Arquivo do Reino de Galicia

Coordenadas: 43°22′8.52″N 8°23′27.17″O / 43.3690333, -8.3908806

O Arquivo do Reino de Galicia é un arquivo cuxa titularidade pertence ao Ministerio de Cultura e cuxa xestión está cedida á Xunta de Galicia desde 1989. Atópase na Cidade Vella da Coruña.

Edificio principal do Arquivo do Reino de Galicia. Fachada que dá ao Xardín de San Carlos.

Exerce funcións de Arquivo Histórico Xeral de Galicia e de Arquivo Histórico Provincial da Coruña, polo que custodia a documentación de eido galego ou provincial que producen as administracións locais, autonómicas e estatais.

Arquivo.

Historia editar

As súas orixes datan da Real Cédula emitida por Carlos I de Castela o 3 de febreiro de 1529 e dunha Real Provisión do mesmo monarca e a súa nai, a raíña Xoana I de Castela do 1 de marzo de 1543, cando se ordenou a salvagarda e custodia dos procedementos da Real Audiencia de Galicia, un organismo creado polos Reis Católicos mediante diversas disposicións a partir de 1480. O seu inicio formal data da Real Cédula de Carlos III emitida o 22 de outubro de 1775, cando se crea o Arquivo, asignándolle tamén persoal e unhas normas de funcionamento. A súa sede orixinal era o Palacio da Real Audiencia, un edificio que actualmente alberga a Capitanía Xeneral, onde permaneceu até o seu traslado en 1936 aos sotos do Palacio de Xustiza.

En 1898 o arquitecto Luis Bellido redactou o primeiro proxecto de construción dun edificio propio, ao que seguiron outros proxectos de Pedro Mariño (1923), Rafael González Villar e Leoncio Bescansa (1929). Finalmente, en 1956 o Arquivo foi trasladado á súa actual localización, xunto ao Xardín de San Carlos, nun edificio concibido por Antonio Tenreiro e inaugurado en 1955.[1]

O núcleo dos fondos do Arquivo provén dos procedementos da Real Audiencia de Galicia. Porén, desde mediados do século XIX foi adquirindo fondos de orixe diversa, até chegar a máis de 250. O Arquivo alberga fondos que se remontan, no caso de diversos diplomas en pergamiño, ao século IX.

Manuel Murguía exerceu de xefe do arquivo de 1870 a 1875.

En 2008 foille concedido o Premio da Crítica Galicia dentro da categoría "Iniciativas culturais".

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Agrasar, Fernando, ed. (2007). Antonio Tenreiro 1893-1972 (en castelán). COAG. ISBN 978-84-96712-08-9. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar