As Burgas

mananciais de auga quente na cidade de Ourense

Coordenadas: 42°20′05″N 7°51′54″O / 42.33472, -7.86500 As Burgas son uns mananciais de augas termais que se localizan na cidade de Ourense. Deles brotan unhas augas silicatadas, fluoradas, litínicas e hipertermais, a unha temperatura entre 64 e 68 °C cun caudal de 300 litros por minuto. Estas augas son aplicables a diferentes tipos de dermopatías.

Xunto coa catedral e a Ponte Maior, son un dos símbolos da capital ourensá, á que se lle deu en chamar "Cidade das Burgas". Estes mananciais foron declarados Conxunto Histórico-Artístico no ano 1975.

Composición da auga editar

A composición da auga das Burgas, segundo a análise feita polos doutores Souto e Bermejo en 1990, é a seguinte:

 
Composición química das augas das Burgas.
  • pH............................ 7,56
  • Residuo seco.......... 649,2 mg/l
  • Litio......................... 1,14 mg/l
  • Sodio...................... 102,2 mg/l
  • Potasio................... 8,15 mg/l
  • Rubidio................... 0,16 mg/l
  • Cesio...................... 0,11 mg/l
  • Calcio..................... 11,2 mg/l
  • Magnesio............... 0,69 mg/l
  • Boro....................... 1,24 mg/l
  • Cloruro................... 25,0 mg/l
  • Fluoruro................. 13,49 mg/l
  • Bicarbonato........... 462 mg/l
  • Nitrato.................... 0,33 mg/l
  • Sílice...................... 71,8 mg/l

Orixe do nome editar

A orixe do nome das Burgas non está moi clara. Para algúns autores pode proceder de celta "beru" que quere dicir quente, pero a etimoloxía máis aceptada é a que provén do latín "burca" que quere dicir pía, en alusión ós baños utilizados polos romanos como balnearios.

 
A Burga de Abaixo.

Mananciais editar

Son tres mananciais: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ó século XVII; a Burga do Medio, pegada ó muro e de estilo moderno; e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. Tamén se atopa neste conxunto a réplica das catro aras romanas atopadas na cidade, a primeira delas en honor das Ninfas desas augas ofrendada por Calpurnia Abana Aeboso, que é o primeiro nome coñecido dun habitante da cidade de Ourense.

Como dato curioso podemos comentar que antigamente as paisanas usaban a fonte para escaldar os polos e quitarlle así as plumas de forma máis doada.

Tampouco está clara a orixe destes mananciais: unha lenda di que nacen debaixo da capela do Santo Cristo, na Catedral, e outra di son causadas por un volcán en repouso que está na base do Montealegre e que nalgún momento podería chegar a estoupar. Tamén se di que a alta temperatura das augas se debe a que o manancial se atopa xusto por riba do inferno.

A comezos de 2005, por mor dunhas escavacións non autorizadas asociadas á construción dun novo balneario, resultou perforado un dos pozos que alimentan as Burgas, perdéndose un 40% do caudal, e secando un dos canos principais das fontes polas que xorden as augas.

O 28 de xullo do 2010 inaugurouse a nova piscina termal na Burga do Medio, obra do arquitecto galego César Portela[1]. Ó principio, esta piscina termal era de pago, pero en xaneiro do 2013, converteuse nunha piscina termal gratuíta.

Lendas editar

Conta a lenda que había un ermitán chamado Pedro en Ribadavia, que era quen traía as augas quentes a esta vila. Un día enfermou e creu morrer, pero un pastor que andaba por aí chamou un médico e curou. Desde aquela, Pedro e o pastor fixéronse amigos e este leváballe comida ó ermitán. Había tamén unha moza, Aurora, filla dun adegueiro, que estaba namorada do pegureiro, se ben este rexeitábaa por crer que a moza era unha enviada do demo. Aurora, para vingarse do desprezo do mozo, roubou un cáliz na igrexa e agochouno no zurrón do mozo, acusándoo por ladrón, polo que foi perseguido polos veciños de Ribadavia, apedreado e morto.

Cando Pedro o soubo, desviou as augas quentes desde Ribadavia a Ourense, e fixo que xurdiran nas Burgas. El mesmo marchou a vivir a esta cidade [2].

Outra lenda conta que unha muller nonb gardou o descanso debido dos días festivos e foi lavar a roupa ás Burgas o día de Santo Antón, asegurando que, xa que o Santo non lle ía lavar a roupa, tería que facelo ela. Pero no momentyo de meter as mans na auga, sufriu a amputación dun brazo. Dise que ese brazo se conservaba no convento de San Francisco desta cidade.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "Ourense estrea un novo espazo termal no corazón da cidade". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 03 de xaneiro de 2011. 
  2. Vítor Vaqueiro, 96-97.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, Galaxia, Vigo 2011.