Arantón, Santa Comba

parroquia civil do concello de Santa Comba

San Vicente de Arantón[1] é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Santa Comba. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 316 habitantes (172 mulleres e 144 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2013 cando tiña 328 habitantes. Os seus lugares son As Antes, Arán, Arantón, A Cabreira, A Cova, A Ponte de Abaixo, Rieiro, O Valiño, Vilarnovo e A Xesteira.

Arantón
Igrexa de San Vicente de Arantón.
ConcelloSanta Comba[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°03′09″N 8°50′43″O / 43.0526, -8.8453Coordenadas: 43°03′09″N 8°50′43″O / 43.0526, -8.8453
Poboación326 hab. (2019)
Entidades de poboación10[1]
editar datos en Wikidata ]

Lugares de interese editar

O río Xallas editar

Un lugar fermoso para pasear son as beiras do río Xallas ó seu paso pola parroquia de Arantón, concretamente polos lugares de Rieiro e Xesteira, que dá paso a un dos puntos máis bonitos do río. Desde a presa de Rieiro e Xesteira pódese pasear ata antes do lugar da Cova que é cando acaba.

Cruceiros editar

Cruceiro do Adro editar

Atópase no adro da parroquia. Está feito en dous tipos de material: a plataforma, o pedestal e o fuste son de granito, e o capitel, a cruz e as imaxes de Cristo e a Virxe son de formigón. Érguese sobre unha plataforma de forma cuadrangular de dous graos cun pedestal de forma semiesférica. O varal, de sección circular no principio, convértese en cadrado no seu remate.

No capitel de forma cuadrangular hai un astrágalo cuadrangular liso, volutas, follas de acanto e un ábaco de lados curvos e vértices achafranados. A cruz é de sección circular e aparencia leñosa con nós; sérvelle de soporte no seu anverso á imaxe de Cristo crucificado, con tres cravos, as mans pechadas, a cabeceira inclinada á dereita, a coroa de espiñas e o pano de pureza anoado diante. No reverso represéntase á Virxe en actitude orante, cos dedos entrelazados, e apoiada sobre unha peana. O cruceiro ten unha mesa pegada de granito

Cruces de pedra no muro do adro editar

Son catro cruces que se atopan no muro do adro da parroquia. Son moi similares, de granito, sobre pedestais tamén de granito, sección octogonal e remates florenzados. Estas cruces de pedra que se atopan sobre os muros dos adros, están sinalando ou acoutando un espazo sagrado, fronte a outro profano exterior.

Cruz de pedra no lugar das Antes editar

Atópase no sitio coñecido como cruceiro das Antes de Arriba, sobre un valado, á entrada dunha propiedade, e nunha encrucillada de camiños. É unha cruz de pedra moi sinxela, e ten un brazo roto. Os veciños de idade lembran a cruz neste lugar dende sempre, e afirman que nin os vellos de antes sabían cando se puxera. Por tradición oral, transmítese a historia de que neste lugar mataran un home.

Cruz de pedra no lugar de Cabreira editar

Está no agro de Constenla, sobre un valado. É de granito, de sección octogonal e remates florenzados. Está apoiada sobre un baseamento de forma circular. É a única cruz con inscrición, hoxe case ilexible, coa data en que se fixo (1934) mailo nome do defunto (Antonio Rodríguez).

Cruz de pedra no lugar da Cova editar

É unha cruz de granito que se ergue sobre un tambor cilíndrico feito con pedras de cachotería; posúe un pedestal de granito; a cruz é de sección cuadrangular achafranada, con remates florenzados e botón central. Sobre os brazos da cruz, vémo-la forma doutra cruz, feita en baixorrelevo. Por tradición oral, os veciños reproducen a historia de que un home que viña da feira da Santa Comba, caeu do cabalo neste lugar, e morreu.

Igrexa parroquial editar

Foi construída nos séculos XVIII e XIX. É de estilo barroco. Presenta unha planta de salón, cunha soa nave dividida en tres tramos, capela maior rectangular e sancristía apegada ó muro norte a que se accede dende o interior do presbiterio. A nave cóbrese cunha bóveda de canón apoiada sobre arcos faixóns.

A fachada caracterízase pola existencia dun arco de medio punto no que se encaixa a porta de entrada, unha fornela coa imaxe do santo, dous vans que iluminan o coro, unha balaustrada a modo de cerramento superior e unha torre de planta cadrada dividida en tres corpos; primeiro corpo que refuxia o reloxo, un segundo que alberga ás campás e o terceiro formado por un tambor con arcos de medio punto peraltados, que soportan unha cúpula semiesférica que se decora con gallóns.

Vexetación e cultivos editar

Predomina a vexetación caducifolia: carballos, castiñeiros, ameneiros..., todas elas especies vexetais de lugares húmidos. Antigamente había grandes espazos de monte, que actualmente desapareceron ó preparárense as terras para a gandería. Tamén se notou un grande incremento de especies foráneas, como o eucalipto e o piñeiro, que teñen gran rendemento para a obtención da madeira.

Porén, desde 1999 experimentouse unha baixada na plantación destas especies e un importante incremento das árbores autóctonas. No que respecta ós cultivos destacan o trigo, o millo, o centeo, as patacas e as hortalizas. Moitos destes produtos, ademais de seren para consumo propio, tamén son empregados para a manutención do armentío bovino.

Como cultivo relevante de anos atrás destaca o liño, o cal tiña unha gran complexidade e mestría, que lle serviu para ser un elemento importante dentro da historia da parroquia. Outro método importante de obtención de teas era a pel de ovella, que tamén tivo unha grande explotación.

Tradicións editar

Ata o ano 1968 había o costume de saír cantar os nadais e os reis polas casas, e participaban grupos de veciños de todos os lugares da parroquia. O que recadaban, parte en diñeiro e parte en especie, era para facer festas e o resto repartíano entre eles.

Unha tradición que hai moi pouco desapareceu era a pedida de man para unha voda e a celebración da festa nupcial. Antigamente o noivo acudía á casa do que sería o seu sogro e pedíalle a man da filla; debía asegurar o seu porvir, polo que tamén tiña dereito a pedirlle unha vaca, coa que farían a festa, e coñecer a cantidade de terra que herdaría a súa futura esposa. Se isto lle conviña ó noivo e o pai da noiva estaba de acordo púñase a data para a voda.

Entre os anos 1965 e 1975 introduciuse o costume de nomear cada tres anos a tres persoas da parroquia (eran os chamados "homes bos") para intervir nos problemas entre veciños, buscar melloras para a parroquia..., co fin de evitar a vía do xulgado. Isto tivo a súa eficacia durante algún tempo, pero xa non se conserva.

Festas patronais editar

A festa máis importante é a de San Vicente, que se celebra os días 22 e 23 de xaneiro. Máis tarde está a festa de santa Ana, que se celebra o día da Ascensión. Chegando o verán, celébrase a festa de santo Antonio, o 13 de xuño, que é moi soada, pola devoción que todos os veciños e moitos habitantes doutras parroquias lle teñen. Existe a confraría deste santo dende mediados do século XVIII, que tivo moita importancia dende 1798 ata 1910.[Cómpre referencia] Neste tempo o número de confrades afiliados era grande, e ademais eran de moitas parroquias distintas. Estes confrades achegaban un ferrado e medio de trigo e a cambio recibían a véspera da festa dous quilos de pan. Isto segue vixente. Houbo unha época na que na véspera da festa matábanse tres ou catro vacas, para repartir xunto co pan entre os participantes. Isto recibía o nome de "pitanza". O diñeiro que se reunía, despois de pagada a festa, gardábase para as necesidades da igrexa e para celebrar misas na honra do santo.

Lugares e parroquias editar

Lugares de Arantón editar

Lugares da parroquia de Arantón no concello de Santa Comba (A Coruña)

As Antes | Arán | Arantón | A Cabreira | A Cova | A Ponte de Abaixo | Rieiro | O Valiño | Vilarnovo | A Xesteira

Parroquias de Santa Comba editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Santa Comba

Alón (Santa María) | Arantón (San Vicente) | Bazar (San Mamede) | Cícere (San Pedro) | Fontecada (San Martiño) | Freixeiro (San Fins) | Grixoa (San Xoán) | Grixoa de Esternande (Santa María) | Mallón (San Cristovo) | Montouto (Santa María) | A Pereira (Santo André) | San Salvador de Padreiro (San Salvador) | Santa Comba (San Pedro) | Santa Sabiña (San Xulián) | Ser (San Pedro) | Vilamaior (Santa María) | Xallas de Castriz (San Pedro)

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar