Articulación (anatomía)

medio de contacto que fai a unión entre dous ou máis ósos próximos

En anatomía, unha articulación é o medio de contacto que fai a unión entre dous ou máis ósos próximos. A parte da anatomía que se encarga do estudo das articulacións é a artroloxía. As funcións máis importantes das articulacións son de constituír puntos de unión do esqueleto e producir movementos mecánicos, proporcionándolle elasticidade e plasticidade ao corpo, ademais de seren lugares de crecemento.

Articulación típica (denominacións en inglés)

Para o seu estudo, as articulacións poden clasificarse atendendo a dous criterios:

  • Pola súa estrutura (morfoloxicamente).
  • Pola súa función (fisioloxicamente).

Morfoloxicamente, os diferentes tipos de articulacións clasifícanse segundo o tecido que as une en varias categorías: fibrosas, cartilaxinosas ou sinoviais.

Fisioloxicamente, o corpo humano ten diversos tipos de articulacións, como a sinartrose (non móbil), sínfise (con movemento monoaxial) e diartrose (maior amplitude ou complexidade de movemento).

Introdución editar

O corpo do adulto está formado por 207 ósos aproximadamente, os cales son ríxidos e serven para protexer os órganos brandos do organismo humano. Os ósos están formados na súa maior parte por calcio, e á súa vez axudan ao equilibrio deste mineral (homeostase).

Os ósos forman o esqueleto, o cal se divide en dous:

  • Esqueleto axial: formado por cabeza, pescozo e ósos do tronco (costelas, esterno, vértebras e sacro).
  • Esqueleto apendicular: formado por ósos dos membros, incluídos os que forman as cinturas pectoral e a pélvica.

Os ósos son afectados por diversas enfermidades, igual que os músculos. Os músculos caracterízanse pola súa capacidade para contraerse, polo xeral en resposta a un estímulo nervioso. A unidade básica de todo músculo é a miofibrila, estrutura filiforme moi pequena formada por proteínas complexas.

As articulacións son zonas de unión entre os ósos ou cartilaxes do esqueleto e pódense clasificar en base a diversos criterios, como a súa estrutura ou a súa función.

Clasificación estrutural editar

As articulacions pódense clasificar segundo o tecido do cal están formadas, como se mostra a continuación:

Sinoviais, diartroses ou móbiles editar

 
Ilustración dunha articulación sinovial (diartrose)

Permiten realizar unha ampla gama de movementos. As sinoviais divídense en subarticulacións:

  • Articulacións en bisagra, xínglimo ou troclear: as articulacións en bisagra son articulacions sinoviais onde as superficies articulares están moldeadas de maneira tal que só permiten os movementos no eixe perlateral (plano mediano ou saxital) e só poden realizar dous tipos de movementos, flexión e extensión. Por exemplo, o cóbado, articulación umerocubital (umeroulnar), o xeonllo, fémuro tibial e nos dedos, na articulación entre as falanxes proximais e medias e as falanxes intermedias e distais.
  • Articulacións en pivote ou trocoide: son articulacions sinoviais onde as superficies articulares están moldeadas de forma parecida a un pivote, só permiten movementos no eixe lonxitudinal e os únicos movementos permitidos son os movementos de rotación lateral e rotación medial. Por exemplo, a articulación occipitoatlontoide do pescozo (atlas-axe), do cóbado (radiocubital ou radioulnar proximal), da base cranial ou a existente entre o úmero e o cúbito. A pivotante do pescozo permite voltear a cabeza e a do cóbado permite torcer o antebrazo.

Articulacións multiaxiais: permiten os movementos en 3 ou máis eixes:

  • Articulacións esféricas ou enartrose: teñen forma de bóla e receptáculo e caracterizanse polo libre movemento en calquera dirección, como por exemplo, a cadeira coxofemoral e a glenoumeral.

Articulacións biaxiais: permiten movemento ao redor de 2 eixes:

  • Articulacións planas, deslizantes ou artrodias: son articulacións sinoviais que se caracterizan porque as súas superficies articulares son planas e só permiten movementos de deslizamento; exemplos, articulación acromioclavicular, articulacións intercarpianas.
  • Articulacións en "sela de montar" ou de "encaixe recíproco": reciben o seu nome porque a súa forma é similar á dunha sela de montar. Por exemplo, a que está entre o primeiro metacarpiano e o óeso do carpo (articulación carpometacarpiana do polgar).
  • Articulacións condiloideas ou elipsoidais: fórmanse onde dous ósos se encontran unidos de forma irregular e un óso é cóncavo e outro convexo.

Fibrosas, sinartroses ou inmóbiles editar

Estas articulacións son unións de ósos nas que participa un tecido fibroso, uníndoos. A mobilidade destas articulacións queda definida pola lonxitude das fibras do tecido. A modo de exemplo cabe citar as articulacións das costas, as do sacro, as do cranio nas partes da unión entre o parietal, occipital, frontal e temporal, algunhas do noelo e as da pelve. Mais, as articulacións da columna non son totalmente inmóbiles, xa que son o suficientemente flexibles como para permitir algún movemento e manter o seu papel de soporte da columna vertebral.

Hai 3 tipos de articulacións fibrosas:

  • Sindesmoses: unións semiinmóbiles, onde unha membrana une os ósos.
  • Suturas: poden ser planas, dentadas ou escamosas (están principalmente no cranio).
  • Esquindileses: tipo de articulación fibrosa que se encuentra unicamente na unión entre o vómer e a crista do esfenoide.

Cartilaxinosas, semiartroses ou semimóbiles editar

 
Representación dun disco intervertebral, un dos tipos de articulación cartilaxinosa

Este tipo de articulacións realízase entre cartilaxe e óso, non permiten tanto movemento como as móbiles. Poden ser sincondroses cando están feitas de cartilaxe hialino ou ben sínfises cando son de fibrocartilaxe, son de dous tipos:

  • Articulacións cartilaxinosas primarias, que son unións pasaxeiras entre ósos por medio de cartilaxes como as unións entre partes dun mesmo óso en crecemento.
  • Articulacións cartilaxinosas secundarias ou sínfises, que son unións cartilaxinosas entre dous ósos por unha cartilaxe moi robusta, moi pouco movibles e definitivas. Exemplo: sínfise pubiana.

Clasificación funcional editar

As articulacións tamén poden clasificarse funcionalmente, segundo o grao de mobilidade que permitan realizar.

Diartroses ou articulacións móbiles editar

 
Diartroses: 1-Triaxial ou anertrose; 2-Condilar ou elipsoide; 3-Selar; 4-Xínglimo; 5-Xínglimo atípico ou dobradizo.

O termo diartrose procede do grego día, separación, e arthron, articulación. Son as máis numerosas no esqueleto. Estas articulacións caracterízanse pola diversidade e amplitude dos movementos que lles permiten desempeñar aos ósos. Posúen cartilaxe articular ou de revestimento en ambas as partes da articulación. Un exemplo típico de diartrose é a articulación glenoumeral, a articulación que une o úmero coa escápula. No contorno da cavidade glenoide áchase o rodete marxinal ou rodete glenoide. As dúas superficies articulares están unidas pola cápsula que se fixa ao redor da cavidade glenoide da escápula e do colo anatómico do úmero. A cápsula está reforzada exteriormente por ligamentos extracapsulares e interiormente está tapizada pola sinovial. Os movementos varían segundo o tipo de diartrose:

  • Enartrose: as superficies articulares que interveñen son esféricas ou case esféricas, unha cóncava e unha convexa. Realizan todos os movementos posibles no espazo (articulación multiaxial), como por exemplo a articulación glenoumeral e a coxofemoral.
  • Condilartrose: as superficies articulares son alongadas, unha convexa e unha cóncava. Efectúan todos os movementos posibles, a non ser o de rotación.
  • Trocleartrose: as superficies articulares son unha polea ou tróclea e dúas caras separadas por unha crista. Executan os movementos de flexión e extensión. Por exemplo, a articulación do cóbado.
  • Encaixe recíproco: cada unha das superficies articulares é cóncava nun sentido e convexa no outro, en forma de sela de montar. A convexidade dunha superficie corresponde á concavidade da outra. Menos a rotación, realizan todos os movementos, pero con pouca amplitude.
  • Trocoide: as superficies articulares son un eixe óseo e un anel osteofibroso. Posúen un movemento de rotación, como por exemplo o atlas coa apófise odontoide do axe.
  • Artrodia: as superficies articulares son máis ou menos planas, e deslízanse unha sobre da outra. Posúen un movemento noaxial con escaso desprazamento.

Anfiartrose ou articulacións semimóbiles editar

Este tipo de articulacións mantéñense unidas por unha cartilaxe elástica e presentan unha mobilidade escasa, como a unión dos ósos da pube (sínfise da pube), que durante o parto realiza un movemento moi amplo, e a articulación entre os corpos de vértebras adxacentes.

Podemos diferenciar dous tipos:

  • Anfiartroses verdadeiras: as superficies articulares encóntranse recubertas por finos discos de cartilaxe hialina, disco fibroso ou cartilaxinoso e ligamentos periféricos. Inclúen as articulacións dos corpos vertebrais, a sacrococcíxea e a sacrovertebral.
  • Diartroanfiartrose: subtipo de articulación cuxas características a colocan entre as diartroses e as anfiartroses debido á súa posibilidade de presentar unha cavidade articular dentro do ligamento interóseo, como a articulación da pube, a sacroilíaca e a esternal superior.

Sinartroses ou articulacións inmóbiles editar

Estas articulacións mantéñense unidas polo crecemento do óso, ou por unha cartilaxe resistente. Son articulacións ríxidas, sen mobilidade, como as que unen os ósos do cranio, ou cunha mobilidade moi limitada, como a unión distal entre ulna e radio. Subdivídense á súa vez en diversos tipos:

  • Sincondrose: o tecido que serve de unión na articulación é cartilaxinoso, como nas articulacións esfenooccipital, petrostiloidea e vomeroetmoidal.
  • Sinfibrose: o tecido que serve de unión na articulación é fibroso. A forma do bordo de unión da articulación permite subdividir este tipo noutras catro:
    • Sinfibrose escamosa: bordos en bisel, como se observa na articulación parietotemporal.
    • Sinfibrose harmónica: bordos rugosos, como se observa nas articulacións nasonasal, nasomaxilar e unguimaxilar.
    • Gónfose: inserción do dente no óso maxilar superior e inferior.
    • Esquindilese: unha superficie con forma de crista articúlase cunha fenda, como sucede na articulación do vómer coa crista do esfenoide.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar