prodigalidade en festas e banquetes.[34] Aristóteles opinaba que a supervisión da conduta das mulleres era conveniente para regular as extravagancias das clases ricas, xa que as pobres carecían de escravos e víanse obrigadas a enviar as súas mulleres á rúa a facer recados coma se fosen serventas.[33] As mulleres ricas e independentes, como as espartanas e as prostitutas, podían presumir das riquezas que realmente posuían, pero a esposa dun home rico, debía ser un emblema da prosperidade do seu esposo. Ata que a regulación en Atenas da conduta das mulleres, especialmente no referente á restricións nos banquetes suntuarios, constituíse realmente unha limitación ás extravagancias dos homes.

Notas editar

  1. Política, III, 1
  2. Homero, Ilíada, IX.146-147
  3. Ilíada VI, 490.
  4. Odisea (I, 428-433).
  5. Homero, Odisea, 7.103; 22.420-23.
  6. Homero, La Odisea, 7.233-36
  7. Calipso: Homero, Odisea, V.265.
  8. F.F.J. Trisch, The Women of Pylos; L.R. Palmer, The Interpretation of Mycenaean Greek Texts, pp. 96, 98.
  9. Ilíada, 18.514-15.
  10. Iliada, 22.126-28
  11. Donna C. Kurtz y John Boardman, Greek Burial Customs
  12. Heródoto, Historia, I, 146.
  13. Cf. Jean Rougé: «La colonisation grecque et les femmes», en Cahiers d'histoire número 15 (1970),p. 307-317.
  14. Plutarco, Vidas paralelas, Dión, III, 2) e Diodoro Sículo, Biblioteca histórica XIV, 44, 3.
  15. Cf. Louis Gernet, «Mariages de tyrans», Droit et institutions en Grèce antique, Flammarion, coll.
  16. Cf. Edmond Lévy, La Grèce au Ve siècle de Clisthène à Socrate, Seuil, 1995, p. 180-183.
  17. Plutarco, Vidas (Alcibíades, 8).
  18. Jenofonte, República de los lacedemonios, i, 4.
  19. Eurípides, Andrómaca v. 595-601.
  20. Teócrito, Idilios, xviii, 22-25).
  21. Clearco de Solos, Fgt. 73 Werhli.
  22. Plutarco, Vida de Licurgo, xv, 10).
  23. Inscriptiones Graecae IX 2, 62
  24. Caire Préaux, Le status de la femme à l'époque hellénistique, principalment en Egypte.
  25. Berliner Graeci Inscriptionis Selectae. 1140.
  26. Para documentación epigráfica, véase David Schaps, Women and property in Classcial and Hellenistic Greece, e M.I. Finley, Studies in Land and Credit in Ancient Athens, 500-200 a. 
  27. Plutarco, Vida de Agis y Cleómenes, iv, 7.
  28. Aristóteles, Política, 2.6.11 (1270a).
  29. Pausanias, Descripción de Grecia iii, 17, 6.
  30. Pausanias, iii, 8, 1.
  31. Pausanias, vi, 1,6.
  32. Pausanias, v, 8, 11.
  33. 33,0 33,1 Aristóteles, Política, 1, 5, 6-7 (1260a).
  34. Sobre o gynaikonomoi en Atenas e noutras cidades, véxase C. Whrli: Les gynécomes, e Claude Vatin: Recherches sur le mariage et la condition de la femme mariée à l'époque hellénistique.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Calero Secal, Inés (2004). Calero Secal, Inés (2004). La capacidad jurídica de las mujeres griegas en la época helenística. Málaga: Universidad de Málaga. Servicio de Publicaciones e Intercambio. ISBN 978-84-9747-044-5. 
  • Keuls, Eva C.: The Reign of the Phallus. Sexual Politics in Ancient Athens. Berkeley: University of California Press, 1985. ISBN 0-250-07929-9.
  • Mossé, Claude: La Femme dans la Grèce antique [1983]. Complexe, 1991. ISBN 2-87027-409-2.
  • Pomeroy, Sarah B.: Goddesses, Whores, Wives, and Slaves: Women in Classical Antiquity. Schocken, 1995. ISBN 0-8052-1030-X.
  • —: Diosas, rameras, esposas y esclavas: mujeres en la antigüedad clásica. Akal (2.ª edición), 1990. ISBN 84-7600-187-8.
  • —: Families in Classical and Hellenistic Greece: Representations and Realities. Oxford: Oxford University Press, 1999. ISBN 0-19-815260-4.
  • Spartan Women. Oxford (RU): Oxford University Press, 2002. ISBN 0-19-513067-7.
  • Préaux, Claire: «Le Statut de la femme à l’époque hellénistique, principalement en Égypte», en Recueils da société Jean Bodin (páx. 127-175), II, 1959.
  • Vérilhac, A.-M.: «L'image de la femme dans les épigrammes funéraires grecques», La femme dans le monde méditerranéen, I. Antiquité, Travaux da Masion de l'Orient, 10, Lión, Maison de l'Orient, 1985.
  • —: Lle mariage grec du VIe siècle avant J.-C. à l'époque d'Auguste, BCH Suppl. 32, París 1998.
  • Vidal-Naquet, Pierre: «Esclavage et gynécocratie dans la tradition, le mythe et l’utopie». En Le Chasseur noir (páx. 267-288), La Découverte, coll. «Poche», 1995. ISBN 2-7071-4500-9.