Segundo a tradición xudía e cristiá, a Arca coñecida como Arca da Alianza, Arca do Pacto, ou Arca do Convenio (en hebreo: ארון הברית), nomeada tamén como a Arca de Yahveh ou Arca do Testemuño, era un obxecto sagrado que gardaba as táboas de pedra que contiñan os Dez Mandamentos. De acordo con algunhas interpretacións tradicionais do Libro do Éxodo,[1] dos Números,[2] e da Carta aos Hebreos[3] a Arca tamén contiña a vara de Aharón, un frasco de maná e o primeiro rolo da Torah escrito por Moisés; porén, o primeiro dos Libros dos Reis di que nos tempos do rei Salomón, a Arca contiña só as dúas Táboas da Lei.[4] Segundo o Libro do Éxodo, a Arca foi creada por orde de Deus, seguindo as instrucións dadas a Moisés no Monte Sinaí.[5] A Arca simboliza a unión de Deus co seu pobo. Crese que desapareceu coa destrución do templo de Xerusalén polo rei Nabucodonosor II.

A Arca introducíndose no Templo.

Descrición editar

A Arca estaba feita de madeira de acacia negra, revestida por dentro e por fóra con láminas de ouro puro. Medía 1,31 m de longo por 0,78 m de alto e ancho. Unha grilanda de ouro rodeábaa na súa parte superior. A ambos lados levaba fixos catro aneis de ouro, a través dos cales se introducían dúas pértegas de acacia recubertas tamén de ouro. Sobre a tapa da arca ou propiciatorio descansaban dous querubíns, igualmente dourados.

A Arca estaba situada no sancta sanctorum, o lugar máis sagrado do Templo. A súa utilidade foi variada, pois non só estaba destinada a conter elementos sagrados, senón que ademais tiña sona de ser unha arma capaz de protexer ó pobo elixido, sendo brazo executor dos castigos de Yaveh.

O seu transporte e coidado estaba reservado á tribo dos levitas. Ela abría a marcha durante os anos de expedición polo deserto e estaba sempre á cabeza do pobo.

Notas editar

  1. Éxodo 16:33-34. ISBN. 
  2. Números 17:25-26. ISBN. 
  3. Hebreos 9:4. ISBN. 
  4. I Reis 8:9. ISBN. 
  5. Éxodo 25:10-16. ISBN.