Arturo Noguerol

avogado e intelectual galego

Arturo Noguerol Buján, nado en Ourense o 6 de maio de 1892 e asasinado en Serantes (Ferrol) o 12 de setembro de 1936, foi un avogado e intelectual galeguista.

Arturo Noguerol
Arturo Noguerol, retrato en '"Vida Gallega"
Nome completoArturo Noguerol Buján
Nacemento6 de maio de 1892
 Ourense
Falecemento12 de setembro de 1936
 Serantes
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Salamanca
Ocupaciónavogado e escritor
XénerosEnsaio
OrganizaciónIrmandades da Fala
Grupo Nós
Na rede
Galiciana: 276181
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Naceu en Ourense, onde estudou o bacharelato con Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Manuel Martínez Risco. Fixo a carreira de Dereito na Universidade de Salamanca entre os anos 1910 e 1915. En 1915 abriu o seu despacho no nº 10 da rúa Padre Feixóo, onde estivo logo a administración e a xerencia da revista Nós.

Amigo tamén de Vicente Risco, con quen coincidiu no cenáculo ourensán, participou na publicación La Centuria, da que foron xerentes, e que foi de vital importancia para a expresión dunha xeración de intelectuais ourensáns antes da súa conversión ao galeguismo das Irmandades da Fala, da man de Antón Losada Diéguez, e que posteriormente sería a Xeración Nós.

O seu artigo "La patria", publicado en La Centuria, foi un dos primeiros testemuños que se emitiu a prol do galeguismo e serviu de punto de partida para constituír a Irmandá Rexionalista d'Ourense en 1918. Publicou once artigos na revista Nós, catro artigos en La Centuria, dous n'O Tio Marcos d´a Portela, outros seis na revista A Nosa Terra, dous en La Billarda e dous en La Zarpa. O 15 de setembro de 1930 publicou o seu derradeiro artigo no nº 81 de Nós, titulado “Notas políticas”. A partir de entón retirouse da vida política e literaria.

Foi secretario de administración local e exerceu no Pereiro de Aguiar, Avión, Rianxo e Serantes. Durante a revolución de 1934, cando era secretario do concello de Serantes, foi detido por posesión de arma de fogo, mais foi exonerado. Tras o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido polos sublevados por propagar noticias tendenciosas, e encadeado na prisión da Escollera de Ferrol. Foi procesado, e logo de comprobar a súa inocencia, o xuíz militar ordenou a súa liberación. Foi novamente detido por elementos paramilitares. Na tarde do 11 de setembro de 1936 introduciron a Noguerol con outras doce persoas nun autobús e na noite seguinte executáronos no cemiterio parroquial de Serantes na estrada da Coruña a Ferrol, onde foron soterrados.

Obra editar

 
Placa na casa onde viviu Noguerol, en Ourense

* Parolas sobre a propiedá, 1918 (publicado en La Región).

Vida persoal editar

Casou con Eloísa Martínez Carballo o 21 de xaneiro de 1924. Tiveron dous fillos nados en Ourense: Eloísa e Pedro Arturo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar