Armariz, Nogueira de Ramuín

parroquia civil do concello de Nogueira de Ramuín

San Cristovo de Armariz é unha parroquia do concello ourensán de Nogueira de Ramuín na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 204 habitantes (101 homes e 103 mulleres) distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución de 15 habitantes en relación ao ano 2000.

Armariz
Igrexa de San Cristovo de Armariz.
ConcelloNogueira de Ramuín[1]
ProvinciaOurense
Coordenadas42°22′27″N 7°43′26″O / 42.374224, -7.723753Coordenadas: 42°22′27″N 7°43′26″O / 42.374224, -7.723753
Poboación149 hab. (2017)
Entidades de poboación11[1]
editar datos en Wikidata ]

Patrimonio editar

Igrexa de San Cristovo de Armariz editar

A igrexa de San Cristovo de Armariz foi edificada no século XII. Existe un escrito de 1182 no que o rei Fernando II doa dita igrexa ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. A concesión destes privilexios supuxo que esas terras se encontran sometidas ao mosteiro e este ten dominio sobre o territorio.

 
Canzorros na igrexa de San Cristovo de Armariz.

Esta igrexa atópase algo afastada do núcleo de poboación, apartada das aldeas da súa contorna e está rodeada polo cemiterio. É de estilo románico tardío. Na actualidade utilízase só para actos funerarios. Existen varios elementos da construción que confirman a antigüidade da igrexa, como os canzorros da cornixa, a portada ou a planta. Como era tradicional na Idade Media, a súa porta principal está orientada para o oeste e a ábsida para o leste. Crese que na entrada do atrio houbo un cruceiro, agora inexistente, no lugar que agora ocupa o gran carballo que a preside.

A igrexa permaneceu inalterada durante séculos. A primeira obra da que se ten constancia é de 1682. Foi a construción da sancristía, hoxe desaparecida, que se engadiu á parte esquerda do presbiterio, pola parte exterior do seu lateral norte, que abriu a correspondente porta a través do muro da igrexa. Cando as cerimonias parroquiais se trasladaron á capela de San Ramón, esta porta foi tapiada e a sancristía desmontada.

Na parede esquerda da igrexa, construíuse un habitáculo con paredes de pedra dunha altura de dous metros que foi utilizado como osario. Alí depositábanse os restos óseos que se retiraban da terra do cemiterio e os que aparecían ao escavar novas sepulturas.

No ano 1731, inaugurouse  o retablo da capela maior da igrexa que, tanto polo custo como polo número de artesáns que interviron na súa construción, foi unha obra de grande envergadura. Non houbo máis obras ata 1754, cando se construíu o campanario que loce actualmente.

A igrexa conta con tres altares laterais, ademais do altar maior dedicado a San Cristovo.

É necesario destacar a pía bautismal e a pía da auga bendita. A primeira é de grandes dimensións con decoración de motivos xeométricos no seu exterior e orixinaria do século XIII. No bordo superior ten dúas argolas de ferro opostas, que se usaban para pasar unha barra de ferro e así cerrar a tapa de madeira que a cubría cun parafuso. A pía de auga bendita é moito máis sinxela, a súa época é indeterminada, pero posiblemente sexa coetánea da pía bautismal.

Actualmente presenta un estado de abandono, motivado pola esixencia das autoridades culturais da Xunta. Non se permite tocar os paramentos á espera de que os técnicos de restauración artística os examinen na busca de frescos antigos.

Lugares e parroquias editar

Lugares de Armariz editar

Lugares da parroquia de Armariz no concello de Nogueira de Ramuín (Ourense)

Armariz | Castrelo | O Covelo | As Pereiras | Requeixo | Sa | A Tellada | Valdoasno | Ver de Cima | Ver de Fondo | Ver de Miogo

Parroquias de Nogueira de Ramuín editar

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Nogueira de Ramuín

Armariz (San Cristovo) | A Carballeira (San Xosé) | Cerreda (Santiago) | Faramontaos (Santa María) | Loña do Monte (San Salvador) | Moura (San Xoán) | Nogueira de Ramuín (San Martiño) | San Miguel do Campo (San Miguel) | Santa Cruz de Rubiacós (Santa Cruz) | Santo Estevo de Ribas de Sil (Santo Estevo) | Vilar de Cerreda (Santa Baia) | Viñoás (Santa María)

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar